Francisco Roca: "A resina é unha opción que dá valor engadido e xera emprego"

Francisco Roca preside dende hai seis meses a comunidade de montes veciñais en man común de San Xoán de Lagostelle, que conta cunhas 1.300 hectáreas, das que unhas 800 están plantadas con piñeiro. Nos seus terreos tamén se localizan o pantano e a área recreativa de San Xoán, así coma outros espazos de lecer. A nova xunta directiva complétase con Roberto Pedrido Rodríguez como secretario, José Martínez Seijas de tesoureiro e, como vogais, Jesús Sanmiguel Alvariño e Francisco Álvarez Arias.

Francisco Roca. C.PÉREZ
photo_camera Francisco Roca. C.PÉREZ

A súa foi a única candidatura, porque se decidiu a presentarse?
A min sempre me espertaron interese as cuestións relacionadas co monte e son asistente asiduo ás reunións. Ademais, gústame andar polo monte e preocúpame a súa produción e a súa rendibilidade, e iso foi o que me motivou. Cando se fixo a convocatoria de renovación, faleino con estes rapaces e decidimos presentarnos. Eu son o máis vello, e paréceme interesante involucrar a xente nova na xestión do monte. A única mágoa é que non temos ningunha muller. Intenteino, pero nesta sociedade na que vivimos a muller aínda ten moitos problemas para conciliar e sacar tempo para cousas coma esta.

Que balance fai destes primeiros seis meses?
Tratamos de coñecer a situación do monte, de como estaba e o do que se pode facer e aínda estamos niso. É moi complexo, polos problemas burocráticos que impiden tomar decisións rápidas. Cremos que o monte ten unha falta grandísima de investimentos, porque para empezar gustaríanos que estivese todo limpo, pero iso é unha utopía a día de hoxe. Estamos estudanto alternativas de diversificación, a ver cales son posibles e a decisión última sempre será dos comuneiros, aos que lles pedimos que asistan as asembleas para estar informados e ser parte activa das decisións que se tomen. Cando nós entramos, comprometémonos a organizar unha asemblea, unha vez situados, para explicarlle á xente as nosas intencións, e xa se fixo en agosto.

Estamos a elaborar un novo censo de comuneiros para primeiros de ano e estamos na Habanera os venres de 19.00 a 20.00 horas para que nos entreguen as fichas cubertas 

Cantos comuneiros son?
Somos 490, pero estamos a elaborar un novo censo para primeiros de ano. Os venres, de 19.00 a 20.00 horas, estaremos no local social da Casa Habanera para que nos entreguen as fichas cubertas. Comuneiro pode ser calquera persoa da parroquia maior de 18 anos. Ten que ser unha por casa e nós animamos aos mozos e ás mulleres a que se involucren e se dean de alta. Somos unha directiva allea aos que estaban antes, e que pensamos traballar en equipo, coa máxima transparencia, claridade e información á comunidade, polo que animamos a calquera comuneiro que teña dúbidas ou queira aclarar algo que non dubide en achegarse e falar con nós, porque a comunidade somos todos os que a formamos.


Cales son as medidas que teñen en marcha?
Queremos poñer en produción, con respecto pola sustentabilidade e o medio ambiente, todo o monte que sexa posible e por iso xa lle arrendamos a un particular, para uso agrícola, unha parcela de 21 hectáreas que estaba sen uso dende o Klaus. Coa subvención da Xunta para a prevención de lumes fixéronse desbroces e agora estanse facendo outros, con fondos propios, nuns doce quilómetros de camiños e tamén se está acondicionando unha pista na zona de Sanguiñedo, solicitada polos veciños. Vanse empezar a limpar piñeirais e temos en proxecto a limpeza doutra parte. Tamén aprobamos as franxas de seguridade dos piñeirais, que xa terían que estar feitas, pero aínda non o están porque faltan autorizacións, como por exemplo de Fomento, para retirar algúns da beira da Nacional VI. Esperamos poder facelas antes do inverno. En asemblea acordamos amplialas dos dez metros que marca a lei a 20, porque se pensou nos incendios, pero non nos temporais, e non queremos que pola caída dunha árbore se poida producir unha traxedia. Nese espazo plantaremos outras especies que non teñan risco. Por outra banda, temos previsto facer unha plantación en colaboración cos centros educativos, na zona da área recreativa de Senande.

