O Grupo Ingemar prevé un Ere con 47 despidos, seis deles en Guitiriz

Cinco serían traballadores da fábrica de Trasparga e un das canteiras, segundo concretan dende a CIG sobre un expediente que a compañía ten pensado presentar o día 12 de marzo en Llanes (Aturias)

A dirección do Grupo Ingemar reuniuse onte co comité de empresa da firma en Guitiriz para informar sobre o Expediente de Regulación de Emprego (Ere) que prevé presentar e que afectaría a 47 empregados da compañía, seis deles na filial guitiricense.

Segundo concretou Afonso Losada, da CIG, a maior repercusión teraa en Euskadi, onde se extinguirían os contratos de 31 dos seus 37 traballadores, mentres que en Trasparga serían cinco os afectados, aos que se sumaría un operario das canteiras. O resto de despedimentos repártense entre os outros cinco centros de traballo da empresa en España, que integrou as súas distintas filiais nunha única firma, Grupo Ingemar.

Losada precisa que a dirección ten fixada para o 12 de marzo a data de presentación do Ere en Llanes (Asturias) e que está en proceso de constitución a comisión negociadora que velará polos intereses do persoal, avanzando que serán cinco os delegados de Guitiriz que a integren.

"Presentan un Ere para solventar a situación en Euskadi e involúcrannos aos outros centros de traballo coa única finalidade de que lle sirvamos de palanca para facilitar o Ere", di Losada, que asegura que en Guitiriz, onde agora traballan 138 persoas entre todas as seccións, "a xente fai falta e aínda faría falta máis, por iso non estamos de acordo, veremos que facer cando presente a documentación".

Carlos García, de UGT, sindicato que tamén conta con representación, incidiu en que esta é unha primeira toma de contacto e que haberá que ver como se afronta.

Comentarios