O Agustín Fernández Paz, un galardón "condenado a desaparecer"

Antía Yáñez, gañadora do premio, avogou por loitar para que os certames pola igualdade non sexan necesarios
Antía Yáñez recolle o premio de mans de Marisa Barreiro e Elba Veleiro. C. PÉREZ
photo_camera Antía Yáñez recolle o premio de mans de Marisa Barreiro e Elba Veleiro. C. PÉREZ

"Este premio está condenado a desaparecer", asegurou a escritora burelá Antía Yáñez nada máis subirse ao escenario do auditorio Carmen Estévez para recoller o III Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade grazas á novela infantil Plan de rescate.

E díxoo con total seriedade, mesmo comprometéndose a loitar persoalmente para que sexa así. Porque para ela, levar o apelido pola igualdade debería ser unha redundancia e non unha necesidade. "As cotas están condenadas a desaparecer", insistiu, e con elas, a reivindicación baixo a que nacía este premio da man do Iescha, do Concello de Vilalba e de Edicións Xerais.

Coa confianza posta en que esta convocatoria se poida rebautizar co tempo, a gañadora tivo palabras de cariño para un "mago das palabras" cuxas obras forman parte do seu imaxinario. Só o viu en persoa unha vez, nunha firma de libros na Coruña, e daquela pensaba que habería outra ocasión. Non foi así, non houbo tempo, pero os fíos que os unen no oficio da palabra parecen ir moito máis alá dese anecdótico encontro puntual.

"É unha novela atrevida que propón unha reflexión sobre a diferencia e a inclusión e que contribúe a empoderar ás rapazas"

Antía naceu en 1991, o mesmo ano no que Agustín publicaba Contos por palabras, o primeiro libro del que lía ela, aínda que fose "en castelán", apuntou. Pero Antía descubriu a un autor galego que escribía en galego e era da mesma Vilalba na que hoxe seguen a vivir os seus avós. Agustín foi tamén o primeiro que lle deu voz de seu a unha protagonista feminina, salientaba Antía, igual ca fixo ela na obra premiada.

A súa personaxe principal, Noela, é unha nena de dez anos en cadeira de rodas que, axudada polos seus tres compañeiros da aula de apoio, traza un plan para liberar aos compañeiros e aos mestres atrapados no comedor do colexio.

"É unha novela atrevida que propón unha reflexión sobre a diferencia e a inclusión e que contribúe a empoderar ás rapazas", sinalou Manuel Bragado, membro do xurado xunto a Xavier Senín e Rosa Aneiros, a gañadora da segunda edición, quen cunha mensaxe quixo louvar unha obra que "berra" pola escola, onde se "conforma a sociedade do futuro".

"É unha novela enorme, unha historia ateigada de valores, pero tamén tolísima e hilarante, cargada de ironía e de humor", afirmou Fran Alonso, director de Xerais, que publicará a obra na colección Merlín.

O galardón está dotado tamén con 3.000 euros que a gañadora recibiu de mans da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, e da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, no descurso dun acto no que quedou constancia da "fonda pegada" de Fernández Paz coa música de Buxos Verdes, Mato Vizoso e Alfonso Maseda, o poema de Emilia Fuentes e os textos teatralizados polo grupo da biblioteca do IES Basanta Silva.

Comentarios