miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

O gardián do verbo dos arxinas

Xabier Quijada, xunto á escultura que fixo en homenaxe a Alfonso Blanco. C. PÉREZ
Xabier Quijada, xunto á escultura que fixo en homenaxe a Alfonso Blanco. C. PÉREZ

Xabier Quijada, natural de Donalbai, en Begonte, é un dos poucos que é quen de manter unha conversa na lingua dos 'argallos'

UN ARGALLO, polas terras chairegas, ou un arxina, se se usa a palabra máis común. As dúas designan o oficio que mamou de neno Xabier Quijada, natural dunha das parroquias de tradición canteira por excelencia, a begontesa de Donalbai.

Nuns tempos nos que as máquinas reduciron á mínima esencia o traballo manual, aínda sobreviven artistas coma Quijada, ao que lle gusta sentir a pedra, guiar o punteiro e o cicel coas súas mans e deixar o seu selo en cada obra. E tamén preservar o dobre legado que aprendeu xunto ao seu pai Antonino e a súa cuadrilla, un oficio e unha linguaxe esquencida para moitos, pero da que aínda se conservan palabras clave.

"Hai varios libros, pero varía moito da zona de Pontevedra á nosa, hai palabras que coinciden, pero ás veces nin sequera teñen o mesmo significado e outras teñen varias, segundo a entonación", di Quijada, hoxe afincado en Guitiriz, dese verbo dos arxinas que era unha linguaxe común entre a banda sonora do ferro batendo na pedra, outro idioma en si mesmo, xa que "polo son das ferramentas podías recoñecer ao tipo que estaba traballando na pedra".

"Da xente que a falaba queda pouca, algúns maiores, perdeuse vocabulario, pero hai palabras clave que sobreviven, e cando menos o esperas, alguén enténdete", conta, lembrando unha señora maior que estivo moi atenta a unha conversa entre eles. "Menos mal que non dixemos nada malo!", ri Quijada. E é que contrariamente ao que algunha xente cre, asegura que non se usaba só para criticar, senón para ter certa intimidade, xa que antes podían pasar meses a traballar a pé de obra, lonxe da casa "e tamén querían falar das súas cousas".

El segue a preservar todas esas palabras, igual que os recordos dos seus inicios. "Na casa non había gando, na parroquia había sobre todo xente zoqueando e canteiros, e xa de cativo ía para a canteira". E alí, case xogando, aprendeu "unha linguaxe secreta" e a esencia dun oficio que practicaba nos veráns, cando volvía de estudar en Lugo.

Así gañaría o seu primeiro soldo, e xa non pararía. E aínda que a través da súa empresa, na que tamén traballa seu irmán Óscar, fan traballos en pedra de todo tipo, el sempre que pode aposta por "recuperar o labor manual e coa escultura nunca uso máquinas". Quizais por iso os encargos "raros" parecen ser a súa especialidade: unha presa artificial cunha canle de auga que pasa por un lavadoiro e vai dar a un lago, un carro en pedra a tamaño natural ao que non lle faltaba detalle nin movemento, un olivo de dous metros con trece aceitunas, un hórreo coa porta, móbil, de pedra...

"Facemos cousas que non soes ver todos os días", di Quijada, que escolle o "granito vello" por riba de todos os materiais e soña con "facer en grande un Pigmalión facendo a Galatea". E por se aínda había algunha dúbida, para el, ademais dunha profesión, o de ser arxina é unha paixón: "Segue a ser o meu pasatempo".

O gardián do verbo dos arxinas
Comentarios