lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

A música de Adrián Vigo ameniza a conta atrás do Festival de Pardiñas

Vídeo da actuación. M. MANCEBO
O recital celebrouse onte no San Alberte, coincidindo coa presentación oficial do evento

O XLII Festival de Pardiñas iniciou onte a súa conta atrás cun concerto do artista begontés Adrián Vigo, un recital que se celebrou no San Alberte ante a atenta mirada dun bo grupo de veciños, e coincidindo ademais coa presentación oficial dun evento que ofrecerá máis música, artesanía, espectáculos infantís ou arte urbana en varios emprazamentos do municipio chairego de Guitiriz ao longo de varias fins de semana do mes de agosto.

Así o avanzou o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, promotor dunha cita con máis de catro décadas nas súas costas, á que invitou a veciños e visitantes a participar das múltiples actividades que debido á pandemia se desenvolverán en varios lugares do municipio, á espera de que o ano próximo, se mellor a situación sanitaria, "poidan volver a Pardiñas", afirmou.

Blanco estivo acompañado na presentación pola concelleira e tenente de alcaldesa, Paula Campo, quen recordou que este festival é capaz "de unir ao pobo de Guitiriz", polo que brindou todo o apoio e o compromiso do Concello "que sempre colaborará no que faga falta", dixo. "O ano pasado organizouse con moita dificultade pero fixo desfrutar a todo o pobo e á xente de fóra", lembrou.

Pola súa parte, o rexedor de Xermade e deputado de participación cidadá, Roberto García, que tamén foi convidado á presentación, quixo destacar a importante labor desenvolvida pola asociación Xermolos neste evento, que aglutina "todo tipo de actividades culturais", recordou. "Espero que esta nova edición sexa un éxito e que sigades traballando a prol dos veciños e da cultura", expresou.

Logo das intervencións, Adrián Vigo, acompañado por unha parte dos seus músicos, ofreceu un pequeno recital musical en galego con varias pezas compostas por el, ademais de interpretar unha versión propia da canción "Lela" ou outra dunha composición do grupo Treixadura.

O mozo begontés agradeceu a Xermolos, e en especial a Alfonso Blanco, o convite á presentación dun evento "moi especial para min dende neno", afirmou, animando a todos os implicados a "seguir apostando pola cultura" e por Pardiñas.

O programa inclúe seis días de actividades
Venres 6

O pregón será no campo da feira a cargo de Luz Fandiño. Tiruleque ofrecerá un concerto.

Sábado 7

A Mostra de Instrumentos será en Parga. Haberá música con Galicia Fiddle e Airiños da Freba.

Domingo 8

A Mostra de Artesanía, tamén en Parga, estará amenizada por Caivanca e Brassica Rapa.

Venres 27

O campo da feira acollerá os concertos de Backwest e Guezos.

Sábado 28

Será o IV Urban Witiricus e a entrega de premios do certame Terra Chá.

Domingo 29

O festival chegará ao seu fin cunha festa vermú e un pasaaldeas por Pardiñas cos Carunchos.

A música de Adrián Vigo ameniza a conta atrás do Festival de Pardiñas
Comentarios