sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

Unha granxa de Muras reinvéntase para vender produtos de porco celta

Mario Rouro na súa explotación. EP
Mario Rouro na súa explotación. EP
Mario Rouco puxo en marcha a empresa Céltico pouco antes de que empezase a pandemia de covid 

Nunha aposta por poñer en valor o porco celta e emprender no rural, o murés Mario Rouco —enxeñeiro agrónomo e actual teniente de alcalde do Concello de Muras— puxo en marcha en 2015 o Castro de Sianda, unha explotación da que agromou pouco antes da pandemia Céltico, unha nova firma de venta de produtos frescos, salgados e embutidos que vende a tendas de barrio, hostelería ou pequenos supermercados.

"Como empresa, Céltico púxose en marcha haberá dous anos pero a primeira venda sería en xaneiro ou febreiro, e xa nos colleu a pandemia", di Mario Rouco, que asegura que en circunstancias extremas hai dificultades pero tamén oportunidades. "Cando acabei a carreira tamén estabamos en plena crise económica", recorda, mentres fala da empresa privada e de diversos proxectos ata que apostou por "volver á terra".

"Uns tíos compraron unhas propiedades no Seixo, no Burgo, e había unha zona de carballeira grande, perfecta para o porco celta", relata. A explotación empezou con moi poucos animais ata chegar a 25 ou 30 cebos anuais, pero a venda só estaba destinada ao cliente final no matadoiro. "Decidín dar un paso máis para aproveitar para facer outros produtos e vender a tendas", di Mario, que aínda que asegura que a día de hoxe a empresa dá perdas, confía en ir posicionándose cun "produto diferenciado e que lle guste ao público". "Hai que concienciar sobre a diferenciación. Asoporcel está traballando ben, pero queda moito que remar", di.

En 2017 integrouse na cooperativa Tres Fuciños, da que foi vicepresidente, pero acabou dándose de baixa porque centralizaban a produción en Santiago. "Serviume para darme conta de que se podía facer. E empecei a estudar márketing, participar en coworkings, fixen analíticas de mercado e plans de vendas", explica.

Na actualidade, Céltico suma 50 clientes, unha cifra que espera incrementar a 100 en verán. E pronto abrirá unha web para ter outro escaparate da súa marca.

Vende produtos en fresco, salgado ou embutidos, entre os que destacan o chourizo e un salchichón con cabalo de Puraga

"Terra Chá e As Pontes son a base actualmente, pero vendemos en diferentes puntos das provincias da Coruña e Lugo", apunta o responsable de Céltico, unha das arredor de dez firmas galegas que venden produtos de porco celta.

"Compro animais a outras ganderías de confinaza porque os da miña explotación non chegan. Empezamos matando un porco semanal e agora estamos nunha media de tres ou catro. O obxectivo sería chegar aos cinco ou seis para cubrir máis clientes", di Mario, que enumera algunhas explotacións como Couboeira, de Mondoñedo; Fraga do Coto, en Vilalba, ou Porcos Celta da Ulloa.

"Matamos en Frilea, en Castro, traballamos cunha sala de despece que subcontratamos, Aldea de Barrio, de Sobrado dos Monxes, e repartimos con Correos Express e Seur", di o responsable de Céltico, que ten claro que o embutido é o que os pode diferenciar. "Temos formulación artesá adaptada aos mundos de hoxe", defende. O chourizo é o "produto estrela", e o máis novidoso, un salchichón con mestura de carne de cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).

"Estamos nun momento moi atípico, pero non hai que ser pesimistas", di, ao tempo que agradece o apoio a toda á súa familia e mira ao futuro con expectativas. "Oxalá cheguemos a bo porto".

Unha granxa de Muras reinvéntase para vender produtos de porco celta
Comentarios