O recuncho de Daniel Ferreiro

Fraga de Damil: a enciclopedia dos carballos

A carballeira, na que se está "moi a gusto", serve de punto de encontro para os veciños, sobre todo polas festas
Carballos da fraga de Damil. C.PÉREZ
photo_camera Carballos da fraga de Damil. C.PÉREZ
Localización
Dende a LU-541 (Rábade-Vilalba), hai que coller a pista que está fronte a Casa Varela e ao carón de Casa Pichín e a uns 700 metros, á esquerda, están a fraga e a escola.

Festa
A festa facíase antigamente xunto á igrexa, pero logo cambiouse para a fraga, malia a ser de propiedade privada. As patronais son o último fin de semana de agosto, organizadas por unha comisión. O sábado previo faise unha comida veciñal e polo San Xoán, outra.

Auga
Daniel Ferreiro foi ao Ceip de Begonte, mais lembra que daquela a escola unitaria aínda funcionaba. A actividade educativa cesaría pouco despois, pero o edificio segue en uso e acolle cursos, xuntanzas veciñais ou fai de colexio electoral nos comicios de maio, cando non se pode usar a escola de Saavedra ao ser a romaría dos Milagres. 
Carballeira de Damil. C.PÉREZ
Carballeira de Damil. C.PÉREZ

"Se os carballos falasen... xa te podes imaxinar... daba para escribir unha enciclopedia", bromea Daniel Ferreiro, responsable de Casa Varela e veciño "de toda a vida" de Damil falando dun dos seus recantos favoritos, que é tamén emblema desta parroquia begontesa.

A histórica fraga de Damil, que conxuga vetustos centenarios, mozos vizosos e xermolos que aspiran a perpetuar a carballeira –e algún bidueiro despistado–, "ten moito encanto", di Dani, que atesoura múltiples recordos de infancia que se mesturan co presente. 

"Iamos xogar alí cando eramos pequenos, ao escondite ou coas bicis, porque as raíces valíannos para saltar, e agora imos cos nosos nenos", conta, facendo fincapé en que as novas xeracións apostaron por quedar en Damil, onde tamén se asentaron outras familias de xente moza. "Hai moitos nenos e moitos veciños novos, as casas que quedaron baleiras logo se foron enchendo e os que nacemos aquí, quedamos", precisa.

E a carballeira, antes e agora, para os de sempre e para os que se foron sumando, é un "punto de encontro", sobre todo polas festas. Mudaron os tempos, desapareceu o vello palco de madeira e só perduran na lembraza momentos coma aquelas carreiras de burros ao redor da fraga, nas que "había moita competencia" e onde Dani chegou a competir cun animal prestado, mais segue a ser ese lugar "onde se está moi a gusto".

Escola de Damil. CPÉREZ
Escola de Damil. CPÉREZ

E como todo sitio onde se xunta a xente e hai troula, non faltan as anécdotas, coma a festa improvisada en outubro ao vir tocar unha orquestra como compensación por parte dun representante, xa que a formación que actuara na verbena das patronais acabara moito antes do acordado. "Aquilo fora apoteósico", ri Dani, que lembra outra celebración pasada por auga, onde músicos e asistentes seguiron coa esmorga nun alboio: "Nunha churrascada empezara a chover moito e non había carpa, así que fomos para alí ao lado, onde gardaban apeiros, e a charanga subírase a eles para tocar", recorda.

"Bromeamos con que non traemos á Panorama porque habería que cortar algún carballo e non queremos", conta entre risas, mais non lle falta verdade ás súas palabras pois, á fin, a fraga é un referente e eses sempre hai que preservalos. 

Zocas feitas por César Lorenzana. C.PÉREZ
Zocas feitas por César Lorenzana. C.PÉREZ

Comentarios