Descubre o recuncho de... Ana Canto

Fonte da Troita: a veciña máis lonxeva de Ramil

Ana Canto, veciña de Goberno, sentiu unha conexión inmediata a primeira vez que chegou ao lavadoiro comunal de Couto de A, onde vive unha princesiña moura convertida en peixe, vítima dun encantamento
Fonte da Troita. C.PÉREZ
photo_camera Fonte da Troita. C.PÉREZ
Como chegar
A fonte atópase preto da N-640. Indo cara a Meira, un pouco despois do desvío do Castro de Viladonga (quilómetro 70), xa no barrio de Couto de A, e antes dunha casa grande de pedra, hai unha pista (o letreiro indica Medianeiros) que conduce á fonte e á capela.
O túnel e o Camiño Real
Conta a lenda que existe un túnel que vai do Castro de Viladonga á fonte e que chegaría ata Doncide, onde houbo unha vila romana. Pode que si, ou pode que non, mais o que si é real e histórico é que ao pé dela pasa a antiga Vía Rexia.
Relixiosidade
Ao pé da fonte atópase a capela de Couto de A, da Casa de Villamarín, na que ata hai pouco se oficiaba misa todos os venres.

Ana Canto, na Fonte da Troita. EP
Ana Canto, na Fonte da Troita. EP

Non hai moito tempo que Ana Canto, gandeira de Goberno (Castro de Rei), soubo da existencia da Fonte da Troita, na veciña parroquia de Ramil, mais foi chegar a ela e sentir a conexión. "Foi especial, como se oíse o murmurio das mulleres que lavaban alí", lembra sobre este emblemático lugar de Couto de A que tamén a leva a pensar na súa infancia, naqueles tempos nos que ía con súa nai lavar ao río.

Os tres lavadoiros xa non teñen a mesma actividade que antano, pero aínda hai quen acode para limpar calzado ou alfombras. Mais, se hai un motivo que leva ás xentes ata a fonte ese é a razón do seu nome, a veciña máis lonxeva de todas: a troita.

Hai moito, moito tempo, un feitizo converteu unha princesiña moura en troita. Quen vai de vagar e observa, pode albiscala na súa aparencia de peixe, coidada e protexida polos veciños do lugar.

Disque cando a troita completa o seu ciclo vital, outra aparece. E ata houbo un tempo, fai ben pouco, que mesmo eran dúas as que podían verse. Queda a pequena. Da grande, nada se sabe. Conseguiría a princesiña moura rachar o encantamento? 

A princesiña moura, na Fonte da Troita. C.PÉREZ
A princesiña moura, na Fonte da Troita. C.PÉREZ