Unha gandería de Pacios aposta pola arte dos murais e leva premio

Trece Trazos deixou a súa pegada na granxa Os Arroxos de Pacios con dúas pinturas moi especiais, unha delas, a dun Minion disfrazado de vaca, logrou un recoñecemento internacional
undefined
photo_camera Edgar Paz e Rubén Paz diante do mural de Pepa e Pipa. C.F.R.

"Queriamos darlle un pouco de alegría ao día a día do traballo na explotación". Esa foi a premisa da que partiu Edgar Paz, o dono da granxa familiar de leite Os Arroxos de Pacios, en Castro de Rei, cando decidiu contactar con Rubén Paz, o artista coñecido como Trece Trazos, para que "fixese a súa maxia e nos axudase a darlle vida á gandería", sostén o castrexo, que está "encantado" cos dous deseños que acordaron e finalmente levaron a cabo co muralista lucense.

O primeiro deles, que se atopa a carón da granxa, está formado por dúas vacas xemelgas, Pepa e Pipa, ás que o dono garda un especial cariño. "Ían sempre xuntas, non sabían andar a unha sen a outra", recorda o gandeiro, que di que eran "moi leiteiras" e que ambas axudaron a "manter unha xenética moi boa a través das súas fillas", polo que se sentía en débeda con elas e pensou que un dos deseños de Trece Trazos debía estar dedicado a elas.

Un silo convertido en Minion

O mural das vacas fíxose a finais de xaneiro, e apenas un mes despois, Rubén Paz volveu á granxa a darlle forma a un silo de penso de 20 metros cúbicos que os donos da explotación instalaran no exterior pouco antes da chegada do artista.

E o que foi pensado nun comezo como o que sería o lenzo dunha paisaxe, deu un xiro de 180 graos e converteuse nun Minion xigante disfrazado de vaca que bebe leite dunha palliña de plástico.

undefined
O mural do Minion. C.F.R.

O que xurdiu como "un comentario inocente" dun dos fillos do dono, que dixo que o silo tiña forma de Minion, acabou derivando no que sería nomeado pouco tempo despois como o cuarto mellor mural do mundo do mes de febreiro segundo a plataforma Street Art Cities.

"En persoa chama a atención"

"Visto en fotos gusta, pero en persoa chama a atención", afirma Edgar Paz, que sente unha gran "honra" de poder contar na súa granxa "cun mural deste nivel e de formar parte da idea inicial".

Ademais, recoñece que o feito de ir traballar e ver cada día os deseños de Rubén "anímate máis, como que vas traballar xa doutra forma, ademais xa recibimos moita xente que veu soamente a facer fotos dos murais", asegura.

Edgar, que traballa man a man coa súa muller, a súa nai e unha empregada, conta cun total de 260 vacas de leite e, aínda que recoñece que o seu é "un traballo duro", afirma que o importante é "saber amoldarse aos tempos e traballar día a día".

A explotación familiar fundouse en oclaboración con outra hai 15 anos, e logo de retirarse a outra hai dous anos, decidiron crear Os Arroxos e continuar pola súa conta.

Acumula 1,5 millóns de visualizacións en redes

O autor destas dúas composicións, Rubén Paz, afirma que se sorprendeu moito pola acollida que tivo o mural do Minion, que conseguiu 1,5 millóns de visualizacións e
 60.000 'likes' en redes sociais.

"Fue un fuera de serie total", di Paz, que asegura que realizou a obra nunha soa tarde grazas á colaboración dos donos da granxa. O lucense afirma que dende o comezo estivo decidido a colaborar porque "me plantearon una propuesta muy original que veía que me podía dar juego".

Di que recibiu unha grande axuda e colaboración por parte dos gandeiros, polo que foi un traballo "muy ameno, que repetiría sin duda" .En relación a Pepa e a Pipa, no outro mural, Paz quería homenaxear as mimadas da gandería cun mural que lles fixese xustiza e, aínda que non contaban con fotos moi actualizadas delas, o artista logrou crear unha composición delas a raíz de imaxes antigas.

"Intenté hacer un mural que transmitiese una imagen tierna de ellas, una de perfil y otra de frente, y creo que logramos un buen resultado, porque en ellas se puede ver esa dulzura y ese cariño del que hablan sus dueños", sostén o artista Trece Trazos, que quixo facer unha pintura fiel á descrición dos donos da explotación.

"Renovarse ou morrer"

"Era renovarse ou morrer, e decidimos ir para adiante", sostén o gandeiro castrexo, que quixo facer o mesmo coa estética das instalacións. "Queriamos modernizalas, así que demos un paso adiante", conta.

Os traballadores encaran o ano con máis gañas que nunca e xa pensando en incluír novos deseños de cara a un futuro porque, ao igual que lles pasa a moitos coas tatuaxes.

Edgar Paz recoñece que isto dos murais "engancha". E todo iso a raíz de ver varios traballos de Rubén pola rúa en Lugo. "Encantáronme, e logo entrei nas súas redes sociais e vin máis traballos que me gustaron moitisímo"p, explica o gandeiro.

Ao contactar con el e poñer ideas en común soubo que formarían un grande equipo, algo que foi corroborado pola plataforma Street Art Cities, na que o Minion da granxa de Pacios logrou un gran recoñecemento.

Comentarios