Felpeto debuta na literatura cunha "historia de vida" co "valor do rural"

Leandro Lamas ilustra O pau de ferro, a ópera prima do xermadés, gran dinamizador cultural
undefined
photo_camera Xosé Manuel Felpeto. C.ARIAS

O xermadés Xosé Manuel Felpeto, actor de teatro, presidente da asociación de veciños de Cabreiros e gran dinamizador cultural, debuta na literatura con O pau de ferro, unha novela que narra "unha historia de vida" dan man de Brais, o seu protagonista, e que "pon en valor o rural".

"Escribir gustoume sempre. Dende a asociación de Cabreiros fixemos varias publicacións, pero máis técnicas, e ía facendo arranxos para guións para documentais ou para cousas de teatro, pero non me decidía a publicar eu só", di Felpeto, que tamén colabora no suplemento A Chaira. E é que, malia estar máis que acostumado aos actos e ás táboas, recoñece que con este debut literario sentiu "medo escénico".

"Sempre tes ese temor de que non lle vai gustar a ninguén", di, mentres fala dunha novela que ten "un pouco de cabeza e un pouco de alma". "Brais estaba aquí posto hai anos -e sinala a un ordenador no que foi acumulando historias- e había que pulilo", di, e continúa falando dun "binomio esencial" para sacalo á luz.

"Se non hai a segunda parte, un editor con ganas ou valentía, cantas historias quedarán nos caixóns?", apunta. No seu caso a editorial Tris Tram de Lugo, a primeira porta á que chamou, deu o si para publicar esta novela, que inspira o seu título "nese pau de ferro que había sempre nas casas do rural e que funcionaba sempre como última posibilidade para liberar algo que se atrancaba".

O libro, a través de 18 capítulos, conta a historia de Brais, "dende que aparece nun canastro destartalado", centrándose na nenez e a adolescencia. "A súa nai abandónao, non coñece ao seu pai e críase coa avoa nun ambiente de moita familiaridade e historias das pequenas cousas", resume.

"Pódelo cuadricular aquí en Cabreiros, na Fonsagrada ou en Boiro, son lugares comúns e a intención é poñer en valor o rural, a comunicación das persoas ou o pasar do tempo, que non corre igual en todos os sitios", apunta, e explica que pese a que o libro se centra en Brais "camiña moitos personaxes", coma o teatro que lle gusta, para dar forma a unha historia con "valores, alegrías e amarguras".

O ilustrador Leandro Lamas foi o encargado de deseñar a portada e varias láminas do interior do libro. "Somos amigos e compañeiros en Aturuxo Teatro e axudámonos a empurróns", di entre risas, mentres agradece un traballo que fai especial a novela. "Nada mellor que el, porque é un fenómeno, un crack", e agradece tamén o papel de Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, por animalo a que Brais saltase ao libro.

Comentarios