Vilalba celebra a festa cultural da poesía e das mulleres

A matroa Benita Martínez abordou no seu pregón, feminista, reivindicativo e cheo de recordos, os seus 15 anos en Vilalba. Jesusa Camaño recolleu o premio do XLVIII Certame Literario pedindo máis presenza da escrita nas aulas
Benita Martínez, coa alcaldesa de Vilalba. C.P.
photo_camera Benita Martínez, coa alcaldesa de Vilalba. C.P.

A apertura oficial das festas de San Ramón e Santa María de Vilalba tivo este ano nome de muller, o de mulleres que agradeceron a honra de seren elixidas, mais tamén fixeron oír a súa voz para deixar clara a súa mensaxe.

Na festa cultural por excelencia de Vilalba, a primeira en tomar a palabra foi a escritora e profesora Jesusa Camaño, cuxo poemario, "As feridas dun amor efémero como preámbulo desta morte soñada", foi seleccionado polo xurado -composto por Darío Villanueva, Ramón Villares, Fidel Fernán e Xulio Xiz, quen conduciu o acto- do XLVIII Certame Literario entre máis de 90 orixinais.

Jesusa Camaño. C.P.
Jesusa Camaño. C.P.

 

Para Jesusa, escribir "supón unha terapia para calmar a dor e poñer orde nos queixumes da alma", vertendo emocións "que non saben saír doutro xeito".

"A poesía son feridas que a alma non pode pechar, pero tamén é unha danza da mente co universo, tentando mudalo tempo, facendo equilibrios para loitar contra a sin razón deste mundo alienante e consumista", defendeu, ao tempo que reivindicaba para esta, e para a literatura en xeral, "máis peso nos centros educativos", para corrixir así que as novas xeracións "non entendan os textos, non estean afeitos a deterse neste mundo tolo para contemplar a beleza".

Arriba, autoridades e público asistente. C.P.
Arriba, autoridades e público asistente. C.P.

 

E tamén se parou no idioma: "Escribo nunha lingua que me fixeron sentir allea, porque aínda recaen prexuízos e estereotipos sobre este idioma que gozou de tanto prestixio no medievo", destacou do galego, que foi no que se dirixiu a pregoeira, Benita Martínez, natural de Cuenca, aos presentes.

Vestida co traxe tradicional, Beni fixo un viaxe polos 15 anos que leva destinada en Vilalba, dende a boa acollida de Carmen Otero, Carmen López e Elba Veleiro –a daquela doutora no centro de saúde e hoxe alcaldesa de Vilalba defendeu a cultura como unha "prioridade"–, pasando pola consulta creada para ela e da sala de educación maternal, convertida en multiusos e chea de fotos das irmás Purriños, ata moita iniciativas xurdidas, coma as clases de preparación ao parto na piscina, as barrigas pintadas, as merendas, as comparsas de Entroido...

A pregoeira non deixou pasar a oportunidade de recordarlles a todos os presentes a que "miredes, vexades, valoredes" o traballo das mulleres, "as que coidan de fillos, netos, persoas da súa familia e veciños que o necesitan", as que "son xenerosas" e están "de garda os 365 días, sen cobrar". E tamén animou a "deixar en paz" as embarazadas, a non tocar barrigas nin opinar sobre todo.

Beni aludiu ademais ao acto en memoria da primeira matroa titulada de Vilalba, Concha da Reina, e quixo facer esa homenaxe extensiva a todo o persoal sanitario, sobre todo logo da pandemia. "Damos o mellor que temos, pero necesitamos máis persoal para que teñades a sanidade que merecedes", reivindicou.

Actuación da banda. S.J.
Actuación da banda. S.J.

 

A escultura de Concha recolle uns versos da poeta vilalbesa Luz Airado, que onte lle poñía voz no auditorio a unha actuación conxunta coa Banda de Música e a Escola de Movemento dedicada á maternidade.

 

Non foron as únicas actuacións que ofreceu o acto, no que tamén se puido escoitar ao grupo tradicional Entre Lusco e Fusco, vibrar coa fusión de rítmica e de piano de Tania Gayoso e Fei Fei Li, mergullarse na riqueza vilalbesa cun vídeo e gozar do bo facer do bailarín Iván Villar.

E con mulleres empoderadas seguiu a festa, pois Aida, Sabela e Olaia, Tanxugueiras, ofreceron á noite o primeiro gran concerto das patronais, volvendo pequeno o Campo da Feira de Vilalba.

Comentarios