lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Galicia Rural: Un futuro dende as raíces de Roca

Proxección do audiovisual sobre os mecos no alboio da Casa Pontegafín. EP
Proxección do audiovisual sobre os mecos no alboio da Casa Pontegafín. EP
Dende unha palleira pódese conquistar o mundo. Iso é o que quere demostrar José Ángel López Freire, ofrecendo alternativas para traballar e vivir na aldea, para que se abran as casas no canto de pecharse. Acoller o Festival de Cine de Roca é unha chave máis para lograr este obxectivo

Ao avó Manolo preocupáballe que, unha vez desaparecidas as vellas xeracións, unha vez que el marchase para sempre, a súa casiña quedase "para os paxaros, coas silvas polas paredes", coma moitas outras das aldeas. Adoitaba dicirllo á súa muller, a avoa Elena. Hoxe, quizais se sorprendese, pero a bo seguro que estaría tan orgulloso como o está ela do errado desa predición. Porque é a loita das novas xeracións por manter vivas e vizosas as raíces da Casa Pontegafín a que fai que brillen os ollos da avoa cada vez que volve á aldea das Lamas, na parroquia guitiricense de Roca.

José Ángel, coa súa avoa Elena. EPAlí, entre valados de pedra, prados verdes e arboredas, José Ángel López Freire apostaba por asentarse nunha vivenda familiar inundada de lembranzas felices de infancia, de vacacións de verán cheas de xogos e de aventuras, deixando atrás Murcia e tamén o agobio e o estrés dunha vida na cidade que sentía que xa non era para el.

"Toda a vida pensei en vivir aquí, pero co covid cambiou a miña situación laboral e persoal -a súa moza, Nuria, é de Guitiriz- e, poñendo na balanza o que quería, decidín trasladarme, cambiar o ritmo de vida. A experiencia está sendo moi gratificante", explica quen é xa un veciño máis de Roca, ata o punto de ser elixido presidente da comunidade de montes.

Xunto aos seus irmáns, Gabriel e Manuel, creou a asociación Galicia Rural, a través da que queren "fomentar o traballo dende o rural, que a xente abra as casas, que aproveite espazos como as vellas palleiras para darlles novos usos". Nun deses alpendres en desuso da súa casa queren crear un espazo de coworking, "onde se poidan impartir cursos e que sirva como lugar de intercambio para os mozos da zona", e así apoiar a aquelas persoas que teñan unha idea ou busquen un traballo, "creando unha rede de contactos para buscar oportunidades".

Co tempo, tamén lles gustaría recuperar a casa orixinal: "Debe ser do 1700 ou por aí, ten lareira, forno e só unha habitación, encima do que era corte das vacas", conta dende o interior do vello alboio onde antigamente se gardaba o carro e que agora se atopa en avanzado proceso de rehabilitación como o primeiro paso de Galicia Rural, onde José Ángel xa ten a súa pequena oficina.

Inocencio Tomé, fundador do Cine Tomé de Guitiriz. EPNo proceso de restauración, no que respectaron ao máximo a esencia da construción -conserva unha vella moa-, colaborou toda a familia, ata os seus catro sobriños, Iraide, Gabriel, David e Daniel, que teñen entre doce e dous anos. "Eu sempre lle tiven moito apego a Roca e ver que eles tamén llo teñen é o que todos queremos, fomentar neles o agarimo pola terra, porque os nosos avós deixáronnos un sitio precioso onde poder realizarnos", apunta, destacando outro valor deste proceso, o traballo colectivo, as xuntanzas, tan comúns antes nas aldeas, moito máis escasas agora.

Pero algo sempre queda, e José Ángel puido comprobalo este verán, onde o alboio se converteu nun centro de reunións improvisado no que se viu algún que outro partido de fútbol ou se proxectaron películas ou o documental sobre a tradición dos mecos na parroquia. E iso é o que volverá facerse este domingo, como parte do programa do VIII Festival de Cine de Roca, organizado pola asociación Xermolos, coa que colabora.

E quen crea no destino, pensará que algo así estaba chamado a suceder. Porque unha das pezas que se poderá ver será Cine Tomé, onde se repasa a historia da sala de proxeccións de Guitiriz, cuxo fundador, Inocencio Tomé, nacía na mesma casa na que hoxe vive José Ángel. "El non tiña fillos, pero apadriñou a miña avoa Elena cando tiña tres anos, era coma unha filla para el e quedou con el toda a vida", conta López Freire sobre o fundador do mítico cine de Guitiriz, que despois alugaría ata finalmente vendelo.

"Os veciños dinme que ían en bicicleta dende aquí e miña nai tamén conta moitas historias", lembra. Sua nai, Manolita, a única filla de Elena e de Manolo, casou con Gabriel, de Murcia, e alá fixo a súa vida. Pero sempre lles inculcou aos seus tres fillos o cariño por esas raíces que agora xermolan vizosas con José Ángel, imbuído do espíritu emprendedor de Inocencio.


VIII Festival de Cine de Roca

Xermolos recupera esta fin de semana a cita audiovisual nunha versión simplificada, sen o concurso de curtas pero con catro proxeccións en dous días, a partir das 19.00 horas. Hoxe sábado a escola de Roca acolle a proxección de Días Contados e de Avante e mañá domingo poderanse ver Cine Tomé e A igrexa de Rábade na Casa Pontegafín. 

Protestas para evitar o paso dos bidóns do Casón. AEP

Días Contados 
Alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, coordinado por Cristina de la Torre, deulle forma a este videodocumental no que se fai fai referencia á loita contra os residuos do Casón ou se fala da emigración local. O propio Inocencio Tomé marchara a Cuba e parentes seus a Arxentina. E a súa familia foi a que fundou o Hotel Tomé, berce de protagonistas da historia guitiricense, entre eles varios alcaldes.

Imaxe do videoclip 'Avante' de Nuada, gravado no polígono industrial de Teixeiro. EP

Avante
O grupo rock Nuada presentaba o seu segundo disco, Deconstruír e refacer con este videoclip, no que lembra as protestas polo peche de Sidegasa en Teixeiro e Guitiriz.

Interior do Cine de Guitiriz. EP

Cine Tomé
Camelia Iglesias e Xosé Antonio Arias repasan nesta peza de case 50 minutos a historia do cine de Guitiriz, que comezaba a funcionar nos anos 40 e pechaba nos 70, logo de pasar por varios donos e deixando recordos indelebles nos veciños da volta.

Euloxio das Penas. RAÚL RÍO

Igrexa de Rábade
O artista Eloxio das Penas concentra neste espazo a memoria da veciñanza, con nomes e apelidos, e transmite con emoción e humor a pluralidade da poboación, creando ademais un documento histórico da vila de Rábade.

Galicia Rural: Un futuro dende as raíces de Roca
Comentarios