martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

O futuro da Rúa da Pravia?

undefined
Unha imaxe da Rúa da Pravia de 1943, onde se poden ver as antigas terrazas nas beirarrúas máis anchas. IESCHA
A 'carretera' inaugurouse en 1860 e con ela comenzou a expansión urbana en Vilalba. Testemuña do paso do tempo, tamén sufriu cambios: na década dos 80 estreitáronse as beirarrúas para mellorar a circulación dos coches, que agora só teñen un carril.

Vilalba non chegaba aos mil habitantes cando abriu ao tráfico a carretera, a actual Rúa da Pravia, ao inaugurarse a estrada de Ferrol a Rábade. E pasou a converterse na principal arteria de comunicación. Era o ano 1860 e a vida era moi diferente.

A capital chairega medraba como centro de comercio e as feiras prosperaban ao ritmo que se abrían máis estradas. Uns anos antes, segundo publicou Antonio Peña Novo en Vilalba en el siglo XIX, iniciáranse os traballos na de Mondoñedo (1853). A de Baamonde tardaría dúas décadas en chegar (1881) e as de Betanzos e de Meira, substituíndo vellos camiños reais, constrúense en 1905 e en 1912 respectivamente.

Nas datas nas que se inaugurou a carretera, paralela á antiga Porta de Cima, moito máis estreita, comezou a expansión urbana en Vilalba, ás beiras desa nova estrada na que se asentaron novos habitantes e, sobre todo, negocios. Naqueles tempos os coches eran poucos, pero a modernidade xa non tiña marcha atrás.

"O conflito apareceu entre a nova estrada e a feira porque se invadían parte dos terreos públicos que no Campo Castelo —actual Suso Gayoso— por tradición ocupaba a feira de gando", relata Xosé Antón Pombo, que explica que "había que dar paso ao progreso das novas vías de comunicación, pero as feiras resultaban a principal riqueza da vila".

En 1865, a corporación municipal, con Antonio Varela Piñeiro como alcalde, chegou a planear unha gran praza que conectaría Suso Gayoso, Santa María e Coronel Pena, pero finalmente, na década dos 80, a feira trasladouse á Chouzana —actual Alameda—, e o proxecto nunca se retomou.

Máis de século e medio despois a Rúa da Pravia, que foi testemuña do paso do tempo, mira ao futuro con incerteza tras ser o centro das polémicas, despois de que o goberno local apostase pola dirección única. Pero a rúa cambiou máis veces, e non só de nome.

A caída da casa das Maragatinas acelerou a decisión de facer a rúa unidireccional, a aposta do plan de mobilidade local

HISTORIA. Coñecida como Rúa do Progreso nos anos 20 do pasado século, pasou a levar o nome do deputado en Cortes Rodríguez Viguri. Mudou a General Franco despois ata o seu nome definitivo, A Pravia, en referencia a esa árbore que é un símbolo.

Os vilalbeses que teñen memoria recordan daqueles tempos unha rúa chea de vida onde os poucos coches se mesturaban coa xente camiñando nun ir e vir onde todos convivían. Os bares sacaban amplas terrazas e nas festas dos anos 50, coa rúa xa asfaltada, montábanse tres palcos e a verbena facíase na propia carretera. "Os poucos coches que pasaban pitaban para pasar", din algúns.

Pero pouco a pouco as catro rodas foron gañando espazo, ata o gran cambio, que chegou na década dos 80, e non o fixo sen polémica. "Al aparcar los coches de un lado y de otro y con la parada de buses —a un lado os coches da Ribadeo, ao outro a de Hermanos Veiga, que ían a Viveiro— escasamente podía pasar un turismo, era muy complicado el tráfico, tenía que ensancharse la carretera y teníamos que hacer obra porque había muchos baches y había que mejorar toda la traída y el alcantarillado y el Ministerio de Obras Públicas dijo que la única solución para arreglarla era estrechar las aceras", rememora José María García Leira, o alcalde naquel momento.

