lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Gontán abraza a tradición por Santos

Visitantes de todas as idades pasaron pola Feira de Santos de Abadín. SILVIA IGLESIA
Visitantes de todas as idades pasaron pola Feira de Santos de Abadín. SILVIA IGLESIA

Miles de asistentes déronse cita na feira máis emblemática de Abadín, na que se repartiron 900 euros en premios

O tempo deu un respiro e invitou a miles de persoas a achegarse a Gontán, en Abadín, con motivo da ancestral Feira de Santos. Alí os agardaban centos de postos de roupa, de apeiros de labranza ou relacionados coa arte cabalar, así como as tradicionais rosquillas e as castañas asadas.

Un cabalo na Feira de Santos en Abadín. SILVIA IGLESIA

Pero o meirande atractivo está no recinto feiral, onde se congregan compradores e interesados en gando cabalar e vacún. O número de animais mantívose en cifras similares a ocasións anteriores, mentres que a súa calidade foi superior, así coma o seu prezo.

A sorpresa estivo no reparto de galardóns, xa que aos sete premios iniciais, con 700 euros a repartir equitativamente, se sumaron a última hora dous premios máis. Entre os gañadores hai nomes habituais e seis do concello abadinés. Como mellores exemplares equino e bovino venceron o de Jorge Gómez, de Viveiro, e o de José Basanta, de Castromaior, respectivamente, mentres que a mellor cría de cabalo foi a de Darío García, de Gontán, e a elexida no apartado vacún foi a de Estefan Doval, da parroquia pastoricense de Vián. O mellor equino de silla foi o do vilalbés Orlando García.

Na Feira de Santos de Gontán o sentimento xeral dos presentes era de satisfacción polo bo ambiente da celebración

En canto ao número de exemplares, Manuel Rego, de Labrada, alzouse por segundo ano consecutivo como o que máis gando cabalar aportou, con máis de 20 cabezas, mentres que Rocío García, de Candia, presentou 90 vacas e tenreiros.

Ante as dúbidas do xurado, "pola equidade en canto a beleza e calidade dos cabalos e eguas inscritos para o concurso, optouse por entregar un par de cheques máis, valorados en cen euros cada un", explicou Patricia Fraga, concelleira responsable desta festa, quen tamén recalcou o aumento nas inscricións para os premios. Así, a banda de exemplar equino de máis calidade foi para o animal do abadinés José Hermida, e a mellor cría foi a da súa veciña, Celsa Balsa.

Feira de Santos. SILVIA IGLESIA

A pesar de ser unha feira con devoción cara a eses animais, o certo é que algúns presentes percibiron que o sector porcino foi o que máis transaccións acaparou, cuns prezos que rondaban os 200 euros polos exemplares de 120 quilos e entre 90 e 110 euros polos leitóns, o que contrasta coa tendencia á baixa nas vendas de reses e cabalos.

Como novidade para os máis pequenos da casa, nesta edición púxose en marcha o Planetarium Ciencia Kids, que ofreceu varias sesións de cine gratuítas nunha gran cúpula instalada no novo edificio do Concello. Á temática científica engadíuselle o atractivo da tecnoloxía 3D.

Feira de Santos en Abadín. SILVIA IGLESIA

Na Feira de Santos de Gontán o sentimento xeral dos presentes era de satisfacción polo bo ambiente da celebración, que culminou co típico xantar a base de polbo e churrasco e a posterior verbena a cargo do Grupo Fénix.

Gontán abraza a tradición por Santos
Comentarios