A reportaxe da Chaira

O gran legado solidario de Xosé Luís Campo Ansede para Guitiriz

O Concello e varias entidades herdaron bens deste veciño, finado en febreiro, que recibiu sendas homenaxes de Xermolos e da AECC
Homenaxe a Campo Ansede na cea contra o cancro de Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Homenaxe a Campo Ansede na cea contra o cancro de Guitiriz. C.PÉREZ

Un dos bos e xenerosos. Un mestre dentro e fóra das aulas. Un namorado da súa terra e un defensor da súa lingua. O do viño ou a cervexa no bar Centro, o das andainas e as viaxes, o das foliadas, o de Pardiñas, o seareiro do Athletic de Bilbao. Un viveirense de adopción e sempre, sempre, un guitiricense de corazón.

É Luís, é Campo, é Anse, é Chuchú, é o padriño, é Rubio, é Schuster, é O Loiro. "Un tipo tranquilo, de sorriso retranqueiro, gargallada contaxiosa e razoamentos concluíntes". "Un tipo de ollos azuis, louro, que botaba a man dereita por detrás da cabeza para rascar a orella esquerda".

É Xosé Luís Campo Ansede, o merecente do último número, o 19, da colección monográfica Guieiros, co que a asociación cultural Xermolos lle rende tributo, e da homenaxe da IX Cea Solidaria organizada pola xunta local de Guitiriz da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Portada do Gueiro sobre Campo Ansede. PRIMITIVO
Portada do 'Guieiro' sobre Campo Ansede, obra de Primitivo Marcos Ferreiro. PRIMITIVO

En febreiro deste 2022, un sarcoma fixo que marchase prematuramente, apenas uns meses despois de ser sabedor da súa enfermidade. O único fillo de Xesús, de Lagostelle, e de Paquita, dos Vilares, nacera había 67 anos na Casa do Rapeiro da aldea de Sesulfe. 

Alí, de neno, ensináronlle a valorar a importancia do patrimonio cultural e natural, transmitíronlle o amor polas raíces e o agarimo pola familia, pola de sangue e pola de corazón. Alí comezaron a moldear ao home no que se converteu. O que quixo que o seu pasamento tivese significado, trocando as bágoas nun motivo de orgullo para a familia, para as amizades, para a veciñanza. 

O Loiro sentou ante o notario para facer un testamento solidario e contribuír unha derradeira vez con todas aquelas causas que lle importaban. Ao Concello de Guitiriz legoulle a Carballeira dos Pasos, unha finca de ao redor de 1,5 hectáreas á beira do río, chea de árbores autóctonas, coa encomenda de preservar eses carballos e eses castiñeiros e de convertela nunha área recreativa "para o desfrute da veciñanza". 

A súa compañeira Beatriz destacou o moito que quería ao seu pobo, malia a non vivir nel, e desexou que os seus bos propósitos sexan correspondidos

A Cáritas guitiricense, á asociación cultural Xermolos e á SD Guitiriz dooulles, a partes iguais, o que houbese na súa conta bancaria no momento do seu pasamento; a Oxfam Intermón, as súas fincas rurais, para que se familiarizasen coa realidade galega; e á xunta local de Guitiriz da AECC, un céntrico baixo no número 9 da Rúa do Concello.

"O agasallo que máis me motivou, polo que Xermolos lle fixo a revista, foi a carballeira (...). Transmite o seu pensamento, a súa cultura, o seu xeito de vivir", salientaba Alfonso Blanco, de Xermolos, aludindo a unhas terras nas que, ademais das árbores, quedan uns antigos pasos: "Conserva unhas pedras que marcan a nosa historia, coas pisadas de xeracións de mulleres e de homes que viñan de Sesulfe a Guitiriz". Alí tamén están as de Xesús e as de Paquita, como lembraba Alfonso. "O que fixo é froito dos seus pais, os seus grandes mestres", dicía, facendo fincapé na importancia deste legado solidario "polo exemplo que nos dá". 

Relatores na presentación do Guieiro dedicado ao Loiro na Habanera. RAÚL RÍO
Relatores na presentación do Guieiro dedicado ao Loiro, na Habanera. RAÚL RÍO

Dende a asociación quixeron que a súa figura perdurase coa edición dunha revista monográfica —presentouse na Casa Habanera en xullo, nun acto moi concorrido— chea de lembranzas dun guitiricense que elixiu "pasar pola vida cun sorriso na cara", tal e como se indica nun dos textos recollidos ao redor da figura dun home creativo, practicante da música e do teatro na súa mocidade, articulista no Boedo ou profesor no País Vasco, Celeiro e Viveiro.

