A Feira do Capón de Vilalba incluirá un showcooking e unha degustación

O Concello recupera a tradicional celebración o día 21, coa participación da maioría dos 38 criadores censados
Presentación da Feira do Capón de Vilalba. C.PÉREZ
photo_camera Presentación da Feira do Capón de Vilalba. C.PÉREZ

O Concello de Vilalba deu a coñecer o programa da recuperada Feira do Capón, que se celebrará o vindeiro día 21 nunha carpa na Praza da Constitución. Entre os actos previstos inclúese un showcooking a cargo do cociñeiro Antonio Díaz, que non só amosará como preparar un capón, senón que os asistentes terán a oportunidade de degustar este produto, que conta con Indicación Xeográfica Protexida (IXP), unha vez cociñado.

A concelleira de feiras e marcados, Antía Rama, explicou que dos 38 criadores censados, que crían uns 1.250 capóns, a gran maioría acudirán á feira. Entre eles repartiranse 950 euros en premios: mellor criador, cesta e par (que se sorteará entre os presentes), criador con máis capóns e un premio especial. A entrega será 11.00 horas, momento no que tamén se outorgará a tablet ao gañador ou gañadora do primeiro concurso de debuxo infantil Cartel da Feira do Capón, a través do que se elixe a imaxe promocional da cita para o ano 2022. 

A cita arrincará ás 9.30 horas e clausurarase ao redor das 14.30 horas e ao longo de toda a mañá, ademais da compravenda de capóns, contará coa presenza de colectivos e de produtos da zona. O grupo Cerna de Árbol será o encargado da animación musical.

A alcadesa de Vilalba, Elba Veleiro, animou a acudir á feira e lembrou que na celebración se respectarán as medidas sanitarias vixentes.

No acto de presentación do evento, que tivo lugar na casa da cultura de Vilalba este martes, tamén estivo presente María José López, en representación dos criadores. Esta recoñeceu que as vendas o ano pasado, maila a situación, se mantiveran, polo que desexou que este ano fose polo menos igual, ao tempo que amosou a preocupación do sector pola folga de transportes.

López explicou que algúns clientes habituais adiantaron a compra do capón, para garantizar telo na mesa polo Nadal e, se a convocatoria se mantén, animou ao outros posibles compradores a acudir á feira e facerse con el ese día.