A Festa da Torta de Millo de Guitiriz ofrecerá música, artesanía e degustacións

A escritora Ánxela Gracián será a pregoeira da festa ► A xornada culminará coa música de Treixadura
García Porto, Morandeira, Campos e Buján, na presentación. T.FORJA
photo_camera García Porto, Morandeira, Campos e Buján, na presentación. T.FORJA

O Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo veñen de presentar a Festa da Torta de Millo, que terá lugar o vindeiro domingo e renderá culto con múltiples actividades ao manxar guitiricense.

"Este evento ten unha importancia máis aló do concello de Guitiriz , ten unha importancia en toda a contorna xa que dinamiza un produto clave da vila", comentaba a deputada provincial Pilar García Porto. A torta de millo é un dos sinais de identidade da vila, tal é como explicaba Marisol Morandeira, a rexedora, que engadía ademais que convidaba "a todos os veciños a achegarse e a desfrutar dun produto que xa é un dos elementos máis recoñecidos de Guitiriz".

A festa, que terá lugar o próximo domingo, día 28, arrincará ás 11.00 horas cunha mostra sobre a importancia do ferro no campo e, tras esta, haberá unha exposición de coches antigos, como xa se fixo noutras edicións, e obradoiros de artesanía.

A cerámica, os teares e a cantería serán os protagonistas e permitirán aos visitantes que se pasen polo Campo da Feira de Guitiriz coñecer parte da historia destes oficios.

Xa cara o mediodía actuará a agrupación Xesta Verde e será a previa á degustación da torta de millo ofrecida polos distintos establecementos da vila que a elaboran. Logo celebrarase o xantar ao aire libre e os tickets para esta poderanse mercar na oficina de turismo do concello e no punto de información do mesmo o propio día da festa.

Pola tarde, ademais dos obradoiros, haberá tamén xogos populares. Xa cara á noite, a escritora Ánxela Gracián será a encargada de dar o pregón, para logo deixar o escenario ao grupo de música tradicional Treixadura, que poñerá fin, ata o ano que vén, á Festa da Torta de Millo.

A presentación desta celebración acabou, por suposto, cunha pequena degustación do doce entre os asistentes.

Comentarios