Lunes. 16.07.2018 |
El tiempo
Lunes. 16.07.2018
El tiempo

Figurante, un papel que engancha

Simón e Xoel, dous rapaces con raíces en Roupar (Xermade) en '22 ángeles', de Miguel Bardem. NÉSTOR CALVO
Simón e Xoel, dous rapaces con raíces en Roupar (Xermade) en '22 ángeles', de Miguel Bardem. NÉSTOR CALVO

Son moitas as caras de Terra Chá, Meira e As Pontes que se mesturan cos protagonistas habitualmente nas ficcións gravadas en Galicia, aínda que moitas veces pasan desapercibidas. Algúns deles falan do que é facer de extra

Non hai que ser actor para saír nunha película de éxito ou na serie de moda. Non hai idade, nin un perfil concreto para participar de extra nunha produción audiovisual. Ser figurante, sexa por un minuto de gloria, diversión, algún beneficio económico -non moitos- ou simplemente para coñecer a sétima arte dende dentro, engancha, ou iso din os que probaron. E aínda que moitas veces pasan desapercibidas para a mirada do espectador menos áxil, son moitas as caras de Terra Chá, Meira e As Pontes que se cruzan entre os protagonistas da pantalla. Estas son algunhas. 

Xose Cendán, 49 anos, As Pontes 
"O mellor é traballar con acción. En O final do Camiño morrín 30 veces"
Xose Cendán, figurante de As Pontes que participó en innumerables series y películas. En la imagen, caracterizado para 'Fariña'.
Director da radio-televisión local, leva máis de 20 anos aparecendo nas ficcións. "Xa fixera teatro, pero os ensaios requiren unha regularidade que non podo ter. Coñezo a moita xente e  chamáronme para participar en A vida por diante. Facía dun tío dunha inmobiliaria", di.

A súa filla protagonizou despois un videoclip da banda irlandesa Sigur Rós e chamárona para Padre Casares. El tamén entrou, iniciando unha viaxe por series —de Garda Civil  en Matalobos ou perseguindo os narcos en Fariña, de médico en Segunda OportunidadeUrxencia cero, Serramoura ou Viradeira ou de porteiro en Pazo de Familia— e películas: Sicixia ou A Esmorga, de Ignacio Vilar, ou El desconocido e La sombra de la ley, de Dani de la Torre.

"Non me adico a isto, é por diversión. Encántame interpretar, é unha afección", di, e explica que é un mundo máis pequeno do que parece. "Non vou case a cástings, estamos nunha base de datos e chámante das axencias", indica, mentres fala do "bo trato" dos actores e dos extras, "moi respectuosos sempre".

Asegura que o peor son as enormes esperas —"xornadas de horas para saír segundos"— e o mellor, "traballar con acción", polo que fixo un curso de especialista. "En O final do Camiño puiden morrer unhas 30 veces", bromea.
 
Simón e Xoel, doce anos, raíces en Roupar (Xermade)
"Queremos facer unha peli de Mortadelo e Filemón ou de Cazafantasmas
Simón e Xoel, dous rapaces con raíces en Roupar (Xermade) que participaron xa en varias series e películas. Na imaxe, en '22 ángeles', de Miguel Bardem. NÉSTOR CALVO
Do que engancha o de probar as cámaras tamén saben Simón da Torre e Xoel Roupar, que pese a ter doce anos, xa participaron de extras en varios proxectos, como a película 22 angeles de Miguel Bardem ou a curta Sendeiro, de Lucía Estévez, aínda sen estrear.

Simón, que recoñece que non lle gusta moito verse en pantalla pero si que o vexan, como ao seu irmán, conseguiu un papel en O final do Camiño —"estou contento de ter feito do cura de Antealtares de neno, o papel que fai Morris de maior, porque é moi bo actor e ademais galego"— e tamén participou na serie De otros mundos

"Empezaron como algo casual, a través dunha profe de teatro e agora teñen unha representante que os leva. A eles encántalles pero non quero que se esgoten e anden arrastrados en cástings, teñen que ser nenos, e van a cousas concretas", explica a súa nai, Mar Hermida, mentres os mellizos destacan que o peor son os cástings e as esperas e que o seu soño é facer unha peli de Mortadelo e Filemón ou de Cazafantasmas.
 
Ray Castro, 47 anos, As Pontes 
"Salí en la boda de Oubiña y como director de banco en Fariña. Me gustó"
O pontés Ray Castro estréase como figurante en 'Fariña'. EP
Estreouse neste mundo como extra para dúas esceas de Fariña. "Tenía curiosidad, estaba trabajando en Noia y me presenté a un cásting", relata. E seleccionárono. Deixou patillas e o pelo máis longo para facer de invitado na voda de Oubiña e para poñerse na pel dun director de banco. "Le entrego 90 millones a la hija de los Charlines», di, mentres asegura que a  experiencia foi moi positiva.

