Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

A firma vilalbesa Dispravia iniciouse este ano na fabricación do postre galego dos carnavais

Tino Graña, de Dispravia, mostra as orellas que empezaron a comercializar este ano. C.ARIAS
Tino Graña, de Dispravia, mostra as orellas que empezaron a comercializar este ano. C.ARIAS

Da nova liña de produción saen a diario 3.000 caixas de 200 gramos de orellas listas para a venda á alimentación, que suman 600 quilos

Nun mercado sen competencia a nivel industrial, o responsable da empresa vilalbesa Dispravia, Tino Graña, decidiu apostar pola fabricación do postre galego con máis fama dos carnavais e iniciouse este ano nunha nova aventura empresarial.

"Fixemos un investimento bastante importante e montamos unha nova liña de produción que empezou a funcionar hai uns meses", explica o xerente da firma vilalbesa, asentada no polígono de Sete Pontes e coñecida por levar á industria produtos de sempre como os melindres, a tarta de Santiago, a de almendras, o Roscón de Vilalba ou o típico postre italiano, o panettone, que preparan con froitas ou chocolate.

"As orellas teñen demanda no mercado e non hai moita competencia, faise a un nivel moi reducido e artesanal", indica Tino Graña, que ten como obxectivo comercializar o seu novo produto en Galicia hasta o Entroido, pero exportalo despois do tempo dos disfraces e as máscaras a toda España.

"Imos explorar o mercado porque fóra de Galicia as orellas tráballanse case todo o ano, practicamente menos os meses de xullo e agosto", di o empresario, mentres este postre non para de saír da nova liña de  produción,  que mide máis de 20 metros de longo, listo para ser empaquetado para a venda baixo a súa marca, Coroa de Andrade.

As orellas de Dispravia baséanse nunha das receitas tradicionais. A masa prepárase con "bos ovos, margarina, viño blanco, levadura, esencia de anís e de laranxa, algo de auga e sal", explica Graña, que indica que a masa, unha vez feita, lamínase e métese na mesa de corte. Despois pasa a unha gran fritideira onde as orellas toman forma, para avanzar logo por unha cinta que as conduce directas ao dispensador de azucre.

Porque, como todas as orellas, as de Dispravia tamén se rematan cun pouco de doce por enriba, para decorar e darlle máis sabor.

"A nivel industrial somos os primeiros e a única empresa de Galicia que fabrica orellas", destaca o responsable da empresa, ante un negocio incipiente que espera que sexa un éxito. 

Na actualidade, Dispravia vende estuches de 200 gramos para as cadeas de alimentación e caixas de un quilo e 200 gramos para a hostalería. "O que máis vendemos por agora é para a venda en alimentación e  estamos facendo á orde de 3.000 caixas ao día, en dúas xornadas de traballo", explica Tino Graña, que calcula que en quilos de orellas saen da fábrica uns 600 diarios.

"A orella é un produto que aguanta, polo menos, unha semana", di. E as orellas seguen saíndo directas ás caixas, que se elevan ata o teito.

A firma vilalbesa Dispravia iniciouse este ano na fabricación do...
Comentarios