MEIRA

Frades e celtas na terra da malla e da auga

O Miño nace entre as pedras de serra de Meira, as que viron como nacía unha vila. Situada nunha paraxe incomparable, aqueles primeiros monxes tamén se deron conta da súa beleza inesgotable 

Maqueta do mosteiro de Meira. TEÓFILO LÓPEZ
photo_camera Maqueta do mosteiro de Meira. TEÓFILO LÓPEZ

Poboación
O concello de Meira suma 1.726 habitantes entre as dúas parroquias que o conforman. A capitalidade municipal é a que reúne 1.586 persoas, mentres que a veciña Seixosmil queda en 140, segundo os últimos datos que ofrece o Ige.
Vista atrás
Cóntase que Meira xurdiu no barrio da Pena o 1 de xuño de 1143 e que se foi espallando pola influencia que os monxes cistercienses exerceron sobre as terras próximas.
Curiosidades
O municipio apenas conta con cruceiros colocados nos cruces de camiños, senón que se adican á memoria dalgún falecido.

TERRA DE AUGA e de trigo. De lendas e de historia. De celtas e de frades. Meira agocha mil contos, igual que agochada está a auga que flúe por debaixo dos pés dos meiregos e que agroma en infinidade de lugares en forma de fontes e de regatos que, quilómetros adiante, se converten en maxestosos ríos.

Que a vila de Meira se fundara no lugar no que está non é algo casual. A idoneidade da súa localización para os primeiros monxes cistercienses fixo que alí construíran un mosteiro do que queda a igrexa, a actual casa do concello e parte do claustro procesional. Pero hai quen di que estes non foron os primeiros en chegar alí. "Non sería moi raro pensar que antes destes monxes estiveron os benedictinos, pero non hai documentos que o certifiquen", explica Yoani Jartín, técnico de turismo de Meira con amplos coñecementos da historia da mesma.

A certeza que si hai é que o rei Alfonso VII foi o encargado de doar as terras, que el mesmo considerou ermas e incultas, aos condes de Sarria. E todo cun propósito: que estes lle cedesen eses mesmos terreos ao Císter, unha orde católica que proviña de Francia con ansias de expansión. O afastamento doutros núcleos de poboación e a terra fértil que posuía Meira foi todo canto os doce monxes e o abade cistercienses precisaron para quedar.

Dende o barrio da Pena, os monxes desprazábanse ata a fonte do Valiño, tamén coñecida como dos Frades, para recoller auga. Os veciños din que esa auga é especial pola calidade que ten, pero o posible motivo de tan longo desprazamento pode estar na intención de vixiar toda a vila, pois tiñan que atravesala, a pesar de que había fontes moito máis próximas.

"Os cistercienses instalábanse e utilizaban o apoio dos veciños, pois acababan simpatizando con eles", explica Yoani: "Unha das maneiras de acaparar fieis foi cos petos de ánimas, símbolo de protección nos camiños logo de que lles meteran medo coa Santa Compaña". Así foi mudando a poboación, lenta á par de eficaz.

Pero a cantidade de vestixios celtas que se espallan polo municipio fai inevitable pensar que por alí xa pasaran outros habitantes.  O castro de Pumarín, na parroquia de Seixosmil é un exemplo, como tamén o é o das Coroas, en Piñeiro, e o do Zarralleiro ­­—entre Meira e A Pastoriza—. Precisamente unha desas construcións é a do Cortello da Vella, ou pena da matanza, ben preto do Marco de Álvare. O conto, ou a realidade, narra que alí se deron cita tres xenerais celtas que, tras unha forte disputa, acabaron falecendo alí mesmo os tres. Polo momento, sábese que existen tres mámoas moi próximas entre elas, aínda que resisten con complicacións o paso do tempo.

Ese tempo tamén pasou por aqueles monxes e o mosteiro acabou abandonado ata que en 1931 o declararon Monumento Nacional. Dende entón, o mosteiro é un dos símbolos da vila meirega e arredor do que funciona moita da vida social e cultural.

