A reportaxe da Chaira

Froitos maduros da unión veciñal en Muimenta

Das seis comisións existentes, a número catro, co presidente máis veterano e tres novas incorporacións, organiza este ano XXXIX Moexmu e a XXXII Festa da Filloa
Comisión catro, organizadora da Moexmu e da Festa da Filloa 2023
photo_camera Comisión catro, organizadora da Moexmu e da Festa da Filloa 2023

A Mostra Exposición Muimenta (Moexmu), que na primeira fin de semana de abril acadará a súa trixésimonovena edición, e a Festa da Filloa, que vai pola trixésimosegunda, sono "todo" para Muimenta. E iso é así grazas ao esforzo que a veciñanza e os empresarios levan facendo dende os inicios de ámbalas dúas citas. 

"Conseguimos unha cousa que é extraordinaria, non sei se haberá en Galicia outro pobo que traballe coa unión de Muimenta", asegura Daniel Pollán, empresario xubilado que este ano preside, e van xa sete —é quen máis veces obstentou o cargo—, a comisión número catro, a encargada de organizar ambas citas neste 2023. 

Pollán incide en que tanto a lonxevidade coma os éxitos prolongados no tempo da Moexmu e da Filloa, que mesmo foi declarada Festa de Interese Turístico en 2008, son grandes exemplos desa implicación veciñal, pero están lonxe de ser os únicos, e recorda outros fitos na historia da vila, coma a construción do campo de fútbol, da área recreativa Ribas do Miño ou do centro médico. 

O recinto feiral Manuel Vila construíuse por iniciativa veciñal e inaugurouse na edición de 1991

"Estamos orgullosos do que fixemos", incide, facendo fincapé nun espírito colaborativo que el tamén representa perfectamente. Aos seus 85 anos, hai tempo que podía ter dado un paso atrás, mais o seu compromiso coa Moexmu e a complicidade da súa saúde abondaron para que se mantivese unha edición máis "para botar unha man e axudar no que se poida". 

"Este ano seguín por colaborar, pero será o definitivo, está decidido", asegura un home que estivo xa nos inicios na feira, cando esta se celebraba en xullo e se facían casetas de xestas no lugar onde hoxe están o colexio e o parque infantil.

"Daquela pensárase, que podemos facer para dinamizar Muimenta?, propúxose facer unha feira de mostras e había moita xente disposta a botar unha man", recorda, aludindo tamén ao "éxito extraordinario" daquela primeira edición, na que se xuntara "moita maquinaria e moita xente".
A cita foi a máis e en 1988 poñíase en marcha o sistema de comisións rotatorias, primeiro formado por cinco grupos que logo pasarían a ser seis, integradas por empresarios da vila —dependen da Asociación de Empresarios de Muimenta—, coa representación tamén de gandeiros.

Integrantes da comisión de 1991, no novo recinto feiral. EP
Integrantes da comisión de 1991, no novo recinto feiral. EP

A primera vez que Daniel Pollán presidiu unha comisión foi en 1991, cando a Festa da Filloa nin existía e a Moexmu aínda era en xullo. E a el e aos seus compañeiros de batallas daquel momento —Luis Miguel Iglesias Francos e Orlando Iglesias Pernas, que continúan hoxe en día, e Julio Rodríguez López, Antonio Anllo Neira, e Aquilino Cabana Vila— tocoulles protagonizar un dos momentos que se poden considerar transcendentes da historia da feira: inauguraron o recinto feiral Manuel Vila, un emblema en Muimenta. 

"Fomos a comisión que o estreou", precisa, e lembra como se chegara a apostar por esa obra: "Tomouse a decisión de adquirir uns terreos, porque había algúns cartos da venda duns piñeiros, e compráronselle a dous veciños", detalla sobre a iniciativa popular. Contruíase daquela a primeira nave e un peche para o recinto e, si, houbo axudas, mais unha vez máis, como conta Daniel Pollán, os veciños contribuíron con man de obra e no que fixo falta.

Pollán tamén recoñece que xuntar o orzamento necesario para estas citas non é doado —lembra que se facía un libro ou se vende lotaría e por iso se cobra unha entrada simbólica na Moexmu— sobre todo polo elevado custo que ten materializar o concurso de gando, en cuxa organización colaboran Africor e unha comisión de gandeiros. Porén, faise o esforzo necesario para poder manter o que hoxe por hoxe é o único concurso morfolóxico de raza frisoa que se celebra en Lugo.