O coordinador de Xermolos lembrábao nun vídeo proxectado na cea contra o cancro, no que a compañeira de Xosé Luís, Beatriz Moreda, salientaba o moito que a Campo, como ela sempre lle chamou, lle gustaba axudar e tamén o "contento" que chegaba sempre a Guitiriz, "o seu pobo", ao que "el tanto quería". 

No seu testamento, Campo Ansede legoulle terreos rústicos a Oxfam Intermón, un baixo á xunta local da AECC e repartiu os fondos dunha conta entre Cáritas, Xermolos e a SD Guitiriz a partes iguais

"Gustaríame que dalgún modo fose correspondido", desexaba tamén Beatriz, agasallada na cea cun ramo e, sobre todo, co cariño e o agradecemento de todos por ser a cómplice necesaria para que o Xosé Luís poidese materializar as súas últimas vontades, detalladas na voz da súa curmá Ana.

Dende Oxfam Intermón agradeceron o "testamento solidario" de Xosé Luís, co que acadou que "su compromiso transcendiera su paso por este mundo", mentres que Marisa Pérez, de Cáritas, avalaba a "boa persoa" que era o Loiro e apuntaba que "non é moita cantidade, pero para nós é moitísimo, para tapar moitos furados".

Homenaxe a Campo Ansede na cea contra o cancro de Guitiriz. C.PÉREZ (4)
Homenaxe a Campo Ansede na cea contra o cancro de Guitiriz. C.PÉREZ 

"Agradecemos que se teña acordado de nós e que poña en valor o noso labor, tentaremos sacar o mellor rédito posible a esta contribución e manter vivo o seu espírito", dicía o presidente da SD Guitiriz, José Manuel Lorenzo, ao tempo que as súas amizades recordaban que para Schuster, máis importante ca que o equipo gañase ou perdese, era que tivese xuvenís.

En nome da corporación municipal, Xosé Lois González Souto Pereira, voceiro do BNG e amigo persoal de Chuchú —alcume derivado do seu bo carácter—, agradeceu a súa "xenerosidade inmensa", mentres que o voceiro do PP, Xosé María Teixido, lembraba tamén aos seus pais e poñía en valor unha decisión tan altruísta. 

O Concello herda a coñecida como Carballeira dos Pasos, coa condición de que conserve as arbores autóctonas e habilite unha área recreativa

A alcaldesa, Marisol Morandeira, amosou tanto o agradecemento do Concello como o desexo de cumprir coa súa vontade en canto sexa posible. "Tiña as cousas moi claras e podemos sentirnos afortunados por residir nun concello que ten este tipo de veciños", concluíu a rexedora no vídeo proxectado na novena cea da AECC ante máis de 200 persoas.

Os grupos Na Casa Zoqueiro e Os Trileros poñían a nota musical a esta xornada de lembranza e de homenaxe celebrada no restaurante La Casilla, na que tamén houbo unha poxa por varios artigos, venda de detalles doados por Montse Freire e o sorteo de diversos agasallos entre os presentes, expostos nunha mesa presidida pola foto do Loiro que, á súa vez, tamén foi un agasallo de Gráficas Lar de Viveiro, en agradecemento ao que foi o mestre dalgúns dos integrantes do equipo. 

Presentación do Guieiro dedicado ao Loiro na Habanera. RAÚL RÍO
Presentación do Guieiro dedicado ao Loiro na Habanera. RAÚL RÍO

A xunta directiva da entidade que preside Regina Polín agradeceu todas estas contribucións, igual cá da Feira de Parga, que lles está a ceder un local, mais, ante todo salientou a solidariedade de Xosé Luís Campo Ansede, que foi quen de pensar en axudar a entidades que traballaban a prol daquelas causas que a el lle parecían xustas, mesmo para pór o seu gran de area para avanzar na loita contra a enfermidade que o afastou de todo o que quería, o cancro.

E como escribe no Guieiro Marica Campo, no poema que lle dedica, Contra morte e derrota:

Tras da súa verdade habita a gran falacia
de que o adeus é fronteira; porén, nós coñecemos
o alfabeto do amor, que é alfabeto de vida.
Con el ti escribiches páxinas solidarias,
leccións de mestre sabio humanamente fondas.

Comentarios