lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

A REPORTAXE

Viva o maio: flores para vestir a primavera no Castro

Elaboración do maio na Foliada de Primavera do Castro. C.PÉREZ
Elaboración do maio na Foliada de Primavera do Castro. C.PÉREZ
Castiñeiro Milenario retomou as foliadas con Branca Villares como mestra de cerimonias, maxia con Xeso e moita música, co debut dun novo grupo, Treitoira

Os de Ourense son os que teñen máis sona, e mesmo contan coa declaración de Festa de Interese Turístico Galego, pero as celebracións dos maios eran comúns en toda Galicia, aínda que en moitos lugares se fosen perdendo co paso do tempo. "Non é unha festa allea a nós", asegura Branca Villares, mestra da primavera na foliada organiza pola asociación cultural Castiñeiro Milenario na Casa do Pobo da parroquia begontesa do Castro, onde todos os presentes colaboraron na elaboración dun maio figurado.  

"Os maios vivos son nos que se visten os propios nenos", precisa Branca, que asegura que hai lugares onde son moi rigorosos á hora de elaborar o maio, pero no seu caso optaron por vestir "con máis liberdade" unha armazón de madeira que revestiron de rede de galiñeiro, para que así aguantase mellor dos distintos elementos naturais e que os nenos e as nenas poidesen contribuír tamén á súa elaboración.

Saída para buscar flores para o maio. C.PÉREZ
Saída para buscar flores para o maio. C.PÉREZ

A Foliada de Primavera de Castiñeiro Milenario comezaba así á tardiña cunha saída polos arredores na que pequenos e grandes recolleron felgos, xestas e diversas flores para decorar o seu "maio silvestre". Un paseo que serviu ademais para, da man de Branca, identificar algunhas das especies naturais que se ían atopando.

Branca Villares guiou a recollida de flores e a elaboración do maio

De volta na base de operacións e ao son da zanfona de Pablo Pintor, os voluntarios procederon a vestir o maio. Primeiro déronlle forma á capa inferior, co obxectivo de que os felgos cubrisen toda a estrutura. Despois chegou o momento de dar unha segunda capa natural, neste caso coas xestas en flor, para finalmente culminar o deseño cun toque de cor a base de distintas variedades florales.

Decoración do maio. CPÉREZ
Decoración do maio. CPÉREZ

E xa co maio de flores cuberto, como di a popular canción, foi tempo de cantarlle algunha que outra cantiga. "Collemos o mellor de cada provincia", ri Branca, que explica que así, no seu maio remexido, dan a coñecer "pequenos retallos de cada tradición".

Por iso, dentro do eclecticismo da celebración, a peza escollida para cantar repetindo os mandados da manda —a responsabilidade recaeu en Nuria, identificada cunha coroa floral— e para repartir entre todos os presentes foi a do Maio de Vilafranca, que comeza tal que así:

Marzo airoso, abril chuvioso
sacan a Maio florido e fermoso.
Aí vén o maio, de flores cuberto
aí ven o maio, para botar ó inverno

E tras esta chegaron outras pezas tradicionais, nas que os artífices do maio do Castro danzaron en parellas ao redor deste para "darlle a benvida á primavera", con Pablo tocando e Branca dirixindo o grupo. A súa colaboración coa cita contou co agradecemento especial dos organizadores, por ser a súa "ben querida meiga da primavera" e porque "sen ela, os maios non son o mesmo".

Bailes para o maio no Castro. C.PÉREZ
Bailes para o maio no Castro. C.PÉREZ

Os paseos, as flores, os cantares e as danzas foron só un quecemento para o que ía vir despois, nin máis nin menos que un pouquiño de maxia. A Casa do Pobo e todos os convidados á Foliada de Primavera poderán presumir no futuro de ter visto o debut sobre o escenario de Xeso Mago, cuxo espectáculo deixou abraiado ao público presente.

"Estivo xenial, tiña un guión ben elaborado, unha posta en escena fantástica e os trucos arrincaron máis dun ooooohhhhh do público", indican desde Castiñeiro Milenario sobre esta promesa do ilusionismo.

Xeso Mago. EP
Xeso Mago. EP

O de Xeso non foi o único debut desta noite irrepetible, na que as foliadas volvían ao Castro tras máis de dous anos de ausencia. A noite tamén se aproveitou para presentar o novo grupo de música tradicional amparado pola asociación Castiñeiro Milenario, Treitoira, e integrado por Ana, Nuria, Carlos, Mónica, Eliseo, Xosé Manuel e Uxío, que é o integrante máis novo e tamén o profesor. E como en toda estrea que se prece, non faltaron as estrelas convidadas: Miguel Anxo López Chino, o seu profesor de percusión, e as gaitas dos mestres Brais Monxardín e Pepe Vaamonde.

Foi o primeiro concerto de Treitoira e a actuación de debut de Xeso Mago

Gaitas, tamboril, bombo e pandeireta soan nesta nova formación instrumental, coa que a asociación begontesa ve cumprido un soño longamente perseguido, contar co seu propio grupo de música tradicional. E para iso levan traballando xa un tempo. Mónica e Xosé Manuel acudindo a clases de gaita con Uxío Vaamonde na Casa do Pobo de Castro e o resto como alumnos de Chino nas de percusión da Tradescola

Debut do grupo Treitoira. EP
Debut do grupo Treitoira. EP

A fusión de saberes foi o seguinte paso lóxico para darlle forma á pezas que soaron na estrea, os coñecidos pasodobres San Roque e Melide, e as non menos clásicas Muiñeira do Piornedo e Molete.

Treitoira non é o único grupo auspiciado por Castiñeiro, que tamén ten na súa órbita dende hai xa uns anos aos [email protected] do Castro. Carlos, Nuria, Ana, Xosé Manuel, Mónica, Eva, Begoña, Tino, Manoli, Natalia, Amalia, Eliseo e Branca Villares forman parte deste grupo de cantareiras e pandereteiras xurdido dunhas clases promovidas pola asociación hai xa uns anos. 

"Somos todos amigos, o único que pretendiamos era facer un grupiño para divertirnos e ir aos cantos de taberna", explican algúns integrantes de [email protected], que viron paralizada a súa participación neste tipo de eventos nos últimos dous anos, igual que se frearon o resto das actividades de Castiñeiro por mor da pandemia.

[email protected] do Castro xurdiu dunhas clases de Castiñeiro Milenario, co obxectivo de pasalo ben e ir aos cantos de taberna

A entidade comeza pouco a pouco a retomar a normalidade. Xa no verán de 2021 recuperaba o Festival 27373 no club fluvial de Begonte, adaptado ás circunstancias, e hai pouco máis dun mes promovía en Pacios o seu primeiro Aberto de Billarda, pero outras propostas tiveron que esperar a tempos mellores.

Era o caso das foliadas na Casa do Pobo do Castro —adoitaban organizar unha por estación do ano—, promovidas co apoio da asociación de veciños da parroquia. A de Primavera, que remataba cunha gran festa na que non faltaron os músicos espontáneos, foi a primeira da pospandemia, pero seguro que non será a última. Que sorpresas agardarán na Foliada de Verán? 

Bailes ao redor do maio. C.PÉREZ
Bailes ao redor do maio. C.PÉREZ

Viva o maio: flores para vestir a primavera no Castro
Comentarios