Descubre o recuncho de... Lara Lozano

A Fonte do Moucho de Vilarente, un caer paseniño e ben fresco

Un reguiño que cae entre pedras é o destino dalgúns veciños de Vilarente que van en busca dunha auga que, se por algo se caracteriza, é polo sabedora que é
Fonte do Moucho, en Vilarente. S.IGLESIA
photo_camera Fonte do Moucho, en Vilarente. S.IGLESIA
Como chegar
Esta fonte atópase en Seivane de Vilarente (Abadín), no barrio do Rego das Pedras. E para chegar a ela non é sinxelo: partindo da igrexa, hai que tomar a pista que conduce ao monte de Argán e meterse polo primeiro sendeiro de terra que atopa un, xusto despois de dobrar unha curva ben cerrada.
Propiedade
Este recuncho natural pertence aos veciños, polo que calquera que queira pode achegarse ata el.
Relixiosidade
Moi preto da Fonte do Moucho está a igrexa de San Xoán, na que se celebran misas o primeiro e o terceiro domingo do mes. Tamén festas como a que cae polo 24 de xuño.
Vistas desde o alto de Seivane. S.IGLESIA
Vistas desde o alto de Seivane. S.IGLESIA

O tempo na Fonte do Moucho parece deterse, só arrolado polo murmurio do caer paseniño das súas augas, mermadas pola falta de chuvia. Sábeno ben os veciños do Rego das Pedras e Lara Lozano, de Goá (Cospeito), cuxas raíces están neste lugar do alto de Vilarente.

"A min recórdame aos meus avós, a cando iamos miña irmá e eu pola auga alí, era a nosa encomenda", rememora a xornalista sobre o lugar no que "atopabamos as rás, os trevos de catro follas, os estraloques e as flores de San Xoán". A Fonte do Moucho tamén era, di, "o noso marco de referencia: ata alí podiamos ir soas, máis adiante xa non".

Toda ela desprende natureza. O fío de auga ábrese camiño entre un penedo e a súa orixe ninguén sabe onde está. Acaba caendo nunha especie de cova á beira do camiño, entre unhas pedras que Lara e a súa irmá Ana xa colocaban "estratexicamente para que se aguantasen as botellas".

E aínda que non é fácil, son moitos os que seguen indo ata alí, expertos en saber onde poñer os pés para non caer e poderse facer cunha auga ben fresca que dá vida. 

O camiño ata a fonte hai que facelo a pé. S.IGLESIA
O camiño ata a fonte hai que facelo a pé. S.IGLESIA