Pese a que a raíña é a responsable da colmea e que o primeiro documento que fala de recolección de mel é unha pintura rupestre de hai 8.000 anos na que só aparecen mulleres —Cova de l'Aranya, en Bicorp, Valencia—, a apicultura foi considerada historicamente unha tarefa de homes.
Pero esa tendencia, como en moitos outros sectores, está cambiando. A muller cobra protagonismo, incrementándose exponencialmente o número de incorporacións. Na Casa do Mel de Goente, nas Pontes, que suma 600 socios de moitos e diversos concellos de Galicia dende a súa creación hai dúas décadas, contan hoxe con 101 mulleres.
Isabel Goti, As Pontes: "Estamos lonxe da igualdade en cifras pero está moi normalizado"

"A muller sempre estivo na apicultura, pero nun segundo plano, o impreso de socio facíao o marido", di Isabel Goti, unha das técnicas da Casa do Mel, que explica que "dende hai dez ou oito anos houbo un cambio". "Antes as mulleres eran axudantes ou pequenas produtoras e hoxe xa é diferente. Estamos lonxe da igualdade en cifras, pero está moito máis normalizado", di mentres fala da importancia de profesionalizar un sector que non se entendía como gandería ata hai pouco tempo.
Isabel suma xa 18 anos como apicultora. "Xa son maior de idade", di entre risas unha muller que iniciou a súa andaina na directiva da Casa do Mel cando non había ningunha muller nos postos de responsabilidade. "Daquela facía de todo, voluntaria para recibir as excursións, obradoiros de flores... e funme iniciando en todo pouco a pouco, formeime con eles", di alguén que xa é unha das caras indispensables do colectivo.
"Na parte formativa a xente cando me vía miraba a outro lado, eran moi reticentes, pero agora cada vez menos. Custoume, pero funme facendo o meu sitio", di, recoñecendo que iso motivou que se abrisen espazos para moitas outras.
"A sociedade vai cambiando, do un ao cen diría que só un 5% agora pode pensar que é raro que unha muller sexa apicultora. Falta un pouquiño, pero nada que ver cos inicios", di. Ela empezou sen saber nada e con dúas colmeas e chegou a ter 110. "Agora ando nas 60. Aumentoume moito o traballo aquí e cheguei a un punto que me renden máis menos ben atendidas que o dobre mal", conclúe.
Mar Trastoy (Vilalba): "En xeral eles dan máis clases, sempre saben máis, como en todo"

Mar Trastoy, de Lanzós, Vilalba, e 46 anos, empezou hai anos no mundo apícola pero de forma profesional hai cinco. "Incorporeime ao mundo rural para compaxinalo co coidado da miña nai, puxen as abellas e un invernadoiro con shiitake", di, falando dun perfil que se repite entre as mulleres: o traballo e os coidados.
Para ela, como para tantas outras, a apicultura é un complemento á economía familiar. "Nunca sabes ben como vai ser a produción", apunta. Este ano ronda os 700 quilos de mel. Ten 55 colmeas.
Da apicultura di que o máis complicado é o cambio climático e a velutina e o mellor que é "un mundo apaixoante". "Traballar ao aire libre, ver toda Vilalba dende as colmeas é a mellor oficina".
Sobre a cuestión de xénero, aínda que confirma que empeza a haber máis mulleres, asegura que "aínda se nota bastante que é maioritariamente de homes". "Hai máis. O trato é bo, pero é como todo, depende da persoa coa que trates", di, mentres recoñece entre risas que "en xeral dan máis clases". "Eles saben sempre máis, o de sempre", resume.
Estefanía López (As Pontes): "Cada vez somos máis, a barreira da igualdade creo que está equilibrada"

