A feira das aguilladas da Gañidoira estréase como Festa de Interese Turístico

A XXXII Feira do Poldro e do Gando de Monte de Muras superou os malos augurios meteorolóxico e congregou numeroso público e máis de 450 animais na Gañidoira
Un momento da Feira do Poldro e do Gando de Monte de Muras. C. PÉREZ
photo_camera Un momento da Feira do Poldro e do Gando de Monte de Muras. C. PÉREZ

Igual ca un festival sen as camisetas, a Feira do Poldro e do Gando do Monte de Muras, que celebraba este domingo na Gañidoira a súa 32ª edición estreando a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia, non sería o mesmo sen a súa colección de aguilladas. 

Polo medio ou dentro dos 25 curros nos que se xuntaron máis de 450 exemplares equinos e bovinos, as cachabas acompañaban aos feirantes e ao numeroso público que ousaron desafiar os malos augurios meteorolóxicos –de madrugada o temporal destrozou unha carpa, obrigando a cambiar varias propostas de lugar– e non quixeron perderse os moitos atractivos desta lonxeva cita promovida polo Concello de Muras. 

Quizais algúns atinasen cos premios do tradicional certame. A gandería Valencia, con 62 exemplares, foi recoñecida como a máis numerosa e tamén ganou o premio á mellor cría de vacún. Celia Rei presentou o mellor semental; Alejo Doval, a mellor vaca reprodutora, e José María Chao, o mellor lote. Os mellores semental, egua e poldro foron respectivamente Moro, Noite e Fiona, da gandería muresa O Porto, que tamén se fixo co premio ao mellor lote. 

E non foron as únicas distincións, pois tamén se quixo recoñecer ás asociacións de cabaleiros que levan anos sendo fieis á cita, agasallándoas cun simbólico cabalo de Sargadelos. "Este é un evento importante para xuntarnos, para que non se perda o compañeirismo", destacaban dende Docavil de Vilalba, mentres os Cabaleiros de Labrada (Abadín) ou os de San Simón (Vilalba) aludían á "tradición" que para eles supón acudir á Gañidoira, sen esquecer o máis importante, a razón de ser da convocatoria: "Que sigan traendo o gando do monte", puntualizaban dende Atila. 

"Para a provincia, esta feira é un referente", precisaba o rexedor murés, Manuel Requeijo, ao tempo que destacaba a ampla oferta de actividades que se deseñou para conmemorar a declaración como Festa de Interese Turístico e que incluía música, exposicións e exhibicións ou entretementos para os máis pequenos. 

E non faltou tampouco unha das de máis éxito, a degustación da hamburguesa Gañidoira, elaborada dende hai tres anos polo cociñeiro Antonio Díaz con carne de poldro e porco celta, queixo San Simón, pan de espelta e maionesa de soia. E como di o responsable da preparación, sérvense 500... "e máis que houbese".

Comentarios