A Feira de Parga non terá mercado de aves polas restricións da gripe aviar

A organización da cita dominical recibiu a comunicación dos servizos veterinarios da Xunta de que se prohibía a comercialización e exposición destes animais ata novo aviso
Aves nunha feira de Parga. C.PÉREZ
photo_camera Aves nunha feira de Parga. C.PÉREZ

A Feria de Parga terá que prescindir, ata nova orde, do seu tradicional mercado de aves. Segundo explicaron os responsables da organización, os servizos veterinarios da Xunta de Galicia comunicáronlles esta semana que quedaba prohibida a exposición e venda pública destes animais pola aparición de novos gromos de gripe aviar.

Dende a Feira de Parga, unha das poucas citas que aínda conta coa presenza de animais, precisan que se puxeron en contacto co Concello de Guitiriz para comunicarlle esta novidade, da que tamén teñen xa coñecemento as forzas de seguridade, que velarán porque se respecte a nova normativa.

As restricións afectanlle tamén na xornada deste domingo á tradicional ExpoDegustación de Mos, que contará cunha multitudinaria comida e outros actos, pero tivo que prescindir do concurso comarcal e da habitual exposición de exemplares da raza autóctona galiña de Mos, orixinaria desta parroquia de Castro de Rei.