"Económicamente no compensa, pero es algo diferente. Estuvimos dos días grabando", di, e  asegura que repetiría sen dubidalo pese a que saíu só uns segundos. "Es difícil que la gente te reconozca si no lo sabe porque son unos pocos segundos. Pero de aquí ya voy a dar el salto como futuro actor (risas) o igual tengo que probar en Gran Hermano", apunta.
 
Adrián Folgueira, 33 anos, Meira 
"É moi divertido e a rodaxe de Dani de la Torre vivina con moita curiosidade"
O meirego Adrián Folgueira, produtor de 'Dhogs', estreouse como figurante na película 'La sombra de la ley',  de Dani de la Torre. EP
É o produtor executivo de Dhogs, a película meirega que arrasou nos Mestre Mateo e que non deixa de colleitar éxitos, e estivo dende os comezos en Gaitafilmes, facendo de extra e do que fixera falta. "Estamos encantados con ‘Dhogs’ pero a verdade é que tampouco tivemos moito tempo para pararnos a desfrutalo, temos moito lío preparando a estrea en salas (17 de maio por certo) e armando algúns proxectos novos", di. Aínda así, saca tempo para facer de figurante en proxectos propios e noutros, como na última película de Dani de la Torre.

"Vin un anuncio nas redes sociais de que necesitaban moita xente para rodar en Lugo, anoteime e axiña me chamaron. Vivín a rodaxe con moita curiosidade e fixándome moito en como  traballaban os diferentes departamentos para intentar aprender algo. Foi moi divertido, nunha das escenas metíame nun tiroteo e caía abatido, nunca fixera nada parecido así que non sei que tal quedaría, a ver se hai sorte e non cortan a toma".

Recoñece que "sempre é moi divertido" facer de extra, sobre todo cando son curtas entre  amigos. "Ao final sempre tiñamos máis material para as tomas falsas que para a propia curta". "E o peor é que, non sendo profesional, sempre te pos algo nervioso", di.

O reto para el non é ser actor. "O da interpretación prefiro deixarllo aos profesionais, aínda que non me importaría repetir como figurante". Non é o único da familia. A súa nai fixo de extra en tódolos proxectos de Gaitafilmes e sae en Dhogs. "O meu pai tamén sae nalgunhas curtas e figurou en Dhogs, só que quedou fóra da montaxe final. Non é que sexa unha vocación familiar".
 
Eladio Naseiro, 64 anos, Santaballa (Vilalba)
"Para gravar hai que ter tempo, para uns segundos estás unha mañá enteira"
Eladio Naseiro, de Santaballa (Vilalba), participou de extra en varias ficcións. EP
O artista santaballés saíra algunha vez na tele. "Por primeira vez con 32 anos mostrando a casa", unha construción que chama a atención de todo o que pasa pola estrada Vilalba-As Pontes. Pero non foi ata hai algúns anos que empezou a facer de outros.

"Non son actor, eso é moi descoñecido para min, pero xa debín participar en cinco gravacións na Liga. En todas de figuración", di, e iso que chegou a ser o emigrante protagonista ou o pai da fotógrafa Ruth Matilda Anderson. "Pero non tiña frase", matiza, mentres asegura que o que máis lle gusta é facerse partícipe da historia. "O máis difícil é que para gravar unha escena hai que ter tempo, para uns segundos ao mellor estás unha mañá enteira. Repiten e repiten...", apunta. "Non hai compensación económica", di, pero non resulta un problema. "Non me importaría ter algún papel con frase".
 
Teresa Lorenzo e Abel Pena, once e 13 anos, Guitiriz 
"Non todos os nenos da nosa idade teñen a sorte de poder facer algo así"
Os guitircenses Teresa Lorenzo e Abel Pena foron os protagonistas de 'A Chave de Bascuas', de Bruno Pena. EP
Abel Pena e Teresa Lorenzo presentáronse ao cásting de A Chave de Bascuas, a curta que Bruno Pena gravou hai dous anos, e convertéronse en protagonistas nun traballo no que  practicamente toda a figuración son caras de Guitiriz. "Me gustó poder aprender un poco más sobre cómo se graban las pelis, tenía mucha curiosidad y me pareció más fácil de lo que  imaginaba", di Teresa, que asegura que aprender o guión foi bastante sinxelo e que o máis  difícil, sen dúbida, foi actuar a expresar o sentimento de cada frase.

A experiencia gustoulle e como moitos outros dos que a probaron, repetiría cos ollos pechados. "Me apuntaría a otro cásting", di unha rapaza que ri ante a posibilidade de  converterse en actriz. Abel tampouco ve na actuación a súa profesión, pero estaría "encantado" de repetir. "Non todos os nenos da miña idade teñen a sorte de poder participar en algo así. Paréceme moi interesante, xa que cando ves algo na tele non te das unha idea de  canto esforzo, traballo, tempo e diñeiro foron necesarios", di, e fala das dificultades —as horas que se adican e o esforzo— e do mellor: "Todo é divertido. Paseino xenial con Teresa, unha gran compañeira, con todo o equipo, e con Bruno". 

Figurante, un papel que engancha
Comentarios