Festival de Cine de Música de Roca: de Kepa a Xorima, co oído na ópera iraniana

Sofía Naseiro e Javier Gómez Bello gañaron os premios galego e internacional do certame de curtas guitiricense organizado por Xermolos, que tamén homenaxeou o músico vasco e xa finado Luís de Roca 
Pregoeira e debate sobre Berpiztu. C.PÉREZ
photo_camera Pregoeira e debate sobre 'Berpiztu'. C.PÉREZ

O Festival de Cine de Música de Roca, tras dous anos difíciles, volveu á súa esencia na igrexa parroquial de San Xiao de Roca, onde ao longo de dúas xornadas se celebrou a novena edición da cita promovida pola asociación cultural Xermolos co propósito de dinamizar o rural.

Un dos grandes atractivos do festival foi o tradicional certame de curtametraxes, que non se celebraba dende 2019. Ao redor de 70 traballos chegados dende distintos puntos do mundo concorreron ao certame, dos que a organización elixiu aos finalistas que se puideron ver en Roca. 

Na categoría galega, foron dúas as curtametraxes seleccionadas, 25 anos fiando, de Rafa Crespo, que conmemora o aniversario da asociación folclórica cultural O Fiadeiro de Vigo; e Xorima, de Sofía Naseiro, que reúne, despois de 40 anos, aos compoñentes do mítico grupo vilalbés para repasar a súa traxectoria e reivindicar a súa importancia na historia do folk galego.

Sofía Naseiro, co seu premio. C.PÉREZ
Sofía Naseiro, co seu premio. C.PÉREZ

O público decantouse pola obra da vilalbesa Sofía Naseiro, que recolleu o trofeo orixinal deseñado por Marcos Ladra de mans do coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, e 100 euros de premio. 

Non puido estar presente o gañador da categoría internacional, na que competían sete pezas audiovisuais, tanto documentais coma ficción. Javier Gómez Bello facíase co favor dos asistentes, que lle outorgaban 33 votos, cunha coprodución española e austríaca, Malakooti, na que a cantante de ópera iraniana Anahita conta a súa loita por dedicarse a unha profesión que non pode exercer no seu país, onde unha muller non pode ser solista ao entenderse que incita aos homes.

O resto das finalistas, tamén aplaudidas polo público, foron Crema dura, quemadura, de Ana Apausa, un videopoema gravado en Albayzín; Cientos de intentos, de Adrián Pachón, sobre as aplicacións de citas; Maldita. A love song to Sarajevo, de Raúl de la Fuente e Amaia Ramírez, que seguen a Bozo Vreco; Bésame mucho, de Fernando Oliva, unha curta sobre a memoria gravada en Siero; Uno más, de Ángel Torrego, que fala de integración; e En el balcón de mi dama, un videoclip de Carrión Folk de Palencia.

Foliada na palleira de Pontegafín. C.PÉREZ
Foliada e magosto na palleira de Pontegafín. C.PÉREZ

A xornada completouse cunha actuación de Branca Villares e Pablo Pintor na igrexa e un fin de festa na palleira de Galicia Rural, na aldea das Lamas, onde houbo conversas e castañas ata boa hora. Tamén foi así no primeiro día do Festival de Cine, que se abría na igrexa co pregón de Inés López, con raíces en Roca e autora de Yo te daré de qué hablar

A pregoeira lembrou a súa infancia nas Penas como penúltima de oito irmáns e tamén que tivo que marchar cuns tíos para Lugo aos seis anos. "Teño recordos moi bos de Roca, da xente, o recordo principal é a unión dos veciños, as mallas...". Tamén aproveitou para lembrar a seu irmán Luís de Roca, finado este verán e ao que se lle rendeu unha emotiva homenaxe, lembrando a súa disposición sempre a colaborar, o seu gusto polas festas e a súa alegría permanente.

Esa primeira xornada completouse coas intervencións de Alfonso Blanco, Diego Cabaleiro, director do grupo de pandereteiras do Fiadeiro, e Sonia Navas, colaboradora do libro Berpiztu, que presentaron a preestrea en Galicia do documental homónimo, no que se repasa a traxectoria do "artista total" que é o músico vasco Kepa Junkera, así coma o seu proceso de recuperación dun ictus.

De Kepa, "un caníbal da información, gústalle saber de todo", como o definiu Sonia, lembrou Alfonso as tres veces que actuou en Pardiñas (proxectouse un vídeo de Suso Pena do festival de 2012, a última vez que estivo) e tamén que acudiu como público ou de ronda polas casas da aldea.

Da súa entrega e humor tamén falou nunha gravación Xabier Díaz, mentres noutra Uxía Senlle animaba a ver "un documental que paga a pena". Neste, da persoa e do músico falan familia, amigos e colaboradores, liados e aliados todos eles no universo dun músico irrepetible con 30 discos, un grammy e mestre da trikitixa.   

Actuación de Branca Villares e Pablo Pintor. C.PÉREZ
Actuación de Branca Villares e Pablo Pintor. C.PÉREZ

Comentarios