jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Beatriz Gallego: fortalezas en lugar de debilidades

Beatriz, no centro, coa súa familia na homenaxe recibida na Pastoriza. S.IGLESIA
Beatriz, no centro, coa súa familia na homenaxe recibida na Pastoriza. S.IGLESIA
Esta moza pastoricense  naceu cun déficit visual que non lle impediu brillar no eido académico e no profesional. Vén de recibir unha homenaxe xunto a outras veciñas no seu municipio natal

"Son un exemplo de loita, sacrificio e superación, un espello para moitas mulleres". Así daba por iniciado a tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira, un acto de homenaxe ás súas veciñas máis representativas. E, no segundo ano desta cita, Beatriz Gallego foi a protagonista ou, mellor dito, a súa historia.

A traxectoria vital desta veciña da Rigueira arrincou entre os presentes algún sorriso pero, sobre todo, aflorou bágoas e emocionou a pesar de estar convencida de que "hai xente que fai cousas máis incribles". "Intento facer as cousas día a día, ao final, é cuestión de normalizar a discapacidade", afirma Bea, quen ten un déficit visual que lle impediu ver ata os tres anos e que acarrea na actualidade. "Algunha vez caín na rúa porque as escaleiras e os bordos son os que me dan máis problema, pero sempre tiven claro que hai que aprender a vivir con ela", engade.

E narra con abraiante precisión como as súas primeiras adaptacións viñeron da man da mestra da escola unitaria da Rigueira: un atril, unha lupa, un monóculo co que ver o encerado e fotocopias ampliadas.

Esas peculiaridades que pasaban desapercibidas nas aulas da súa parroquia, onde se coñecían todos, non o fixeron igual no Ceip da Pastoriza, onde comprobou que "os nenos poden chegar a ser moi crueis". Mais como remedio a esa doenza -que por aquel entón ninguén coñecía como bullying-, Beatriz tiña os seus irmáns, Sergio e Jorge, e a súa familia elixida, Rubén e Martín.

"Non vou dicir que me alegre ter unha discapacidade, pero teño que recoñecer que se non fora por iso non tería feito algunhas das cousas que fixen"

"Rubén era o seu primo do Zumosol", entoou Sergio lembrando ao rapaz polo que chamaban cando as cousas non ían ben. Tamén deu a coñecer ao público que ateigaba o salón de actos da casa da cultura da Pastoriza as andanzas da súa irmá. Campamentos e labores na casa que lle aprenderon os seus pais, "pioneiros na igualidade", indicou Sergio, forxaron boa parte da natureza de Bea.

"Non vou dicir que me alegre ter unha discapacidade, pero teño que recoñecer que se non fora por iso non tería feito algunhas das cousas que fixen", explica a moza. E fala das acampadas da Once, entidade á que segue vencellada, que lle permitiron sentir que "me entendían", ademais de ensinarlle a colaborar ou descubrirlle as carreiras de karts, o piragüismo ou o parque Terra Mítica.

Beatriz, residente en Santiago de Compostela polas comodidades que lle ofrece vivir nunha cidade, destaca que estudou Pedagoxía, en detrimento de Educación Infantil, porque dende un principio "tiven claro que quería axudar a outra xente". Ese labor desenvolveuno no Servizo Público de Emprego de Mondoñedo, como monitora de persoas con déficit visual na Once, ou como orientadora laboral.

Dende o 2009 esta moza pastoricense traballa na asociación Inserta Emprego como consultora, é dicir, facendo selección de persoal para formación, entrevistas de orientación e dinamización a emprendedores, ano no que sufriu un revés que a puxo a proba de novo.

"Gustaríame agradecerlle a unha rapaza alemá da miña idade, que nunca vai escoitar isto e á que nunca vou coñecer, ter doado unha parte de si mesma para que eu me salvase"

O revés chegou en forma de linfoma de Hodgkin, un cancro que lle diagnosticaron un día de febreiro de 2010, xornada na que volveu ao seu traballo ante a sorpresa dos seus compañeiros. Pero dixo, "Bea, para adiante". Logo de tratamentos de quimioterapia que non resultaron todo o frutíferos que deberían, e dun autotransplante fallido, no banco de doantes atopou a súa sorte.

"Gustariame agradecerlle a unha rapaza alemá da miña idade, que nunca vai escoitar isto e á que nunca vou coñecer, ter doado unha parte de si mesma para que eu me salvase". Foron as verbas coas que Beatriz Gallego lembrou a súa doante de médula que lle permitiu "golpear duro" ao linfoma.

Esta experiencia transmítea nas súas colaboracións coa Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame), coas que visita, "non todas as veces que quero", di, persoas na súa mesma situación. "É gratificante dicirlle a un recén transplantado que eu levo anos ben", expresa unha muller agradecida que "nunca" chorou por non poder saír, senón "de emoción polas chamadas e mensaxes que me chegaban".

Agradecida á súa familia, ás súas vellas amizades e ás novas coñecidas nas habitacións do hospital compostelán, pero tamén a "todo o persoal sanitario, auxiliares ou da limpeza", Bea recoñece que a vida foi a que lle axudou a ter "esta visión positiva que teño".

Beatriz Gallego: fortalezas en lugar de debilidades
Comentarios