miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

A gañadora do Torre de Caldaloba insta a rachar tabús coa saúde mental

Andrea Fernández Maneiro (no centro), co alcalde, membros do xurado e da asociación. C.ARIAS
Andrea Fernández Maneiro (no centro), co alcalde, membros do xurado e da asociación.
Andrea Fernández recolleu o primeiro premio dun certame consolidado que busca impulsar a poesía e reivindicar un símbolo que, anunciou Armando Castosa, "está cerca de ser público"

Nun acto "moi familiar", a gañadora do cuarto Certame de Poesía Torre de Caldaloba, Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa, instou a rachar tabús coa saúde mental, a temática arredor da que xira a súa obra, Contratempos.

"Non quixen darlle beleza, porque non a ten, quixen abrir un contratempo e falar dunha pandemia agochada tratando de meterme na cabeciña de alguén que o sufriu. Quero que sexa un homenaxe a ela e a un problema que se nos está indo das mans", indicou a gañadora, que recibe un premio de 1.500 euros e a publicación da súa obra.

E ademais de agradecer, solicitou ao Concello que coide moito un certame consolidado (recibíronse máis de 30 traballos para a convocatoria de adultos, pero quedou deserta a de menores) que camiña cara a súa quinta edición.

O rexedor de Cospeito, Armando Castosa, foi o encargado de dar lectura a acta dun xurado composto por Beatriz Dourado, Adolfina Mesa, Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga (gañadora da terceira edición) e Xosé Otero Canto, con Martiño Maseda como secretario, que elixiu como segundo premiado ao chantadés Rafael Lobelle. Non puido asistir ao acto, pero o premio para el será a publicación da súa obra, Da carne.

"O segundo premio é unha poesía escénica ben estruturada que se abre a distintas interpretacións e dimensión para a riqueza cromática do xogo das letras", leu o alcalde de Cospeito, que se mostrou moi de acordo co xurado, tras recoñecer que sempre le as obras premiadas.

"O primeiro premio é un poemario moi equilibrado, cunha voz poética forte que fala da saúde mental, unha temática da que se está a falar moito e que ata agora estivo moi silenciada", resumiu o rexedor cospeités, que destacou que na obra de Andrea Fernández Maneiro tamén está moi presente a natureza.

Armando Castosa, ademais de agradecer a participación de todos nun certame que busca impulsar a poesía e reivindicar un símbolo, aproveitou o acto da entrega do premio para anunciar que "nunca estiveron tan avanzadas as negociacións cos propietarios" para facer público o monumento que lle dá nome, a Torre de Caldaloba, e os seus terreos. "Estamos moi cerca", apuntou o alcalde, que remarcou que o certame de poesía naceu para visiblizar a fortaleza "e creo que axudou de forma moi positiva".

No acto, no que estiveron presentes varios membros do xurado, tamén interviron Esther Braña, a secretaria da asociación de veciños de Pino, e Martiño Maseda, de Culturalia GZ.

A gañadora do Torre de Caldaloba insta a rachar tabús coa saúde mental
Comentarios