Descubre o recuncho de... Xosé Manuel Felpeto

As Fragas do San Vitorio: O bosque máxico de Cabreiros

O presidente da asociación veciñal desta parroquia xermadesa atopa neste recanto natural o mellor lugar para ler, escribir ou pensar a carón dos "xigantes silenciosos"
Fragas do San Vitorio, en Cabreiros. M.MANCEBO
photo_camera Fragas do San Vitorio, en Cabreiros. M.MANCEBO

Xosé Manuel Felpeto é un apaixonado da súa terra. Presume dela e sabe vendela. Porén, cando o xénero é bo, a tarefa é máis sinxela. Gústanlle moitos recunchos do seu Cabreiros natal, onde exerce dende hai anos de presidente da asociación veciñal, pero as Fragas de San Vitorio son especiais.

FRAGA DO SAN VITORIO 11
Xosé Manuel Felpeto, nos chantos nos que se senta a ler, escribir e pensar. M.M.

A elas chega a pé en solitario, buscando ese recanto de paz no que poder escribir, ler, pensar ou respirar sentado nun chanto baixo a atenta mirada dos "xigantes silenciosos", como lle gusta chamar a eses carballos que son "un dos principais sinais de identidade dos galegos", reflexiona.

"Se queres estar tranquilo e non atoparte con ninguén, este é o lugar ideal. Sobre todo pola semana", di Felpeto, que si ten intercambiado conversas con veciños ou visitantes durante as fins de semana, ao ser este un dos puntos de interese da Ruta do Río Trimaz, entre os quilómetros nove e dez.

Alí, nese tramo e cun pouco de fortuna, pódense atopar exemplares de porco teixo, e afinando aínda máis o oído e a imaxinación, ata escoitar os pasiños dos trasgos. "É un bosque máxico", conclúe cun sorriso Felpeto.

FRAGA DO SAN VITORIO 4
Neste bosque máxico hai porco teixo, algún lobo e mesmo se poden escoitar os pasos dos trasgos. M.M.
Como chegar
Dende O Chao de Cabreiros hai que coller en dirección ao barrio de Vilacide e seguir as indicacións da Ruta do Río Trimaz, da que forma parte este enclave natural. 
Historia
O bosque recorda no seu nome a unha antiga capela na honra a San Vitorio da que xa non queda nin rastro, e da que Xosé Manuel Felpeto só lembra unhas pedras espalladas sendo un neno. 
Fauna 
A zona de Cal Grande —de onde saíron moitas das pedras das casas da volta— é o acubillo de lobos que se achegan a pé de camiño a saudar aos visitantes.