Os GDR continuarán a súa actividade ata o ano 2022 con novos fondos 

Medio Rural asinou unha addenda aos convenios de colaboración dos 24 grupos que reciben fondos do Leader a través de Agader
Parque biosaudable de Cospeito. EP
photo_camera Parque biosaudable de Cospeito. EP

O conselleiro de Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, reuníronse este mesmo mes por videoconferencia cos presidentes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia apara asinar dixitalmente as addendas aos convenios a través dos que reciben fondos europeos do Plan Leader. Este acordo permitirá que as 24 entidades poidan continuar a súa actividade ata o ano 2022, prolongando así as estratexias do período 2014-2020. 

A Xunta prevé distribuír un total de 7,3 millóns e seguir apoiando a posta en marcha de proxectos que fomenten a dinamización nas zonas rurais a través do financiamento de iniciativas agroalimentarias, gandeiras, forestais, tuísticas, medioambientais ou relacionadas co pequeno comercio, tal e como vén facendo dende que os GDR comezaron a súa actividade hai máis dunha década. 

Dende a Administración autonómica destacan que no período que agora se pecha, o Leader supón o reparto de 84 millóns en axudas e a creación dun milleiro de empregos. 

Esta medida beneficiará aos tres GDR nos que están integradas as comarcas de Terra Chá e de Meira e o concello das Pontes, se ben os fondos que recibirán e a organización do reparto está sen definir. As novas achegas servirán tamén para manter operativas as súas respectivas sedes e o persoal que traballa nestas para asesorar e tramitar as axudas. 

As tres entidades que aglutinan os concellos das comarcas de Terra Chá e de Meira e o das Pontes poderán manter a súa actividade

A través destas entidades véñense subvencionando proxectos produtivos —impulsados por particulares ou sociedades coa fin de obter un rédito económico— e non produtivos —sen ánimo de lucro—, que á súa vez poden estar impulsados por entidades públicas ou privadas. A falta de concretar as novas bases, ata o de agora a máxima subvención posible eran 200.000 euros —para os proxectos produtivos o concedido oscila entre o 30 e o 50% do orzamento total—. 

O GDR-2 Terra Chá apoiou un total de 42 proxectos produtivos no período 2014-2020, entre os que figuran apertura de novos negocios, coma un muíño en Cospeito, unha área de servizo en Abadín, unha lavandería en Castro de Rei ou unha pensión en Parga, así coma diversas ampliacións e melloras. 

Entre a vintena de proxectos non produtivos destacan as axuda para a creación dun centro de atención dual impulsado por Fudace en Castro ou o novo obradoiro de carpintaría do Centro Ocupacional Terra Chá de Vilalba. 

Carpintería do centro ocupacional. EP

Ademais, están os proxectos impulsados directamente polos concellos: o telecentro de Begonte, o roteiro do Batán de Xermade, parques biosaudables en Muras, Cospeito e Castro de Rei —nestes dous concellos tamén se habilitaron instalacións para comer o polbo—, o novo centro de día de Guitiriz e a mellora do de Abadín, unha reforma no edificio do mercado de Vilalba, a adecuación do Mazo de Riotorto e de dous centros sociais e a creación do Centro de Interpretación de Bretoña, na Pastoriza. 

A través do GDR-3 Montes e Vales Orientais desenvolveuse un proxecto de aforro enerxético nunha gandería meirega. No municipio polense subvencionáronse unha pensión e unha firma de organización de eventos e o Concello está a crear unha área de xogos tradicionais. En Ribeira de Piquín tamén son tres os proxectos que se beneficiaron destas axudas, desenvolvido polo club de fútbol sala Ribeira, para crear unha web, e polo Concello, para rehabilitar as escolas de Navallos e de Santalla como vivendas e locais sociais. 

O concello das Pontes intégrase no GDR-24 Seitura 22, ao que optaron dous proxectos do municipio: a ampliación dunha rede de cobertura wifi e un equipamento de estampación e laminado de cera da Casa do Mel de Goente. 

ACCIÓNS CONXUNTAS. Os GDR desenvolven iniciativas en conxunto, coma a campaña O rural vive, vive o rural, que inclúe sorteos de agasallos representativos de cada zona, realizados a través das redes sociais —pódense seguir no perfil de Facebook Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia— ou propias. 

Por exemplo, o GDR Terra Chá leva dous anos concienciando contra a violencia de xénero. En 2019 editou a Guía para a prevención da violencia nas mulleres da Terra Chá e neste 2020 repartiu 1.700 máscaras reutilizables entre os concellos. 

O GDR-3 Montes e Vales Orientais ten en marcha un Banco de Casas, Fincas e Negocios, unha plataforma que quere dinamizar a compravenda ou o aluguer dos bens dispoñibles nos municipios membros e que á súa vez se integra na iniciativa nacional Volver al Pueblo.

TERRA CHÁ ► Os 9 chairegos e máis Riotorto 
Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba, Xermade e Riotorto integran o GDR-2 Terra Chá, que conta cuns 150 socios en total. 

Máis de 300 empregos 
Os proxectos apoiados polo GDR Terra Chá permitiron consolidar máis de 300 empregos e crear uns 30 novos. 

Produtivos e sen lucro 
No período 2014-2020 o grupo chairego apoiou un total de 62 iniciativas. Destas, 42 correspóndense con proxectos produtivos, 13 son actuacións non produtivas de carácter público e sete son non produtivas postas en marcha por entidades privadas. 

3º de Galicia 
Con máis de catro millóns concedidos para desenvolver a estratexia, dos que xa se executaron 3,2 millóns, o GDR Terra Chá é o terceiro de Galicia que máis fondos tiña asignados do Leader.
MONTES E VALES ► 13 concellos do oriente galego 
Meira, Pol e Ribeira de Piquín están integrados no GDR-3 Montes e Vales Orientais xunto coa Pontenova, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro. 

Públicos e privados 
A través do GDR-3 impulsáronse un total de sete proxectos públicos e privados nos municipios de Meira, Pol e Ribeira de Piquín. Así, concedéronse axudas a unha iniciativa privada meirega, a tres proxectos de Pol, tanto públicos como privados, e a outros tantos propostos en Ribeira de Piquín. As subvencións oscilaron entre o 30 e o 80% do orzamento total. 

315.330,73 
É a cantidade total de euros concedida en axudas a través do GDR Montes e Vales Orientais a proxectos desenvovidos en Meira, Pol e Ribeira de Piquín, que suman un investimento de case 512.000 euros.
SEITURA 22 ► As Pontes e 19 municipios máis 
O GDR-24 Seitura 22 está integrado por un total de 20 municipios —entre eles As Pontes—, das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, aos que se suman os de Miño e Vilarmaior. 

41 proxectos 
No período correspondente ao Leader 2014-2020, financiou un total de 41 proxectos, aos que lles concederon axudas directas por un importe de 2,2 millóns de euros. O investimento total, sumando as achegas dos impulsores das iniciativas, superou os cinco millóns. 

Dúas axudas 
As dúas axudas concedidas nas Pontes suman 21.432,81 euros, por un investimento total de máis de 50.000 euros. 

5 millóns 
É o correspondente ao investimento total dos proxectos sumando as axudas do GDR ás achegas dos impulsores das iniciativas.

Comentarios