As beirrarrúas recortáronse 70 centímetros de cada lado. "Hubo protestas. La de los bares fue enorme. Había muchos con grandes terrazas, el Casino, el Fornos, el Roca, la Vizcaína, el Pepe... Y la gente también protestaba porque decía que no se podía caminar", recorda, ao tempo que recoñece que tampouco lle gustaba a idea. "Pero ante la evidencia de que no había otra solución y la obra era necesaria, se hizo, y la gente se fue habituando y se circulaba mucho mejor", di.

Os coches gañaron a partida durante 40 anos, ata que a caída e o incendio da Casa das Maragatinas o pasado mes de xuño acelerou a firme intención do goberno local de facer unidireccional a Rúa da Pravia, tal e como xa propoñía o plan de mobilidade, e a decisión chegou por sorpresa para todos.

O cambio dividiu os veciños entre os que cren que a dirección única é favorable —máis movemento e máis aparcadoiros— e os que defenden que supón partir Vilalba en dous. Durante días houbo moitas protestas por parte dos comerciantes. Agora, coas críticas algo diluídas, será o tempo o encargado de escribir o seu futuro.


A auga, un problema baixo terra que urxe unha solución para evitar riscos
Pese a que algún tramo está renovado, a maioría das tubaxes que percorren baixo terra a Rúa da Pravia son de fibrocemento e están dende os anos 80. O suceso na Casa das Maragatinas encedendeu as alarmas nunha rúa que urxe unha solución para evitar riscos. 

«Contactamos cunha empresa de enxeñaría da Coruña para facer un informe de como está o fibrocemento e un estudo de arquitectos vaise poñer co proxecto da obra, que esperamos empezar canto antes», indica o edil Luis Fernández, que asegura que o obxectivo do goberno local é aproveitar para renovar os servizos e dar un cambio de imaxe. Pese a que o orzamento será moito maior, xa hai 330.000 euros de remanente para esta obra. 

Nos últimos tempos rexistráronse tres grandes fugas na rúa. As primeiras na mesma vivenda, a número 53, unha das máis antigas e que pertenceu ao oftalmólogo Agustín López. «La cantería data de 1873 pero es más antigua », di Reyes Corsini, unha das actuais propietarias. «Reventó la traída y se nos inundó la casa. Había una piscina en el sótano. Teníamos antigüedades, mobiliario... y estaba todo sumergido de lodo, todo inservible», lembra. 

A primeira vez foi hai oito anos, a segunda, seis. «La casa no cayó porque es antigua, hecha de piedra y filtró, pero cuando vimos lo que pasó con la de las Maragatinas temblamos », di. Tiveron que contratar un arquitecto para comprobar a estabilidade do edificio e pintar todo. «Había problemas de humedades», precisa. 

Hai catro anos, rexistrouse outra fuga mentres se construía un edificio nun solar anexo. Estaba en formigón e non houbo moitos danos.

Unha das manifestacións de xuño en Vilalba. ARQUIVO

Unha recollida de firmas tras manifestacións, unha pitada pola vila e varias concentracións

Gran parte dos comerciantes protagonizaron varias protestas en xuño, cunha semana de manifestacións na rúa, unha pitada de coches pola vila ou varias concentracións fronte á casa consistorial. Pero freáronse tras un encontro coa rexedora municipal, Elba Veleiro, no que decidiron darlle ao Concello un voto de confianza. 

Entre as súas reinvidicacións solicitaban unha mellor sinalización das posibles variantes á nova unidireccionalidade, na propia vila e en Google Maps, plantear zona azul na Rúa da Pravia e no párking subterráneo ou estudar un cambio de dirección. "Sigue sin haber cambios y seguimos sin notificación alguna", comentan algúns comerciantes, que organizarán este mes unha reunión para estudar a posibilidade de retomar accións, aínda que a plataforma creada a principios de verán está "desestruturada" ante a falta dun punto de unión. 

O que se mantén é a recollida de firmas iniciada polos afectados co apoio da asociación Sete Pontes.

O futuro da Rúa da Pravia?
Comentarios