O sistema de comisións rotatorias, primeiro formado por cinco ás que logo se engadiu unha sexta, fixouse en 1988 

"Traballamos moito as comisións todas", incide sobre un sistema organizativo que ve necesario e no que recoñece que o traballo foi a menos dende que José Manuel Rus se converteu no coordinador. "Quen fai a feira é el, leva toda a parte administrativa e lévaa de marabilla, o seu labor é básico e fundamental, o resto axudamos", asegura Daniel, que incide tamén en que el é presidente "porque alguén ten que ser, hai que ter unha persoa responsable, para firmar" e no seu grupo decidiron non rotar os cargos —hai algún que si o fai— pero que iso no implica que sexa "nin máis nin menos que os demais". 

Daniel, Orlando e Luis Miguel son os máis veteranos da comisión catro, que se responsabilizou tamén das edicións de 1996 (xa coa Filloa creada), 2001, 2006 (a primeira que fixeron en abril, tralo cambio en 2002), 2011 e 2017 e da que tamén formaban xa parte Jesús Alvariño (dende 1996) e Jorge Pena Anllo (dende 2011). E este ano poden presumir de incorporar as sempre tan demandadas caras novas.

A necesidade de ter relevo xeracional é unha constante nas reclamacións das sucesivas comisións e a cuarta conta con ata tres novos empresarios dispostos a sumar á causa.

Juan Castaño púxose á fronte da farmacia Castaño na localidade hai un par de anos e hai só uns meses entrou na asociación de empresarios e na organización da Moexmu. "Decidinme a colaborar pola boa acollida que tiven", asegura, explicando que antes de chegar a Muimenta pouco sabía da Moexmu ou da Filloa, pero ao atoparse cun "pobo moi unido, que me acolleu moi ben", quixo tender tamén a súa man e facer o posible "para que non se perdan" nin eses lazos nin tampouco a tradición.

As novas incorporacións uníronse para axudar a manter a cita e a unión que sempre caracterizou o pobo

Manuel Rancaño Cabana xa levaba uns cantos anos coa súa empresa de formigón, Horimpresga, asentada en Muimenta, pero non foi ata hai pouco máis dun mes que se decidiu a formar parte da asociación. "Comentáronmo e o fácil sería dicir que non, pero para que un pobo teña cousas, hai que axudar", asegura un empresario que comezaba a súa andaina en Madrid no ano 2001, pero que acabou por volver á súa terra hai xa máis de 15 anos.

Tamén David Rodríguez París accedeu a formar parte da comisión para apoiar, "porque é importante manter o pobo xunto", aínda que recoñece que o negocio, Recambios París, instalado no polígono e que vén incorporar tamén unha ferretería, deixa pouco tempo para arrimar o ombreiro.

Sumar novas persoas colaboradoras é tamén o desexo do resto das outras cinco comisións. Ano tras ano, as 42 persoas que as integran fan o posible para que cada nova edición da Mostra Exposición Muimenta e da Feira da Filloa sexan un éxito e honren ese espírito de unión que caracteriza a esta parroquia do corazón da Chaira de apenas 800 veciños

Carteis: deseños de Paula Francos inspirados no corazón

Cartel da Moexmu. PAULA FRANCOS
Cartel da Moexmu. PAULA FRANCOS

Paula Francos Anllo volve ser un ano máis a autora dos dous carteis anunciadores da XXXIX Moexmu e do XXXVII Concurso de Gando Frisón, para os que desta vez se inspirou no corazón, un órgano "imprescindible para o ser humano".

Feira

O corazón do cartel da Moexmu fórmano elementos da feira: artesanía, maquinaria, ferramenta... e destaca a presenza dun compoñente tecnolóxico "xa que o mundo agrogandeiro, como o resto dos sectores, cada día se está adaptando máis ás novas tecnoloxías".

Concurso de gando

No cartaz do gando o corazón integra o "bo trato entre animais (vaca frisona e galega) e persoas, dando importancia a ambas figuras xa que animais e coidadores son de vital importancia".

Comentarios