O grupo poético Alalá edita un libro para conmemorar o seu vixésimo aniversario

Na obra, que será presentada o día 15 deste mes nun recital no Alovi, colaboran Marica Campo, Helena Villar Janeiro ou Rábade Paredes
Integrantes do grupo poético Alalá, na biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco. M.MANCEBO
photo_camera Integrantes do grupo poético Alalá, na biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco. M.MANCEBO

O grupo poético Alalá vén de editar un novo libro co que conmemora o seu vixésimo aniversario. É o terceiro poemario que publica a formación pontesa dende que se constituíu cando algunhas das súas plumas se coñeceron a raíz dun certame xa desaparecido.

"Foi Vázquez Pintor, o gañador do I Premio de Poesía Uxío Novoneyra que convocaba o Concello das Pontes o que nos animou a xuntarnos", contan, recordando que dende os inicios quixeron ser "independentes" e que funcionan de forma "autónoma".

E así continúan, empregando a biblioteca municipal como lugar de reunión "co apoio incondicional de Anabel Alonso", explican, mentres definen á responsable da instalación como a "alma" e o "motor" do grupo.

Anabel encárgase de coordinar as actividades que organizan. Nestes 20 anos fixeron de todo: cursos de escrita, lecturas en radio, obradoiros nas escolas e mesmo colaboracións con outras entidades locais, dende Artpo ao conservatorio, coas que celebraron diversos eventos.

Tamén promoven, coincidindo coas festas patronais, os Fotopoemas, unha iniciativa que saca a poesía á rúa acompañada de imaxes de fotógrafos locais e que vai cumprir dez edicións.

"Está entre os nosos desexos poder facer unha publicación", din, mentres recordan que a súa actividade estrela son os recitais, nos que teñen "un público moi fiel", e que se celebran na primavera e no outono, aínda que tamén fixeron algún noutras datas.

A actividade estrela de Alalá son os recitais, nos que teñen "un público moi fiel", recoñecen

Este ano o tradicional recital de outono retrasouse un pouco no tempo para poder presentar o libro conmemorativo, un acto que será no auditorio Cine Alovi, o venres 15, ás 21.00 horas.

Na obra, ademais dunha ducia de poemas de cada un dos integrantes -o grupo está formado por Gloria David, Ofelia López, Santi del Moral e Aníbal Ánxel, que levan desde os comezos, e María del Carmen Freire e Silvia Pardo, que se uniron despois-, tamén haberá versos de Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Marica Campo, Suso López, Iago Rodríguez e Estevo Creus. Estes tres últimos estarán, ademais, presentes no recital.

Un acto no que reivindicarán o seu peso na historia local sendo nexo de unión coa poesía para moitos ponteses, un mundo sobre o que aínda hai "prexuízos". "A poesía obriga a pensar, hai que razoar para desfrutala", din, desexosos de que os mozos se enganchen ás letras e "á cultura non institucionalizada" que as plumas ceibes deste grupo promulgan.

Publicacións con selo Alalá

Este libro, que xa está á venda, é o terceiro que publican de maneira conxunta despois de ‘Cinco sentidos’, en 2005, e ‘Dez anos de poesía nas Pontes. Antoloxía X Aniversario do grupo poético Alalá’, en 2013.

Ademais dos dous exemplares colectivos, Santi del Moral tamén sacou dúas publicacións individuais, ‘Instantes detidos’ e ‘Da man do silencio’, e prepara unha terceira. Tamén se animou a publicar en solitario Ofelia López con ‘Fume de cerna’.

Comentarios