O Recuncho de Sergio Marey

A fonte de Rois: un lugar de unión veciñal

O concello de Pol conta cun espazo no que os veciños son os encargados de mantelo en pé, e vivo, en todos os sentidos
A fonte de Rois, no concello de Pol. C.F.R.
photo_camera A fonte de Rois, no concello de Pol. C.F.R.

Localización

A fonte de Rois atópase aproximadamente no punto quilométrico 4 da LU-760. Pódese chegar a ela collendo esta vía dende Mosteiro ou dende a N-640, desviándose á dereita no sinal de Mosteiro, ao pasar o aeródromo de Rozas se se vai dende Lugo.

Historia

Foi feita no ano 1930 por don Silvestre Díaz Varela e os veciños de Rois, logo foi restaurada polos veciños do concello en 1986, e de novo acondicionada en 2015 a través do obradoiro de emprego O Castro dos concellos de Baleira, A Pastoriza, Pol e Riotorto.

Canteira

A fonte atópase a uns oito minutos en coche da canteira de lousa de Pol, e de feito dende a mesma fonte pode observarse parte deste material, moi representativo pola súa importancia na zona.

Algúns dubidan un pouco máis cando lle preguntan cal é o seu recuncho favorito, pero a artista polense Sergio Marey teno moi claro. A fonte de Rois é "obviamente" o seu lugar no mundo. Alí pasou boa parte da súa infancia xunto á súa avoa, mentres se daba un baño ou mentres a escoitaba a ela contar historias. En palabras de Sergio, é o punto de encontro de Rois, onde os veciños charlan, recollen auga ou van ao clareo, xa que sempre se empregou ademais como lavadoiro.

Pero a polense admite que, o que a fai tan especial é o feito de que os propios veciños fosen os encargados de restaurala. Sergio asegura que, dende entón, son tamén os habitantes de Rois os que a limpan porque "é unha fonte de unión", xa que alí gardan ademais os recordos de toda a vida. 

Marey conta que "sempre se dixo que o monte de Rois é todo auga, pinches onde pinches sae auga", polo que era importante manter en pé esta fonte, que é "un emblema para as persoas de Rois". Lonxe de ser un recordo para Sergio, o certo é que ela aproveita sempre que pode para ir alí e "desconectar", porque, para ela, pensar na fonte de Rois é "simplemente, felicidade". Escoitar a augua da fonte correr é un son que a tranquiliza e a transporta.

A carón desta fonte hai dous merendeiros e un chorón, que tamén garda unha relación moi estreita coa artista en todos os sentidos. "Sempre me alucinou, dende pequena, pola súa grandeza e a súa beleza. Logo descubrín ademais que o chorón era a miña árbore no horóscopo celta, así que foi como pechar un círculo", di Marey, que sente un vínculo "moi especial" con todo o contorno.

Alí, ademais de veciños, paran decenas de turismos e de camións, xa que serve como unha pequena área de descanso na que moitos aproveitan para darse un respiro do coche ou mesmo encher a botella de auga fresca.

Trátase dun deses espazos que non se adoitan atopar nas guías turísticas, pero todo o que pasa por alí queda canto menos bastante sorprendido, porque o certo é que se trata dunha fonte "moi curiosa polo seu estado e a súa grandeza", como explica Sergio, que di que, "todo o lugar, polo menos a min, trasládame a Pol".

Comentarios