Cóntase que dende el xurdía unha especie de pasarela para as mozas de boa clase que vivían en Meira. Poucos se acordan xa daquilo, pero "polo Paseo Central —na actual Praza Maior— as rapazas que tiñan mozo adicábanse a pasear ata o que agora é Almacéns Méndez para que as viran", rememora Yoani a través dos recordos que lle contaba a súa avoa.

Por aquel entón o labor da malla era unha cita ineludible para os veciños, moitos dos cales se desprazaban o día da Ascensión ata Castela para gañar un xornal que lles daba para vivir case todo o ano. Esa tradición conservouse e prosperou, dando pé ao festexo que agora reúne xente de tódolos puntos. E que foran precisamente de Meira ata Castela non é casualidade. As boas conexións que había a través do Camiño Real de Castela, que partía de Mondoñedo, facían relativamente sinxela a chegada ata o seu destino.

Xa antes era paso case obrigado de moitos viaxeiros. Volvendo outra vez aos monxes, por Meira pasaba a Vía Rexia do Norte, considerada polos peregrinos como unha das rutas máis seguras, ao atravesar propiedades do Císter e estes ser protectores do Camiño.

Á vista queda que Meira non é só o nacemento do río Miño, senón que o seu pasado é un manancial do que brotan contos e historias reais sen cesar. Testemuña de todo iso é o Pedregal de Irimia, berce do río de tódolos galegos, que ten a súa orixe nunha morrena periglacial, de aí a disposición das pedras, por moito que digan que foi a vella Irimia quen llas tirou aos monxes cando estes lle ían reclamar o imposto daquelas terras. Por moito que insistiran,  aquilo non era deles, ben dixo a meiga que "este río é miño".

CO OLLO ABERTO
A Mexadoira. No rego Murias, esta fermosa fervenza, duns 15 metros de altitude, atópase en plena ruta Miño-Eo.
Dhogs. O primeiro filme do meirego Andrés Goteira é sinónimo de éxito. Despois de catro anos de traballo, colecciona premios alá por onde vai, como nos Mestre Mateo ou no Festival de Sitges.
CANCIONEIRO
Nove Ferreñas. O grupo de pandeireteiras, que comezou hai máis dunha década sendo un simple curso de pandeireta, reúne a medio cento de integrantes. Son unhas habituais das festas locais, como a Malla de Meira
Escola de Música. Conta cuns cen alumnos e dela saíron diferentes bandas, como a de gaitas, a de acordeóns ou a propia Banda de Música de Meira, que acadou moita sona coa súa particular versión de Despacito, de Luis Fonsi.
POR ESCRITO
Avelino Díaz. O escritor, nado en Riotorto, é todo un símbolo en Meira. O colexio leva o seu nome, así como o certame de Debuxo e Poesía. Impulsos a cargo da asociación Avelino Díaz que busca o seu recoñecemento a través dun Día das Letras Galegas.
CON MOITO GUSTO
Empanada de mazá. Como postre ou prato principal, ten o seu templo na panadería Muriato, á que acoden moitos fieis clientes.
Muñuelos. Feitos con masa de pan e fritidos na tixola. Convertíronse nun petisco tradicional da Festa da Malla.
Roscas das Candeas. Elabóranse coa escusa da Festa das Candelas cada 2 de febreiro e é habitual repartilas acompañadas polo viño de misa logo da celebración.
PARA SENTIR
O Pedregal. Sentir o ruxir das primeiras augas do Miño debaixo dos pés é algo que só coñecen os que soben polo Pedregal.
A Malla. Unha das festas por excelencia, foi declarada de interese turístico de Galicia por retratar fielmente este labor.
Porto da Pena. Nesta área das Corbaceiras, reúnense o día da Xira veciños e amigos para merendar coma se facía antano.
CANTO CONTO
Cruz de Meira. Un veciño estaba cargando lousas no carro cando este envorcou e o matou. Alí colocouse unha cruz de madeira, que quedou intacta logo do incendio que asolou todo o monte.
Herbameira. Contan que os celtas coñecían unha herba máxica que o curaba todo e que estaba moi cotizada. Era a herbameira e a zona meirega puido ser boa terra dela, polo que lle quedaría o seu nome.
Redención. As pedras do Pedregal son almas de homes que agardan a súa redención.

Comentarios