Roberto García: "O polígono está paralizado pola falta de accesos, a estrada LU-170 é fundamental"

Entrou en política en 2007 e, á terceira, logrou facerse coa alcaldía de Xermade, que aspira a conservar apoiándose no labor realizado. Queda pendente un obxectivo compartido co antecesor, ver arranxada a vía de Momán a Cabreiros

Roberto García Pernas. EP
photo_camera Roberto García Pernas. EP

O rexedor de Xermade, Roberto García Pernas, herdou de seu pai o gustou polo labor político, unha vocación que dende o 2007 compaxina co seu traballo de axente medioambiental, un cometido que desenvolve dende hai 33 anos, a última década na zona de Ferrol, Eume e Ortegal. Os últimos catro anos fíxoo como alcalde socialista en minoría, unha posición que o levou a estar sen cobrar os últimos tres anos, ao prosperar unha emenda da oposición que o deixaba sen soldo, e que vén de anular o TSXG.

A sentenza condena ao Concello a pagarlle os atrasos da dedicación parcial, 1.600 euros brutos ao mes, como o fai sentir a resolución?

Estou contento porque se fixera xustiza, porque sempre dixen que un alcalde debe cobrar. É un traballo de responsabilidade. Xa dixen que me paguen como consideren oportuno, como sexa menos lesivo para o concello, o que non quero é crear un problema. Pero aínda que a sentenza fose contraria, eu volvería a repetir sen cobrar, porque o diñeiro non é o que me move, a política ten que ser vocacional.

Que balance fai deste mandato?

Positivo. Teño unha boa relación cos veciños e tento gobernar para todos e distribuír os recursos de maneira equitativa, resolvendo os problemas e as prioridades.

Que actuacións destacaría?

Un pouco de todo. Fixemos unha aposta importante no arranxo de estradas, con ao redor dun millón de investimento; promovemos o cambio do alumeado público a led, con actuacións en Roupar de Arriba, Cabreiros, Candamil, Xermade ou Momán, e tamén en 370 puntos das aldeas; creamos parques infantís en Momán, Candamil e Piñeiro; tres depósitos de auga para ganderías e incendios en Roupar, Cazás e Burgás e outro de auga potable en Burgás; melloramos a traída para evitar fugas; contratamos a 48 persoas, incrementamos o SAF, etc.

Tamén ampliaron o parque de maquinaria, por que?

Si, temos dous tractores con catro desbrozadoras, unha retroexcavadora, un cortacéspede, un coche e queremos comprar un pisón. É importante ter medios propios para facer pequenas obras e solucionar emerxencias sen depender de contratacións. Tamén nos deron un vehículo para Protección Civil. Temos un equipo de voluntarios que funciona moi ben.

E que lle gustaría ver feito?

A estrada LU-170, de Cabreiros a Momán, porque é fundamental para o desenvolvemento económico do concello e, concretamente, para o do polígono, que hoxe está paralizado pola falta de accesos.

E a das misas, de Momán ao polígono pontés dos Airíos?

Non vai estar ao acabar este mandato, pero si nos próximos anos. Hai xa catro quilómetros feitos, tres máis adxudicados e quedan 2,5 pendentes. A Deputación tamén ten adxudicada a de Candamil a Xermade e a de Roupar de Arriba a Roupar de Abaixo.

Levan varios anos a recuperar a Casa da Neveira, que supón este traballo para Xermade?

O campo internacional de traballo, igual que o premio Xermade na Historia ou as Xornadas Interxeracionais de Cabreiros axudan a recompilar información moi valiosa sobre o municipio e son un reclamo. A Neveira además está preto do que esperamos que sexa un gran atractivo, o centro de interpretación etnográfico do Batán de Folgoso, do que xa se acabou a primeira fase e se vai levar a cabo unha segunda. Recupéranse o batán e o muíño de Folgoso, o muíño e a moa de Orxás ou a planta de luz de Vieiro. E ademais por alí pasa unha ruta de sendeirismo, que coma a do Trimaz que se está acondicionando agora, son un grande atractivo porque discorren por paraxes de frondosas e mananciais.

E teñen o Encontro de Torneiros.

É un dos principais eventos de Xermade, cun gran prestixio e recoñecido entre os mellores de España. Ten gran afluencia de xente e categoría nos participantes. O Concello colabora coa organización no posible para que siga a ser un referente mundial da tornería.

Xermade perdeu uns 450 veciños na última década, que pode facer o Concello contra este fenómeno?

Tentar crear emprego, atraer emprego e poñer en valor os recursos que temos no rural. Tamén agrupar fincas e transformar montes para uso agrícola e forestal.

Que foi o que máis o sorprendeu de ser alcalde?

A lentitude das administracións, a burocracia que hai que seguir, como ter que esperar un ano por un permiso, e a limitación orzamentaria, que deixa pouco marxe para facer obras e investimentos. Grazas á axuda da Deputación, que apostou por colaborar co concello, puidemos facer cousas, porque a Xunta só nos dá o que corresponde. Creo que tamén tería que ter un plan único ou algo así.

E que destacaría do cargo?

O trato cos veciños de Xermade, son encantadores. Estou moi contento co trato que me dan, é xente nobre coa que dá gusto traballar. E o mesmo podería dicir do persoal do concello, dos funcionarios.

Que o leva a repetir como cabeza de lista?

Considero que nun mandato non se dá desenvolvido o proxecto dun alcalde e dun equipo de goberno. Teño ganas de seguir facendo cousas para os veciños de Xermade, aos que me debo.

Xa teñen decidido quen o acompañará na candidatura?

Estamos traballando na lista e algún cambio vai haber. Teño que agradecerlle ao equipo de goberno a súa dedicación e responsabilidade e o seu traballo altruísta, porque non cobra ningún.

A que lle gusta dedicar o seu tempo libre?

Cando teño tempo gústame pasear, ir bailar e a gastronomía, degustar produtos típicos da nosa terra. Tamén aproveito para compartir coa familia e cos amigos os poucos momentos que me quedan para eles.

Un municipio con 1.841 veciños
O concello de Xermade ten, segundo o Ige, 1.841 veciños, cunha idade media de 55 anos. Repártense en dez parroquias, Burgás (180 habitantes), Cabreiros (221), Candamil (87), Cazás (239), Lousada (151), Miraz (44), Momán (209), Piñeiro (116), Roupar (309) e Xermade (285).

Emprego
O sector servizos é o máis relevante, con 317 afiliacións a decembro de 2018, seguido do primario, con 173, a industria (104), e a construción (58).

Economía
En Xermade había en 2017, segundo o Ige, máis de 200 ganderías de vacún, que superaban as 8.000 cabezas. No tocante ás empresas, das 239 existentes, a maioría están relacionadas co sector primario e un total de 225 teñen menos de dous asalariados.

166,3
Son os quilómetros cadrados que abrangue o municipio xermadés, lindando cos concellos chairegos de Guitiriz, Muras e Vilalba e cos coruñeses de Monfero e As Pontes.

Comentarios