A PASTORIZA

As fondas raíces celtas da terra de Maeloc

Considerada por moitos historiadores como o berce do cristianismo en Galicia, a vila pastoricense de Bretoña segue a mirar de esguello ese próspero pasado que sentou as bases da súa particular cultura popular 

Pedra dos Namorados, no Coto da Auruxeira. M.MANCEBO
photo_camera Pedra dos Namorados, no Coto da Auruxeira. M.MANCEBO

Poboación
O municipio gandeiro por excelencia da Terra Chá suma 3.133 habitantes, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística.
Vista atrás
Coa abolición do réxime señorial e a conseguinte división administrativa creouse en 1812 o municipio de Vián, inserido no partido xudicial de Mondoñedo. Dez anos máis tarde, coa división en provincias, incorporouse a Lugo. Este concello quedaría abolido trala derogación da constitución por parte de Fernando VII. En 1835 conformouse o Concello de Bretoña e, cinco anos despois, o actual, A Pastoriza.
Curiosidades
Cun medio rural cada vez máis despoaboado as vacas alcanzaron xa a octuplicar o total de habitantes do municipio. Actualmente hai en activo 443 granxas con máis de 24.500 reses. 

NO MESMO MOMENTO no que a Hispania romana era invadida polos visigodos, milleiros de habitantes da provincia de Britannia víanse na obriga de fuxir e buscar unha nova patria alén do mar debido á irrupción dos vándalos.

 Moitos deses celtas refuxiáronse na península de Armórica, xerme da actual Gran Bretaña. Outros, encabezados polo líder Maeloc, decidiron dar algúns pasiños máis e buscaron acubillo nas terras de Gallaecia, onde se asentaron ao longo de toda a costa cantábrica. A sede dese novo asentamento estableceuse en territorio pastoricense, concretamente no que hoxe se coñece como Bretoña, e que durante varios séculos foi chamado Britonia. 

Aquí se cre que se erixiu o Monasterium Maxime, hoxe reconvertido na igrexa parroquial de Santa María de Bretoña, o único vestixio conservado da capital dos bretóns e que para moitos historiadores é o berce do cristianismo en Galicia.

Varias pedras da primixenia edificación, como a cabeza do anxo na entrada da torre do campanario, dan conta dese pasado. Ademais, unhas escavacións realizadas nos anos 70 fixeron posible descubrir a extensa estrutura orixinal do mosteiro onde se atoparon sepulcros nobres, estancias e divisións, sempre cubertos dunha capa de cinza en recordo do terror viquingo que destruíu a principal fonte de poder bretón en Galicia.

Porén, máis que o material, o que de verdade mantén a súa presenza en cada pedra, cada recuncho e cada pedazo de terra é o espírito combativo e festivo daqueles primeiros homes e mulleres que se agocharon entre as pequenas elevacións do Cordal de Neda.

Por exemplo, o fermoso Couto da Auruxeira de Bretoña foi durante anos o escenario da festa do Lugnasad —na honra ao deus Lugh—, unha celebración que conseguiu traer de volta ao presente os costumes máis ancestrais dos habitantes destas terras.

Os bretóns convocaban cada ano esta cita para dar a benvida ao verán celta. Durante o evento, que duraba máis de 15 días, os asistentes facían transaccións comerciais, comían, bebían e gozaban de competicións de cabalos.

O Lugnasad era tamén o momento de formalizar os matrimonios. Así, a norma invitaba a que os mozos escollesen nesas datas a súa parella para pasar o inverno xuntos. Para legalizar ese compromiso, e coa presenza dun druída, dábanse as mans a través dunha pena cun burato, coñecida como a Pedra dos Namorados

A vixencia destes matrimonios era só por un ano, polo que se querían renovalo tiñan que repetir o ritual o verán seguinte. Iso, ou deixalo antes, unha decisión que podían tomar na festa de primavera ou Beltaine. 

