Fiestras abertas ao patrimonio murés

A campaña Sentindo Muras amosa as potencialidades turísticas do concello a través de imaxes que se instalarán nos locais de hostalaría
Igrexa da Balsa coa Vía Láctea. MARCOS LÓPEZ
photo_camera Igrexa da Balsa coa Vía Láctea. MARCOS LÓPEZ

O equipo de goberno murés mantén a súa aposta firme por amosar as potencialidades turísticas do seu concello coa posta en marcha da campaña Sentindo Muras, unha iniciativa que busca atraer aos visitantes a través de imaxes de diferentes contornas naturais, que se instalarán nos locais de hostalaría do municipio como fiestras abertas a ese rico patrimonio natural e paisaxístico co que conta a capital do vento.

O fotógrafo Marcos López, que colabora dende hai tempo co Concello en diferentes iniciativas -foi un dos impulsores de que Muras acadase o certificado Starlight que acredita a boa calidade do seu ceo, un distintivo co que só contan en Galicia as Illas Cíes e o municipio ourensá da Veiga-, é o autor das diferentes instantáneas, que levarán consigo un código QR.

"Cremos que é un momento importante no que se precisa poñer en marcha actividades de dinamización económica e local", explica o rexedor, Manuel Requeijo, confirmando que os visitantes que se acheguen aos negocios de restauración da vila poderán ver estas "espectaculares imaxes" e coñecer un pouco máis de información sobre a localización onde foron tomadas.

"A idea é que a xente as vexa e se anime a visitar eses lugares, que decida facer unha ruta, coñecer a fervenza ou achegarse ata o mirador no que foi feita esa fotografía", indica pola súa parte Marcos López.

As imaxes que se poderán contemplar -son un total de 20, aínda que inicialmente só se instalarán 17 nos negocios de hostalaría e tres quedarán para o concello- repártense en catro series: atardeceres, igrexas, paisaxes e nebulosas.

"As fotografías xa estaban feitas de antes, o que fixen foi unha selección", explica López, precisando que hai, por exemplo, instantáneas da igrexa da Balsa coa Vía Láctea, dun grupo de voitres en Abeledo, da fervenza da Xestosa ou dunha nebulosa captada dende o aparcamento de caravanas do Viveiró, onde está instalado o observatorio de Muras.

"O turismo na natureza está tendo moito peso dende hai uns anos e aínda terá máis co tema da pandemia. É o futuro", analiza o alcalde, recordando que Muras é unha "potencia" neste sentido. "Temos unha gran riqueza paisaxística, fauna autóctona e unha biodiversidade que hai que poñer en valor", afirma Requeijo.

O rexedor recorda ademais que o municipio chairego tamén será nos vindeiros anos un referente no tema da astronomía grazas ao distintivo Starlight.

Estas impoñentes imaxes, ademais de instalarse proximamente nos negocios de hostalaría, tamén "se subirán á páxina web municipal" para que toda a xente poida gozar "das potencialidades naturais de Muras", conclúe Manuel Requeijo.

Comentarios