Guitiriz

O ferro xa non é un problema

Os veciños do casco urbano viviron, por primeira vez en anos, un verán sen turbidez na auga, logo de que o concello executase diversas actuacións para solventar os efectos da súa acumulación no pantano
Pantano de Guitiriz, practicamente baleiro. C.PÉREZ
photo_camera Pantano de Guitiriz, practicamente baleiro. C.PÉREZ

 O ano da pandemia é tamén o primeiro en moito tempo no que os veciños e os negocios do casco urbano de Guitiriz non teñen que facerlle fronte aos problemas de turbidez na auga, derivados principalmente da acumulación de ferro no pantano e acrecentados no período estival, cando o nivel deste baixa.

Un informe emitido en 2018 polo Ministerio para la Transición Ecológica, solicitado polo Concello de Guitiriz a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, concluía que "no encoro os valores obtidos para o ferro presentan unha concentración de 1,408 mg/l mentres que noutros puntos como o río Boedo os valores roldaban o 0,100 mg/l, sendo inferior a 0,200 mg/l, o límite recomendado para o consumo humano".

O problema, que xa levaba varios anos producíndose, foi a máis ata que en 2019 eses altos valores obrigaron a declarar non apta a auga da traída, unha circunstancia que se mantivo durante máis dun mes, no outono, ata que os niveis de ferro baixaron. 

A busca de solucións que corrixisen este exceso de ferro derivado do pantano da área recreativa de San Xoán converteuse nunha prioridade para o Concello, que impulsaba diversas intervencións para tratar de paliar o problema, mentres se estudaba a posibilidade de baleirar e limpar o encoro, unha proposta comprometida de difícil aceptación por parte das administracións responsables, entre outras cousas pola protección da biodiversidade desta paraxe natural ou a xestión dos lodos.

Esta limpeza como tal non chegou a facerse, pero dende o goberno local si se impulsaba, entre finais de 2019 e comezos de 2020, o baleirado total do pantano, aproveitando para iso outra das medidas adoptadas: a construción dun enlace directo entre a canalización dos mananciais que habitualmente abastecen o pantano e as conducións e os depósitos, sen que a auga pase polo encoro, un sistema que xa existía antigamente, pero que quedou en desuso ao habilitarse o pantano hai uns 40 anos, en terreos da comunidade de montes veciñais en man común de San Xoán de Lagostelle.

A medida serviu para testar o correcto funcionamiento do bypass, por se nalgún momento é preciso usalo en caso de urxencia, e tamén para comprobar que retirar a auga do pantano, con capacidade para almacenar ata 95 millóns de litros, é un proceso factible e que non xera problemas, como por exemplo inundacións.

Simplemente, o 25 de decembro de 2019 abríase unha vella comporta e prolongábase o baleirado durante un mes, para reducir riscos. Despois pechouse, comprobando que en só tres días a auga acadaba o nivel suficiente para que o pantano puidese volver abastecer os depósitos, e volveríase abrir, neste caso para modernizar e automatizar o sistema, antes de proceder novamente a encher o encoro, que se abastece dunha media ducia de mananciais da Serra de Montouto.

A posibilidade de descubrir o fondo do encoro levou a que moitos veciños se achegasen á área recreativa de San Xoán para ser testemuñas directas desta inusual estampa e resolver a histórica dúbida de se habería algo aí abaixo —ten un máximo de doce metros de profundidade onde está a presa—. Non se atopou nada especialmente significativo, pero si se conservan as cepas das árbores que se talaron para a súa construción ou peches das vellas fincas.

Malia que baleirar esta gran balsa de auga foi a actuación máis visual, está lonxe de ser a única desenvolvida polo Concello, que tamén modificou os filtros de ferro e lavou todos os do sistema de conducións, e mantén "un control constante da calidade da auga a través de analíticas", precisan. E xa hai un novo proxecto sobre a mesa, para que a falta de problemas sexa permanente. "Temos que seguir traballando para que esta boa tendencia sexa definitiva e por iso continuamos buscando o apoio de Augas de Galicia para a modernización da Etap", destaca a alcaldesa, Marisol Morandeira. 

A rexedora lembra que o Concello quere optimizar estas instalacións, para o que prevé un investimento de 384.938,75 euros. O Idae xa concedeu unha axuda de 261.920,28 euros para a mellora da súa eficiencia e agora o goberno local agarda que Augas de Galicia tamén realice unha achega, segundo quedou comprometido nunha reunión entre a directora do organismo e a rexedora. 

Comentarios