Tamén están a elaborar o Plan de Ordenación do Monte.
Si, os técnicos están empezando a traballar nel. Temos unha subvención concedida e unha vez que o teñamos darémolo a coñecer. Queremos que contemple as posibilidades de aproveitamento do monte ao máximo e alternativas de produción, como podería ser o tema da resina.

Os técnicos están empezando a traballar no Plan de Ordenación do Monte, que queremos que contemple aos posibilidades de aproveitamento do monte ao máimo e alternativas de produción, como podería ser a resina

Xa houbo varias demostracións, hai algunha iniciativa a este respecto?
Estase estudando, porque estamos convencidos de que a resina é unha opción interesante, que mantén o monte limpo, dá un valor engadido e non supón un prexuízo para a produción de madeira, ademais de ser unha alternativa laboral para a xente nova, xera emprego sostible con futuro.  O Concello ten previsto organizar un curso de resineiro e xa hai unhas 50 persoas interesadas. 

Hai moita polémica ao redor do eucalipto, son partidarios da súa plantación?
Nós temos só tres hectáreas e os plans de ordenación que se fan con subvención non permiten a plantación de eucalipto.

O tema dos deslindes é unha problemática recurrente nas comunidades de montes, como os levan?
O deslinde desta saíu publicado no DOG do 13 de xullo e agora faltarían dúas zonas pendentes dunha resolución xudicial.

Temos aprobadas as axudas para as festas nos próximos catro anos, con 21.000 euros para as patronais de San Xoán, 6.500 para o Festival de Pardiñas e 2.500 para a Festa do Ecce Homo do Curro Vello

Sobre a mesa tamén estaban a posibilidade de reclamar terreos do campo de aviación e o balneario.
Non hai nada previsto nese sentido. Existe a documentación e se a asemblea decide retomar esa reclamación estudarase a fórmula para facelo.

Que uso lle dan aos beneficios do monte?
Hai moitos anos que non se reparte, ao meu modo de ver non sería produtivo, porque unha parte iría a Facenda. Optouse por destinalo a gasto social, aínda que este ano non houbo cortas e só temos unha prevista, así que non hai marxe para investimentos. Si se aprobaron as axudas ás festas para os próximos catro anos, con 21.000 euros para as patronais de San Xoán, 6.500 para o Festival de Pardiñas e 2.500 para a Festa do Ecce Homo do Curro Vello. 

"Encantaríame ir ver os usos que ten o monte noutros lugares con todos os comuneiros"
Cal cre que é a mellor obra que fixo a comunidade de montes?
Fixéronse moitos investimentos positivos en servizos para os veciños e un dos máis importantes é a restauración da Casa Habanera.
Que lle gustaría poder deixar feito cando deixe o cargo?
Nós asumimos a responsabilidade por catro anos e a nosa ilusión sería mellorar o noso monte con proxectos rendibles e de futuro.
Que afeccións ten?
Gústanme a caza e a pesca, pero sempre respectando ao máximo o medio ambiente e a natureza, e tamén me gusta viaxar e facer fotos nos lugares aos que vou para ter un recordo. 
E cal será a viaxe que lle gustaría realizar?
Todas. Encantaríame poder levar a todos os comuneiros ver os usos e aproveitamentos que ten o monte noutros lugares.
Foi carteiro, como vostede di, 41 anos e 16 días, que bota máis de menos?
Teño a sorte, pese a non estar traballando, de seguir en contacto cos que foron os meus compañeiros durante tantos anos e síntome afortunado de contar co seu aprezo. É unha satisfacción.
Con que recuncho se queda de Guitiriz?
Cústame dicir que é o que non me gusta, porque este é o meu pobo. A Ruta da Auga, sobre todo o paseo entre a Ponte Veiga e as Escádebas, que para min é unha zona extraordinaria. Tamén destacaría a área recreativa de San Xoán e Pardiñas. 
 

Comentarios