Franscisco López: "Dende sempre as filloas estiveron presentes na nosa carta en diferentes elaboracións"

Francisco López é unha das patas dunha "mesa familiar que leva funcionando moitos anos». Exerce de xefe de sala do España, restaurante de referencia en Lugo no que seu irmán Héctor López se encarga dos fogóns, logo de que ambos apostasen por darlle continuidade ao labor iniciado por seus pais . E de tradición e gastronomía falará este mércores, día 1, ás 13.30 horas en Muimenta, onde exercerá como pregoeiro da Festa da Filloa.

Francisco López, no restaurante España. XESÚS PONTE
photo_camera Francisco López, no restaurante España. XESÚS PONTE

Que o levou a aceptar ser o pregoeiro da Festa da Filloa?

Cando me propuxeron ser pregoeiro da Festa da Filloa foi para min unha sorpresa, pero sobre todo é un pracer, como defensor da gastronomía galega e dos produtos tradicionais, ser o encargado este ano de dar comezo a esta festa con tantos anos  de celebración as súas costas.

Que quere destacar na súa intervención?

Sobre todo a riqueza da nosa cultura gastronómica baseada na nosa tradición.

Sabe facer filloas? 

Si, aínda que a verdadeira especialista na casa é a miña avoa.

"Lembro incharme a comer filloas con azucre e con me na casa dos meus avós"

Lembra cando foi a primeira vez que as probou?

Non recordo cando foi a primeira vez, pero si que lembro incharme a comelas con azucre e con mel na casa dos meus avós. Tamén recordo a última, este domingo de postre.

As filloas teñen cabida na carta do restaurante España?

Por suposto! Dende sempre as filloas estiveron presentes na nosa carta en diferentes elaboracións, reenchidas de perdiz, de galo campeiro... ou como as que temos actualmente na carta, reenchidas de centola.

Que destacaría da súa oferta, que  fai que o restaurante siga sendo un referente en Lugo ano tras ano?

Tentamos estar sempre traballando con produtos de primeira calidade. Actualmente estamos dándolle un forte empuxón á carne de boi que nós mesmos criamos. Tamén é importante traballar sempre con moita ilusión e isto vense facendo no restaurante dende o primeiro día.

Cos nosos bois buscamos dar un produto de máxima calidade, cubrimos todos os pasos para chegar a excelencia na carne 

Fala dos bois que crían en Portomarín, que os levou a dar este paso?

Ese é un proxecto no que levamos involucrados nove anos e que xunta dúas grandes paixóns da familia, que son a hostelería e o campo. Buscabamos dar un produto de máxima calidade e que non había e tentamos cubrir todos os pasos para chegar a excelencia na carne de boi.

Que o levou a involucrarse no negocio familiar?

Vivín o negocio dende que nacín. Mais que un negocio é unha forma de vida e é a que coñezo dende neno.

Hai uns meses estrearon unha importante reforma das instalacións do restaurante, cal está sendo a acollida?

A acollida está sendo fantástica. Nos negocios, como na propia vida, sempre hai que estar renovándose e este foi un bo empuxón para retornar con moita enerxía tanto para o persoal do restaurante como para os clientes que sempre responden positivamente.

En Lugo cómese moi ben en moitos sitios, moitos tipos de comida e cunha materia prima de primeirísima calidade

Veñen de recibir un segundo Sol da Guía Repsol, que supón esta distinción para o España?

Sempre é bo recibir este tipo de recoñecementos, tanto para o restaurante como para a propia cidade de Lugo, porque a sitúa no mapa gastronómico do noso país. Dende logo, é unha responsabilidade e unha alegría para todos.

Chegará a estrela Michelín?

Nós temos unha filosofía de traballo baseada en satisfacer o cliente e na nosa satisfacción persoal. Se con esta filosofía chega a estrela, será benvida, pero para nós o máis importante é o recoñecemento dos nosos clientes.

E para comer Lugo... o eslogan axústase á realidade?

Rotundamente si. En Lugo cómese moi ben en moitos sitios, moitos tipos de comida e cunha materia prima de primeirísima calidade.

Comentarios