GDR Terra Chá: fondos europeos para impulsar o rural

A través da convocatoria Leader 2021-2022, a entidade apoia un total de 13 proxectos que suman un investimento de case 1,3 millóns de euros, 638.141,29 deles subvencionados
Omar Rouco, de Servidron, firma vilalbesa que recibiu unha axuda do GDR, nun traballo en Algeciras. SERVIDRON
photo_camera Omar Rouco, de Servidron, firma vilalbesa que recibiu unha axuda do GDR, nun traballo en Algeciras. SERVIDRON

O Grupo de Desenvolvemento Rural 2 Terra Chá, que aglutina uns 150 socios de dez concellos —os nove chairegos e Riotorto— impulsa un total de 13 proxectos a través da convocatoria Leader 2021-2022, posible grazas a achega de fondos europeos xestionados por Agader. O desenvolvemento destas iniciativas supón o desembolso de case 1,3 millóns de euros, dos que 638.141,29 euros se corresponden coas axudas concedidas polo GDR Terra Chá.

 A partida máis significativa é a de proxectos produtivos, con oito —cinco de nova creación e tres impulsados por mozos, dúas delas mulleres— que suman un orzamento de 1.077.542,29 euros e cos que se consolidan uns 45 empregos e se crean media ducia

As propostas abranguen un amplo espectro que vai dende os servizos turísticos ata os productos agrarios. Así, apoiase a posta en marcha dun hotel e duns apartamentos turísticos, a construción dunha nave para almacenar estruturas de madeira, a rehabilitación dunha adega de sidra, a mellora dunha clínica veterinaria ou a creación dun local para fabricar xoguetes artesanais educativos. Tamén reciben axudas unha empresa de servizos industriais con drons e un proxecto de adaptación e suministro de maquinaria para ampliar unha fábrica.

No tocante aos proxectos non produtivos, subvenciónanse cinco actuacións, a maioría relacionadas cos servizos sociais, coma a única impulsada por unha entidade privada: a residencia de persoas maiores de Vilalba inviste 75.317,7 euros na dixitalización e automatización de procesos.

As outras catro están impulsadas por concellos e céntranse na creación dunha infraestrutura para o envellecemento activo no parque periurbano de Feira do Monte (Cospeito); a habilitación como telecentro da antiga escola de A Muxueira (Riotorto), a dotación de parques biosaudables en Dumpín e Ludrio (Castro de Rei) e o acondicionamento dunha vivenda social (Begonte). O investimento conxunto é de 145.622 euros.

A maiores do apoio que se presta a estas iniciativas, o GDR chairego desenvolveu catro proxectos propios aos que destinou 36.992,80 euros. Entre eles destacan a creación dun vídeo promocional da zona e o reparto de bolsas reutilizables no territorio do GDR.