Gonzalo Goás: "A nosa música está viva pese ao maltrato das administracións"

É o representante chairego do grupo compostelán Os d'Abaixo, que actúa no Concerto da Cultural Chairega, hoxe no auditorio Carmen Estévez

Gonzalo Goás. EP
photo_camera Gonzalo Goás. EP

Os d’Abaixo apareceu no ano 2010 co obxectivo de animar bailes e festas na contorna de Compostela. Como recorda os inicios?
O noso único obxectivo era tocar para bailes, dun xeito máis parecido a unha foliada informal que a un concerto. Como a todos os membros do grupo nos une unha relación de amizade xa dende aquela, era para nós unha maneira de divertirnos e de desfrutar da música galega. Música que cando é bailada, completa o seu sentido.

Como xurdiu a oportunidade de dar o salto aos escenarios?
A raíz da gravación do primeiro disco en Lorient, comezaron a saír cousiñas e empezamos a tomalo unha miguiña máis en serio e a funcionar como un grupo.

E unha cousa, levou a outra. Tamén amosaron a súa música cargada de enerxía fóra das fronteiras. Recorda algún concerto con especial agarimo?
Podemos dicir que sempre que saímos do país o público trátanos moi ben. Lembro con agarimo a primeira vez que tocamos en Cataluña na Fira Mediterránia de Manresa o ano pasado, apenas uns días despois das malleiras policiais do 1 de outubro. Sentimos unha grande empatía co público catalán e un grande sentimento de solidariedade.

É maior a aceptación da vosa música por parte do público do país ou doutros lugares?
Penso que simplemente se vive dunha forma diferente dentro que fóra. A música galega é unha música cun carácter propio moi forte, cunha inmensa riqueza e variedade. Iso fai que alén das nosas fronteiras suscite grande interese e que guste moito. Na Galiza o público tamén desfruta. Quizáis sexan as administracións públicas as que teñen un problema coa música e a cultura propias, non o público.

"Tocamos en Manresa despois das malleiras policiais do 1 de outubro. Sentimos unha grande empatía co público catalán"

Comentaba que do Festival Intercéltico de Lorient xurdiu o primeiro traballo discográfico. Que se agocha detrás desas melodías?
Está baseado no repertorio que tiñamos para facer os bailes. Nel podemos atopar melodías populares da nosa tradición, así como outras menos coñecidas como as que aprendemos do grande Xabier Blanco. Simplemente tocamos pezas que nos apetecía, sen comernos moito a cabeza.

Na primavera de 2017 saiu á luz o segundo disco ‘Quixera ser dos paxaros’. Como o presentaría?
Eu diría que se lles gustou o primeiro disco, o segundo vailles encantar. Se lle hai que pór unha etiqueta, podemos dicir que se trata de puro folck galego. Foi feito con agarimo e con bastante máis dedicación que o primeiro. Tanto na elección dos temas como nos arranxos e incluso na estética global do disco.

O primeiro foi gravado ‘en vivo’ e o segundo no estudo. Que aspectos positivos e negativos ten cada un dos traballos?
Gravar no estudo ten a vantaxe de que podes controlar moito máis o resultado final. Isto, obviamente é bo, pero tamén dá moito traballo e trae moitos quebradeiros de cabeza. Gravando en directo non tes ese control e o resultado, se non tan fino, tamén pode ser moi interesante.

Este venres, día 28, regresan a Vilalba da man do Iescha. Que ofrecerán neste concerto?
Unha mestura de temas do primeiro e do segundo disco. Temos moitas ganas de que a xente o pase ben e moita alegría por volver a Vilalba.

Como adoita ser a acollida?
Pois xa é a terceira vez na capital chairega e teño que dicir que sempre foi unha marabilla. Unha morea de amigos e algúns familiares entre o público. Un gustazo!

"Xa temos algunhas cousiñas por aí comezando a ser cociñadas para preparar os temas para un terceiro disco"

Sendo de Abadín, que supón tocar preto da casa?
Sempre lle dá un extra de emoción a un concerto. Fai que un se sinta orgulloso de ser de onde é e da súa xente.

Teñen algún proxecto a curto ou medio prazo?
Temos na cabeza comezar a preparar temas novos para un terceiro disco. De feito, xa temos algunhas cousiñas por aí comezando a ser cociñadas.

Cal cre que é o estado de saúde da música tradicional?
A pesar do maltrato e desprezo que moitas veces podemos observar por parte das administracións e medios públicos galegos, a nosa música está moi viva. Forma parte da vida, da xente. En festas, romarías, bares, reunións de amigos. Levámola moi dentro. Forma parte de nós, coma o idioma.

Como se podería preservar?
Visibilizándoa dun xeito digno nos medios públicos, como fai calquera país orgullo de si. Tendo unha política cultural minimamente digna e coherente, cousa da que carecemos. Contratando música
galega para as festas. Non pode ser que as orquestras leven o 90% do orzamento para música nas nosas parroquias. Indo aos concertos en familia. Aprendendo baile tradicional. Descolonizando un pouco a nosa mente.

"Abadín é o corazón mesmo da Galiza"
É natural de Abadín. Que lle evoca o seu concello?
Abadín, lugar de tránsito entre o Lugo interior e a Mariña. É para min coma o corazón mesmo da Galiza.
Volve con certa regularidade as súas orixes?
Todos os meses, dúas ou tres veces.
Ten algún recuncho ou paraxe especial?
A Fraga Vella, na parroquia de Romariz.
Cando espertou o seu interese pola música?
Cando miña irmá me regalou unha guitarra eléctrica, alá polo ano 1993.
Ten algún grupo musical que lle guste especialmente?
Os Cempés.
E se tivese que quedar só cunha canción, cal sería?
‘O miudiño’
Un disco que non se cansa nuncade escoitar?
‘Viaxe por Urticaria’, de Berrogüeto.
A música é un piar importante da súa vida. Pero que outras afeccións ten?
A horta ecolóxica.
Adícase profesionalmente á ensinanza como mestre de educación primaria. Que é o que máis lle gusta da súa tarefa?
Que é unha fonte practicamente inesgotable de experiencias novas e satisfactorias.


 

Comentarios