A galiña de Mos cita para xantar en San Xiao máis de 500 persoas

O multitudinario ágape complementouse cun concurso e exposición da raza autóctona, vehículos clásicos, artesanía, música e xogos

Máis de 500 persoas déronse cita este domingo na parroquia castrexa de San Xiao de Mos para compartir un xantar popular no que a raza autóctona galiña de Mos era a gran protagonista do menú, a base de empanada, carne de polo, ovo fritido e queixo.

"Foi un éxito", aseguraban na sobremesa os organizadores, satisfeitos coa ampla participación, malia as inclemencias meteorolóxicas, nun evento que para eles supón "un gran esforzo" sacalo adiante. Pepe, Toño, Mercedes, Abel, Pablo e Carlos son os seis criadores da parroquia que coidaron con todo o esmero uns 180 exemplares desta raza autóctona para unha comida que conta coa colaboración de diversos voluntarios para organizala e servila.

A XII Expodegustación Galiña de Mos é posible tamén grazas á implicación da área de Medio Rural da Deputación, do Concello de Castro de Rei, de piensos Fulgencio, de Leitigal e da asociación veciñal de San Xiao de Mos, así como da asociación Avimós.

"Esta é unha cita importante, porque se xunta moita xente e de aquí saíu a recuperación da raza", detalla o presidente de Avimós, Francisco Monasterio, que apunta que convocatorias así axudan a concienciar de que "recuperar e manter unha raza é vida para a xente dunha zona", ademais de asegurar que "para recuperala, non hai mellor cousa que comela, e para iso fan falta actividades coma esta".

Nesta nova edición regresaba a exposición de exemplares da raza autóctona e celebrábase a novena edición do concurso comarcal de galiña de Mos, cun nivel "moi alto". Entre os preto de 40 animais presentes, pertencentes a dez criadores -todos recibiron unha distinción por participar-, as mellores galiñas foron as de Luis Fernández Fernández, de Riotorto; José Carlos Silvosa Piñeiro, de Castro de Rei; e Francisco Monasterio, de Vilalba.

José Luis Freire Castedo, de Pol; Sandra López López, de Láncara; e Beatriz Canto Edrosa, de Castro de Rei, facíanse co podio na categoría de galos, mentres que en lotes, as mellores femias foron as de Óscar Miranda, de Castro de Rei, e os mellores machos, os de José Zapata, tamén de Castro de Rei.

Os premios entregáronos o presidente de Avimós; o deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade, Daniel García; e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, quen agradeceu a implicación de todos os que fan posible a celebración desta xuntanza e incidiu en que foron os ovos desta parroquia castrexa, hai case un século, os que contribuíron a salvar a raza de Mos.

"Sería impensable estar hoxe aquí se non fose porque alguén a conservou", dicía o rexedor, que entregaba tamén os premios da ruta de vehículos clásicos que se promove conxuntamente coa degustación. Antonio Irimia, de Foz, fíxose co título de piloto chegado dende máis lonxe; o pontés Javier Vázquez foi o máis novo e o castrexo Eduardo García, o máis veterano. Ademais, recoñecéronse os vehículos máis antigo, un Seat 600 de 1967 propiedade de Jesús Lage, e máis espectacular, a furgoneta Volkswagen T3 coa que acudiu á ruta Adrián Casanova, veciño da parroquia de Mos.

Os preto de 40 participantes fixeron un percorrido que pasou por Viladonga, Castro de Rei ou Castro de Ribeiras de Lea, antes de expoñer os clásicos no recinto da festa, ao carón da igrexa parroquial, onde tamén houbo postos de artesanía, animación musical con Pepe Anido e uns entretidos xogos populares da man da asociación O Cadaval.

Comentarios