Por fin a Romaxe de Crentes Galegos en Vilalba

A asociación Irimia organiza este sábado, día 14, na capital chairega, a cuadraxésimo segunda edición deste encontro que nacía hai máis de 40 anos no Pedregal meirego. O lema élixido para esta convocatoria é Ferrados de Corazón
Anxo Ferreiro, ollando o seu libro. AEP
photo_camera Anxo Ferreiro. AEP

CO LEMA Ferrados de Corazón imos celebrar, por fin xa que logo, con ánimo a ferrados, o sábado 14, a Romaxe de Crentes Galegos na praia fluvial de Vilalba, preto de onde remata O Paseo dos Soños do Madalena, onde aparecen persoeiros da Terra Chá que dan pé para soñar por Galiza con abundancia e esperanza desde esta capital.

Digo por fin, eu irimego de toda a vida, pois xa veredes. Esta romaxe percorreu e está a percorrer vizosa por toda Galiza dende que naceu no Pedregal de Irimia hai 42 anos. Andou na contorna desta vila, por Campo de Santa Isabel e Penas de Rodas en Outero de Rei, San Alberte de Roca en Guitiriz e en Baltar da Pastoriza, mais en Vilalba non acougaba.

Se a capital da Terra Chá está chea de ‘ferrados de corazón’ de irimegos, Pepe Chao e Bernardo García Cendán, ambos os dous in memoriam para sempre no noso corazón, creadores un da romaxe e outro do poema do ‘Coa forza do noso pobo hoxe proclamo o meu Credo’, musicado como na gloria por Mini e Mero, e moitos máis animadores, precisamente nesta terra, por que a Romaxe en Vilalba non acougaba?

O espírito da Romaxe vén de aló de moi lonxe, cando o vento forte produciu un ruxido na apertura das fiestras da Igrexa, cheas de ferruxe nos gonzos e dos pechos. Fora Xoán XXIII quen mandara abrilas para que entrara o ar fresco. Aínda máis, sen portas nin fiestras, libre como o vento, seguindo as prácticas de Xesús de Nazaret, fóra do ‘templo’, sen atrancos: no monte anunciou as benaventuranzas; no campo, na beiramar, compartiu a abun- Por fin a Romaxe de Irimia en Vilalba dancia de pans e peixes; polos camiños benzoaba aos nenos, curaba á xente, anunciaba a Boa Nova aos pobres. Neste ambiente evanxélico e anovador comezaron as Romaxes no ano 1977, e así por Galiza adiante ían sementando a ledicia da Boa Nova de Xesús de Nazaret.

Estas maneiras de raigame cristiá non as vía a xerarquía galega que botaba para atrás a participación nas romaxes de curas e de fieis. Vencidos os atrancos do longo tempo do peche do Vaticano que parece como se quixera entornar a fiestra e pasarlle o peche impedindo entrar na Igrexa o signo dos tempos. Agora, co ánimo xa anovado do Papa Francisco, sen impedimentos trasnoitados da Xerarquía, celebramos con ledicia este ano a Romaxe en Vilalba, que, pola miña parte, queda confirmada como Capital Irimega.

Como irimego de base, invítovos de corazón aos que non coñecedes estas celebracións a compartillar esta romaxe, pois de veras quedaredes cheos de ‘ferrados de corazón’. Hai unha mensaxe senlleira que dá para remoer ao voltar para a casa. Tamén resulta ser un día de encontro de familias, amigas e amigos, compañeiras e compañeiros; dá tempo para cambiar impresións, falar do divino e do humano sen présas; hai comida en abundancia para compartir; sentados e acomodados como na multiplicación dos pans e dos peixes. Ademais o Meteosat anuncia bo tempo e 23º. Benvidos á Romaxe de Crentes Galegos.

Comentarios