"Vi una manada de caballos por la carretera, yo intenté frenar y no pude"

O conductor que sufriu un accidente na Gañidoira resultou ferido leve ► Catro dos équidos faleceron a consecuencia do forte impacto e un quinto sufriu danos. No sinistro, ocorrido na LU-540 ao seu paso por Muras, viuse involucrado un segundo vehículo
Os bombeiros de Vilalba colaboraron nas tarefas de retirada dos animais para despexar a vía. BOMBEIROS DE VILALBA
photo_camera Os bombeiros de Vilalba colaboraron nas tarefas de retirada dos animais para despexar a vía. BOMBEIROS DE VILALBA

Un accidente na Gañidoira, xusto á altura do lugar no que se celebra a Feira do Poldro e do Gando do Monte de Muras, saldouse cunha persoa ferida de carácer leve, dous vehículos danados, catro équidos mortos e un quinto exemplar ferido.

O sinistro produciuse pasadas as sete da mañá deste luns, cando un turismo que circulaba pola estada LU-540 se atopou cun grupo de cabalos na calzada, á altura do punto quilométrico 26, sen que o seu condutor, un mozo de 28 anos, puidese facer nada por evitar o impacto cos animais.

"Vi una manada de caballos por toda la carretera, yo intenté frenar y no pude frenar", explicou o condutor, mariñeiro de profesión, en declaracións á Televisión de Galicia. O home, que precisou que se dirixía a facer o recoñecemento médico a Celeiro e era o único ocupante do turismo, sufriu algunhas feridas polo forte golpe, se ben, logo de ser atendido no punto polos servizos sanitarios, non precisou ser evacuado en ambulancia.

"Salí bien, solo con este rasguño —explicaba sinalando á fronte—y en la mano tengo cortes", dicía, dando conta das feridas sufridas e tamén dos importantes danos que presentaba o seu vehículo, que non puido continuar a marcha, polo que tivo que ser retirado pola grúa mentres o mozo marchou do lugar do sinistro en taxi.

Un segundo vehículo que circulaba en sentido contrario e no que, segundo precisaron os bombeiros, viaxaban dúas persoas que non sufriron danos, tamén se viu involucrado no sinistro ao non poder evitar os animais que quedaron tendidos sobre a estrada.

Catro dos équidos, que tiñan microchip e pertencían a un mesmo titular —presumiblemente escaparon dalgunha finca próxima—, faleceron a consecuencia do impacto e o outro, que nun primeiro momento non puido ser atrapado para comprobar se tamén tiña microchip e proceder así a identificalo, resultou ferido.

Varios particulares chamaron ao 112 para alertar do suceso e ata o lugar do sinistro desprazáronse axentes do subsector de Tráfico de Lugo, que regularon a circulación mentres se prolongaron as tarefas de limpeza e retirada dos animais da vía; e efectivos do parque comarcal dos bombeiros de Vilalba, que colaboraron nos labores de auxilio e de despexe da estrada. Tamén se mobilizaron para prestar axuda dous operarios municipais do Concello de Muras e persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (Axi).