A asociación xuvenil Auruxeira acadou con esta cita, que representaba á perfección algunhas destas tradicións, múltiples éxitos. Durante anos puxeron en valor o pasado e amosaron dun xeito lúdico-didáctico a idea xeral dunha época que marcou a esencia e as bases que caracterizan e diferencian a cultura desta terra.

Pero para manter vivo ese recordo é imprescindible seguir traballando arreo. "É necesario retomar as escavacións de Chamoso Lamas e situar Bretoña como unha atracción turística", reflexiona Fernando Villapol, implicado en dar luz a ese pasado bretón.

Para facelo, este artista local está compilando todo tipo de documentación coa que completará un libro que permitirá facer un repaso o máis aproximado posible do que aconteceu séculos atrás. Nesa futura enciclopedia local terá un lugar preeminente a figura do guerreiro Maeloc, ao que Villapol xa lle adicou unha impoñente fonte que se ergue maxestosa na praza principal da vila.

A existencia deste guerreiro é indiscutible —representou a diocese de Britonia nos concilios de Braga en 561 e 572—, como tamén o son moitos outros retazos da historia. Se ben, hai tamén moita lenda ao redor da súa figura. Algúns contan que posuía unha pedra preciosa de cor azul que tiña poderes sobrenaturais e cando morreu foi depositada nun cofre de ouro macizo e soterrada a gran profundidade entre as montañas de Cornería e Penabor. Alguén se anima a buscala?

CO OLLO ABERTO
Fonmiñá. Aquí sitúan os pastoricenses o nacemento do Miño, unha lagoa engalanada cun grupo escultórico do Deus Breogán e un cruceiro obra de Magín Picallo e Manuel Mallo.
Castro de Saa. Asentamento situado na parroquia de Baltar. As potencialidades deste castro comezaron a ver a luz no verán de 2017, coas primeiras escavacións que deixaron á vista restos de dúas vivendas galaico-romanas.
CANCIONEIRO
Festival da Chaira. Rock e folk en galego mestúranse nun lonxevo festival musical que se celebra na fermosa área recreativa de A Riboira, en Baltar, e que organiza A Chaínza dende 2005.
Ex Tensión Agraria. O teleclub de Bretoña acolleu durante anos os ensaios deste grupo de punk-rock indíxena, hoxe desaparecido.
Milladoiro. O grupo de folck gravou en 1979 A Galicia de Maeloc, o primeiro disco en galego que se editou en Francia.
POR ESCRITO
Manuel María González. Coñecido como o outro Manuel María, publicou El hombre y las cosas antes de falecer aos 34 anos nun accidente en Tetuán. O historiador Ricardo Polín recuperou os seus poemas inéditos nun volume de máis de 500 páxinas.
con moito gusto
Freces e liscos. Hai unha década, un grupo de veciños de Bretoña decidiu ensalzar dúas singulares receitas da zona e así conservalas no tempo. A bola de liscos e as freces —un doce elaborado con manteiga, ovos, fariña, leite e pan— son degustadas cada mes de abril por visitantes e por curiosos.
PARA SENTIR
Rapa das Bestas. Belo e singular espectáculo ancestral do home contra o cabalo que se celebra o último domingo de xuño na paraxe do Campo do Oso, aos pés do Monte de Carracedo, que comparten as parroquias de Bretoña (A Pastoriza) e Santa María Maior (Mondoñedo).
Pista de karts. O único circuíto chairego conta cunha pista de 1.200 metros de largo. A escola PTC é a encargada de programar cursos e actividades para descargar adrenalina ao volante.
canto conto
As pedras de Vián. Na casa de Lorigados, na parroquia de Vián, caían pedras día e noite. O lanzador era un defunto en pena que abandonou a vivenda en canto o seu dono se foi confesar e deu cartos para unhas misas.
Republicanos. Unha cova ao carón do Miño, que nutría de auga os muíños de Anllo, serviu de refuxio aos republicanos durante a Guerra Civil.
O salto do can. Este lugar da parroquia de Saldanxe debe o seu nome a unha loita entre cans e lobos, segundo contan as lendas.
 

Comentarios