A visión é diferente para as máis novas. A pontesa Estefanía López, de 30 anos, iniciouse na apicultura na pandemia. "Na casa, en Mariñaleda, sempre houbo abellas, meu avó facía apicultura tradicional, en trobos, e con tanto tempo libre comecei a interesarme. Fun á Casa do Mel sen ter nin idea e sorprendeume a cantidade de mulleres que hai. Creo que a barreira da igualdade está equilibrada e a min non me supuxo ningún problema ser muller", explica, mentres sinala que o que hai é moi pouca xente da súa idade.
"Sentín moita aceptación e aprendín moitísimo de xente moi maior que ten a experiencia de toda unha vida. Eu empecei cunha colmea en 2020 e agora teño 15", di, e fala dunha produción media de 200 quilos. "Son sobre todo para autoconsumo e para venda directa a xente coñecida do pobo", di, unha rapaza que mestura a apicultura co seu outro hobby, a pintura; así pode decorar unha colmea ou botes de mel para dar de detalle nunha voda.
Iria Bellas (As Pontes): "Os apicultores de sempre si se sorprenden de que a veterinaria sexa muller"

Pese ao aumento das cifras, nun sector con tradición masculina aínda afloran dúbidas. Iria Bellas (38 anos, As Pontes) recoñece que, sobre todo entre os apicultores de toda a vida, continúa chamando a atención que a muller sexa a titular da explotación e que faga os traballos ela soa. "As cousas cambiaron moito. As mulleres estaban aí, sacaban o mel, pero non ían aos cursos. Normalmente eran as parellas as que tiñan a maior responsabilidade. Agora hai moitas que se inician na apicultura e que traballan soas", di.
No seu caso, ao ser muller e nova, súmase que é a veterinaria da Casa do Mel, un cargo que antes de que ela entrase ocupaba un home. "Necesitaban un veterinario, o mundo das abellas era moi descoñecido para min, pero resultoume moi interesante", di, mentres ela mesma recoñece que antes de entrar no mundo da apicultura, en 2020, tiña unha imaxe diferente. "Pensaba na apicultura tradicional, en catro señores maiores, que levan toda a vida coas colmeas pero na Casa do Mel atopei un mundo distinto, con moitas máis mulleres do que esperaba e moitos proxectos e avances que me resultaron moi interesantes, como a selección xenética ou a inseminación", di Iria, que en 2021 se fixo cargo das súas propias colmeas —ten unhas 20 en dous colmenares repartidos entre As Pontes e Muras—.
"No meu caso as colmeas máis que para produción, púxenas para experimentar e aprender aspectos sanitarios de cara a ser a veterinaria da asociación", di, e explica que si sorprende que sexa unha muller a que fai este traballo. "Algúns desconfían de que a veterinaria sexa unha muller, unha rapaza nova, e que lles dea consellos sobre as súas abellas. Sorpréndelles, sobre todo aos apicultores máis maiores, os que non veñen aos cursos. A eses non lles vou ensinar nada en manexo das abellas, que saben moito máis ca min, pero si en cuestións sanitarias", afirma, e asegura que gañan confianza cando se dan conta de que ela mesma ten abellas e que experimenta antes os consellos que ofrece nas súas propias colmeas. Unha das súas principais loitas, "pese a que se fala moito máis da velutina", é "a varroa", un ácaro que está nas colmeas.
Cristina Chao (Muras): "É verdade que coñezo máis homes que mulleres, pero non é un problema"

No seu caso foi empezar pola porta grande. "Debeu ser a sorte do principiante", di Cristina Chao, de 38 anos. Empezou no mundo da apicultura sen saber nada —"non distinguía unha raíña dunha abella normal", di—, facendo os cursos da Casa do Mel en Muras, e practicamente coa primeira produción gañou o I Premio de Monofloral de Breixo na Feira do Mel de Montaña do seu concello.
"Recordo moi vagamente que meu bisavó tivo abellas, pero era algo totalmente descoñecido. Aventurámonos bastante", di unha apicultura que xa ten unhas 50 colmeas. "Naceu pensando en consumo propio e darlle uso a algún monte", afirma. Agora o mel moi lonxe de ser un ingreso principal é un complemento económico e xa conta con etiqueta propia: Picos de Coruxos.
En cuestións de xénero, asegura que no seu caso nunca notou "diferenza algunha por ser muller". "A verdade é que se o penso coñezo máis homes apicultores que mulleres, pero nunca supuxo ningún problema e a verdade é que nunca me fixei niso".
Quizais é porque a igualdade xa está máis preto fóra das colmeas.