Festival 27373: a "necesidade" de facer festa

Castiñeiro Milenario, tras 16 meses sen actividade, organizou a tradicional cita begontesa "para poñernos en marcha outra vez"
Actuación de Foliada de Bosende no Festival 27373. C.PÉREZ
photo_camera Actuación de Foliada de Bosende no Festival 27373. C.PÉREZ

"Xa había ganas, tiñamos a necesidade de facer algo", confesaban onte dende a asociación cultural Castiñeiro Milenario co son tradicional da Foliada de Bosende de fondo e no marco incomparable do club fluvial de Begonte. A última hora e despois de darlle "moitas voltas" decidiron dar un paso adiante e organizar "un festivaliño pequeno", ou o que é o mesmo, a novena edición do Festival 27373.

Tras 16 meses sen actividade, nin foliadas, nin obradoiros, nin a cita de 2020 -só se xuntou a directiva da entidade a modo simbólico- pensaron que era o momento de volver, contando para iso co apoio do club fluvial e do Concello. "A ver se nos poñemos en marcha outra vez", desexaban, gozando desta edición reducida pero matinando xa no verán de 2022: "Esperemos que o ano que vén poidamos facer un festival ao uso".

Integrantes de Castiñeiro Milenario. C.PÉREZMais fose con máis ou menos cousas, o 27373 non perdeu a súa esencia. "Este é un festival bonito, entre amigos, o sitio presta e a xente presta", aseguraba Pablo Pintor, un habitual da cita e o 50% do dúo Troupelear que, xunto con Acordeireta se encargaron de amenizar a sesión vespertina do festival. Para eles, esta tamén é unha oportunidade para ir "arrincado pouco a pouco, porque a cousa aínda está difícil", di Pablo, que recoñece o «mérito» que ten poñerse a organizar cousas.

E non só tentan volver coller ritmo no mundo da música, tamén noutros ámbitos, coma na billarda, un clásico deste festival que se recuperaba con 32 participantes de orixes variadas, dende distintos puntos da Chaira ata Madrid, pasando por Ribadeo, A Coruña ou A Pontenova, e expecienda aínda máis dispar. Quen non collera un varal na vida, que había 60 anos que non o facía ou quen chegou a proclamarse campión galego puxeron a proba a súa habilidade para facerse cun dos tres suculentos premios, compostos por cervexa artesá, queixo, torta de millo, mel e trofeos.

Este era ademais o terceiro aberto da tempada na provincia, logo dos de Xotramu, en Muimenta, e Pardiñas, en Parga, para ir así retomando sensacións de cara á nova liga -o estado de alarma suspendeu a de 2019/2020 e a tempada pasada non houbo-, que dará comezo en setembro en Castroverde.

"Botábanse en falta eventos coma este·, dicía Pablo, veciño de Begonte e billardeiro do equipo de Castiñeiro Milenario, que nada máis saír de traballar acudiu ao club fluvial para compartir xantar e festa coa súa muller, María, que fixo exactamente o mesmo. "Esta, xunto coa da empanada, é unha das festas boas do verán para os que vivimos aquí", explicaban estes dous socios do club fluvial, do que gozan especialmente "cando se organizan estas cousas".

Aberto de billarda, no Festival 27373. C.PÉREZ

Comentarios