Recunchos a descubrir

Fonte da Virxe de Cospeito: un manancial entre a devoción e o encanto

O lugar, un recuncho de calma ao pé da capitalidade municipal, loce sempre as súas mellores galas grazas aos fieis que visitan o espazo regularmente
Fonte da Virxe de Cospeito. C.PÉREZ
photo_camera Fonte da Virxe de Cospeito. C.PÉREZ
O lugar
Dende a Avenida Cidade de Veria hai que coller a estrada de Xermar (Avenida Castro de Ribeiras de Lea) e a uns 150 metros, hai un camiño á esquerda que conduce á fonte.
Sinal da Fonte da Virxe. C.PÉREZRoteiro
A Fonte da Virxe está integrada no Roteiro das Fontes de Cospeito, un roteiro circular duns sete quilómetros polo contorno da Feira do Monte que une as fontes da Lagoa, de San Paio, da Ramalleira e de Felín.
Mellora
Hai xa máis dunha década, o Concello acondicionou a fonte, que é pública, e mellorou o seu contorno, que tamén se dotou de iluminación.

A Virxe do Monte, patroa da Terra Chá, ten fama de milagreira, e por iso eran moitas persoas dos máis diversos lugares as que acudían vela. Hoxe, todo son facilidades para chegar á ermida que preside a Feira do Monte, erguida xusto no punto onde as parroquias de Vilapene, Sistallo e Santa Cristina se converten nunha. Mais noutros tempos, igual que os peregrinos se detiñan en Lavacolla para asearse antes de entrar a Santiago, dise que nas terras cospeitesas esa parada obrigada para tentar ofrecer a mellor imaxe posible era a Fonte da Virxe.

O manancial, un recuncho cheo de encanto que, malia a estar ao carón do casco urbano, semella vivir nun espazo e tempo propios, loce as súas mellores galas cada día grazas á devoción popular

A imaxe da virxe que preside o conxunto —o Concello encargoulle a talla de pedra a un escultor de Guitiriz, logo de acondicionar a fonte— atópase sempre rodeada de flores e as candeas alumeando na noite tamén son unha estampa cotiá.

Será raro o día que a virxe non reciba algunha visita, poida que para pedirlle á patroa que interceda nalgunha cuestión, quizais polo simple desexo de saudala ou soemente para embeberse da sensación de paz que transmite este espiritual recanto. 

Fonte da Virxe de Cospeito. C.PÉREZ

Comentarios