A CHAIRA, 15 ANOS: INDUSTRIA

O gran despegue dos drons e a aterraxe forzosa do carbón

Coa economía a medio gas pola pandemia, os concellos continúan a loitar por conseguir novo chan industrial para atraer empresas 
2016 ▶ Endesa dinamita unha das apiladoras da mina. AEP
photo_camera 2016 ▶ Endesa dinamita unha das apiladoras da mina. AEP
Ollo ao dato 
O Concello puxo en marcha en 2009 o Instituto Pontés de promoción Económica (Ippec) para dar resposta e asesoramento e durante tres anos organizou o As Pontes Emprende para premiar o autoemprego e recoñecer traxectorias. Jesús Docampo, de Marmolería Puentes, foi o primeiro homenaxeado (2012), seguido de Alfonso Formoso (2013) e Bienvenido Acebrón (2016). 
Aquel día 
O 23 de febreiro de 2019 organízase a I Gala de Empresarios de Vilalba, na que foron galardoados Alberto Román, como o Mellor Empresario pola súa aposta no sector eólico con Tecnorenova, e Marta Seoane, como Emprendedora do Ano, con Carpers e a súa xenebra rosa. A segunda impediuna a pandemia. 
Escrito en pedra 
Hai homenaxes a empresarios espallados por todo o rueiro. En 2017, nas Pontes inaugurouse unha nova praza cunha escultura de Miguel Couto en recordo de José, Manuel e Roberto Tojeiro, fundador do grupo Gadisa.  

Hai cousas que empezan e cousas que acaban. E facendo balance, nestes 15 anos de suplemento da Chaira, queda claro iso, e que tamén hai espazo sempre para as sorpresas. Así, mentres despegan os drons, e con eles o sector aeroespacial como motor de innovación e de emprendemento, dende un pequeno e esquecido aeródromo que construíron os nazis en 1943 en Castro de Rei, e que o Real Aeroclub de Lugo mantivo só en pé, prodúcese a aterraxe forzosa do carbón nas Pontes. 

O que parecía inamovible hai uns anos, pese a que tantas páxinas ocupou con reivindicacións e loitas —moitas polo decreto do carbón que ameazaba en 2010 con paralizar as térmicas de carbón importado— vive agora a súa propia conta atrás. Endesa segue adiante coa tramitación do peche da central térmica, previsto para este ano, e os esforzos por buscarlle un futuro á planta coa queima de biocombustibles xa case se disiparon. A eléctrica sempre defendeu que non é viable e agora todas as miradas apostan por centrarse nun plan B para que a transición sexa realmente xusta. 

As administracións buscan atraer investimentos e novos proxectos, mentres Endesa, que tamén o fará a través do seu plan Futur-E, ten a súa propia aposta pola enerxía eólica —instalará nas Pontes unha plataforma loxística e de operación para todos os parques a nivel nacional— e un proxecto dunha central de hidróxeno verde sobre a mesa. Non é o único para a localidade. Hai outro de Reganosa e os dous dependen de axudas europeas. Os Next Generation centran as esperanzas de moitos. 

E mentres o futuro é incerto —o peche da central terá repercusións nas Pontes pero tamén noutros concellos da Terra Chá— o que semellaba ciencia ficción cando saía da rotativa o primeiro número da Chaira, está cada vez máis preto de ser unha realidade. 2015 foi o ano do despegue de Rozas. 

Primeiro o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta) comenzou a reconversión das instalacións do antigo aeródromo, que se converteron, tras un investimento de dez millóns, no Ciar, un centro punteiro e de referencia, de futuro. E a Xunta, coas súas socias, Babcock e Indra, ás que logo se sumou Boeing, empezou a darlle forma á Civil UAVs Initiative e os drons despregaron as ás dunha industria incipiente. Nestes anos o polo aeroespacial de Galicia, centralizado na planicie chairega, mobilizou 164 millóns de investimento público e privado e axudou a desenvolver 59 proxectos da man de 50 empresas, universidades e centros tecnolóxicos que involucraron a 937 profesionais. 

Á espera das certificacións dos proxectos para que as empresas empecen a ensamblar drons nos hangares recén estreados no novo parque empresarial e tecnolóxico de Rozas, a Xunta acaba de lanzar a nova folla de ruta do polo aeroespacial de Galicia ata 2025, para o que hai comprometidos 70 millóns. Preséntase como un proxecto tractor que tamén mira a Europa na procura de máis fondos.  

A mirada atrás, na Chaira, e nos concellos que habitan as súas páxinas, deixa dúas grandes crises que resentiron a economía local, igual que a global. En 2008 estoupou a crise financeira facendo un efecto dominó que comenzou en EE.UU. e rebentou en España a burbulla do ladrillo. Empezou unha época de axustes, de destrución de emprego e de rescates bancarios... que se prolongou ata 2013. Tras anos de respiro, 2020 chegou coa pandemia, e a economía mundial volveu resentirse. 

Neste contexto, coas mans máis atadas e con necesidades claras, os concellos continúan a loitar por conseguir novo chan industrial para atraer investimentos e empresas. A busca é clave nas Pontes —o Concello está en negociacións coa Xunta e coa propia Endesa, que achegará terreos— e unha vella demanda en Vilalba —os empresarios levan anos solicitando a creación de solo industrial, tantos como e o acceso á A-8, pero un proxecto xa en marcha en municipios como Castro de Rei, cunha nova ampliación do parque empresarial de Castro, e en Cospeito, onde xa teñen orzamento e actuacións tanto en Feira do Monte como en Muimenta. 

O solo dispoñible é fundamental para un futuro que tamén ten que apostar pola diversificación, algo do que a comarca chairega sabe bastante. Porque pese a estar terra adentro, a Terra Chá pode ulir a mar —en Castro aséntase un cocedoiro de mexilón e en Muras fabrícanse a gran maioría das caixas de pescado que levan os barcos—, transforma litros e litros de leite con grandes lácteas que soportan centos de postos de traballo, ten unha longa e importante tradición zapateira, é o lugar onde se friten algunhas das patacas máis famosas, onde se traballa a pedra dende hai décadas ou onde se concentra a formación en enerxías renovables.

Porque a Terra Chá, onde tamén houbo proxectos mineiros, e outros moitos se frearon por oposición popular, tamén encabeza a lista dos concellos galegos con máis parques eólicos instalados, con Muras e Abadín nos primeiros postos dun ránking que seguirá medrando, seguro. 

Protagonista
imgDataÁlvaro Fraga. É o presidente da asociación de empresarios e comerciantes Sete Pontes de Vilalba, unha das cinco entidades deste tipo que hai no territorio que abarcan as páxinas da Chaira. En total suman arredor de 450 socios e realizan moitas e variadas actividades para promocionar e modernizar o pequeno comercio, mellorar os polígonos industriais, apoiar á hostalería ou atraer novos investimentos. Sete Pontes conta con 200 socios e a Acea de Meira cuns 50. A de empresarios da Pastoriza, que trata de reforzarse, ten 30. Nas Pontes está Cohempo, que alcanza os 120, e Seara, con 56 socios. Esta última en 2018 inaugurou o centro de dinamización empresarial e a incubadora de empresas no polígono de Penapurreira.

Comentarios