Miércoles. 23.01.2019 |
El tiempo
Miércoles. 23.01.2019
El tiempo

Fina Paulos: "Non todo é transmisión de coñecemento, hai que transmitir valores aos alumnos"

Fina Paulos cos seus alumnos de ASIR. S.IGLESIA
Fina Paulos cos seus alumnos de ASIR. S.IGLESIA

A docente do IES Lois Peña Novo, Fina Paulos, quedou como segunda mellor docente na modalidade de FP dos Premios Educa Abanca

O bo facer e o cariño que lle demostran cada día os seus alumnos levaron a Fina Paulos, profesora e vicedirectora do IES Lois Peña Novo de Vilalba, a conseguir a segunda posición nos Premios Educa Abanca, a piques de conquistar o galardón de mellor docente de Formación Profesional de España. No centro vilalbés imparte clase a primeiro de FP Básica de Informática e en segundo do ciclo superior ASIR (Administración de Sistemas Informáticos en Rede).

Como recibiu a noticia de que estaba na final?
Foi unha sorpresa total. Case nin coñecía eses premios, así que cando me chegou o correo no que me informaban de que estaba nomeada o primeiro que pensei foi nunha broma dos meus compañeiros. Pero non.

Víase como finalista?
Sen querer parecer arrogante, xa que cheguei ata aí, por que non? Nin me imaxinaba acadar isto, pero logo penso que algo debín facer ben, porque España é moi grande e profesores hai moitos. Aínda que o verdadeiro premio é que os alumnos te nomeen.

Como é o sistema que se segue para escoller os gañadores?
Para empezar hai diferentes categorías: infantil, primaria, secundaria, FP e universidade e valoran a faceta profesional ou a relación co alumnado. De todos os candidatos que se presentan —alumnos, exalumnos e familiares destes son os que envían as candidaturas—, un xurado de 2.000 docentes filtra. Na primeira ronda quedan 150 e cada un debe presentar uns méritos, que eu pensaba que non tiña e ao final xuntei uns cantos (ri)—, logo quedan 23 e, xa por último, os dez finalistas.

Os seus alumnos, como causantes de que estivera nesa lista, como tomaron a súa posición de finalista?
Oxalá soubese os que me nomearon! En xeral reaccionaron moi ben e todos me felicitaron.

No día a día, cal é o seu método de ensinanza? Se é que o ten...
En realidade non teño método. Iso si, procuro eliminar a barreira entre profesor e alumno, que haxa proximidade entre nós. Por exemplo, sempre que entro pola porta o fago cun sorriso, que vexan que non vas reñer nin moito menos. Para todo isto, o respecto entre profesorado e alumnado é fundamental e, no meu caso, sempre o houbo nas dúas direccións.

Nin me imaxinaba chegar ata aquí, aínda que o verdadeiro premio é que os alumnos te nomeen para estes premios

Cal é o proxecto máis ilusionante que fixo cos rapaces?
O do ano pasado foi fermoso. Cos mozos de primeiro de FP Básica de Informática, dos que son titora, presentamos o proxecto ‘Ensina a avós’ ao Programa Lanzadeiras, xunto coa mestra Marta Diz. O traballo consistía en que os usuarios da residencia de maiores de Vilalba soubesen empregar aparellos tecnolóxicos e, incluso, cambiar un monitor ou unha memoria RAM. Ás veces, como docente, hai días malos, pero velos tan ilusionados compénsao todo. Gañaron un accésit que para eles foi como se levaran o primeiro posto. Este ano imos cun plan de empresa de reciclaxe de material informático.

Cre que hai cousas que mellorar na educación?
Moitas, en tódolos niveis. O que dicía antes, hai que fomentar a proximidade e a empatía. Non todo é transmisión de coñecementos. Tamén hai que saber transmitir valores.

Un dos temas máis candentes é: deberes si ou non?
Si, pero na súa xusta medida. En FP non son necesarios, evidentemente, pero en primaria é preciso fomentar que os nenos se organicen e planifiquen. Que cheguen do colexio e saiban que teñen un tempo para merendar, para xogar, pero tamén para esas tarefas. O que pasa é que para os pais, moitas veces, os deberes son case unha molestia porque teñen que estar cos pequenos, en lugar de estar facendo outras cousas. Eu defendo que un pouco si, pero tantas tarefas como traen agora, non son necesarias.

Estase demostrando que unha carreira universitaria non é para nada incompatible cun ciclo, senón todo o contrario

Como profesora de FP Básica, ademais dun ciclo superior, observa nos rapaces unha tendencia cara esta opción educativa?
Si, creo que cada vez son máis, pero tamén quedan moitos desmotivados, especialmente coa situación laboral que lles agarda. E iso dase sobre todo na Básica, porque nos ciclos é máis doado atoparse con xente que sabe exactamente o que quere.

Segue habendo prexuízos por parte da sociedade cara á Formación Profesional e comparacións coa universidade?
Algo queda, pero está cambiando a mentalidade. Estase demostrando que unha carreira universitaria non é para nada incompatible cun ciclo, senón todo o contrario. Compleméntanse. A Formación Profesional dáche experiencia, a través das prácticas profesionais ou dos Erasmus, que neste instituto xa levamos a cabo, así que se alguén se quere adicar á rama sanitaria pode facer a carreira de Enfermaría, pero tamén facer un destes ciclos e sae máis nutrido. 

Que valores procura transmitir nas súas clases?
Que saiban buscarse a vida. Eu dou Informática, así que non lles fago chapar comandos, senón que lles indico como se pode solucionar ese problema ao que se están enfrontando, que ao final é o que hai que facer cando atopas un posto de emprego.

"Cando me dean un destino fixo, só espero que me permita ir e vir todos os días á miña casa"
Cal é o mellor momento: cando chega á clase ou cando se vai?
Cando chego, sempre. Vou con moitas ganas.
Unha fonte de inspiración?
Non teño nomes concretos, pero si que me serven de exemplo algúns mestres que tiven en EXB que sempre entraban á clase sorrindo. Había un de matemáticas que, aínda que era serio, vías o que desfrutaba ensinando.
Gústalle viaxar?
Moito. Unha das viaxes que teño pendente é coas miñas fillas, a Disneyland.
É o IES Lois Peña Novo o destino definitivo?
Levo aquí catro anos, pero estou á espera dun destino fixo. O único que pido é que me permita ir e vir todos os días á miña casa, en Oleiros, coas miñas fillas.
Se non fose profesora, que sería?
Nin se me pasou pola cabeza. Sempre quixen ser mestra. Estudei pola Uned Informática, pero tiña claro que o que quería facer era ensinar. Se fixese Maxisterio Infantil eu creo que sería igual de feliz. En oitavo de EXB xa lle daba clases aos meus veciños para pagar a excursión de fin de curso. (Ri).
Unha obra?
Non sei... Quizais as ‘Rimas’ de Bécquer. Son unha romántica.
E unha película?
Xa dixen que era unha romántica, así que algo coma ‘Ghost’.

 

Fina Paulos: "Non todo é transmisión de coñecemento, hai que...
Comentarios