domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

A Feira do 28 botábase en falta

Xente comendo polbo na feira. C. PÉREZ
Xente comendo polbo na feira. C. PÉREZ
Parga, a última das grandes citas que quedaba por volver, celebrouse coa presenza de máis de medio cento de postos de venda de todo tipo de produtos e unha boa afluencia de público

"A verdade é que xa nos tardaba moitísimo, xa queriamos vir á anterior", explicaba o vilalbés José Fernández dende o seu posto de calzados, o primeiro que se atopaba o público ao acceder á Praza do 28 de Parga. A localidade recuperou este domingo finalmente a súa tradicional feira -a segunda do mes, a do 28, polo día no que tradicionalmente se organizaba-, a última das grandes citas da volta en retomarse, coa presenza de máis de 50 postos de venda de todo tipo de produtos e unha boa afluencia de xente, malia que como puntualizaba José "o día non animou moito".

"Madia leva se tardaba", comentaba tamén Inés Sánchez, que acudiu dende Palas de Rei con pitas. "Hoxe foi frouxiño, a xente ten medo, pero hai que ir pouco a pouco, para nós Parga sempre é una feira moi boa", precisaba, unha opinión compartida por Julio López, da zona de Betanzos. "Xa tardaba vir, polos clientes", dicía dende un posto de planta co que acode todo o ano e que na xornada deste domingo rexistraba una boa demanda de leituga e repolo.

Tamén os queixos e o mel de Sandra Rodríguez, de Boimorto, espertaron o interese do público. "Vai bastante ben a cousa, ata tivemos que ir por máis á casa, que non nos chegaban", explicaba, mentres fronte a ela, noutra das mesas de pedra, Pepe Fórneas, do Corgo, botaba algo de menos as conversas, xa que "con isto da mascarilla, a xente fala pouco", mais agradecía estar por fin de volta nunha feira "bastante boa, bonita e acolledora".

Acadar este resultado é labor da asociación Feira de Parga, que traballou arreo os últimos días para sinalizar o recinto, establecendo distancias e marcando carrís de circulación para cumprir con todos os protocolos, sobre todo na feira de gando, e lograr que o agardado retorno puidese desenvolverse sen incidentes.

"Discorreu con normalidade, contamos coa Garda Civil e con Protección Civil e temos que agradecer que a xente respectase as normas", explican dende a organización, destacando, sobre todo o éxito do postos de polbo, que mesmo se incrementaron con repecto a outras citas. "Parece que a xente tiña ganas del, despois de catro meses", dicían tanto dende a Pulpería Romeán de Lugo como de Roberto do Carballiño.

E malia que, como se adoita dicir, cada quen contará a feira como lle foi nela, a maioría dos vendedores marcharon contentos, e xa non só polas vendas, senón pola volta dun referente.

A Feira do 28 botábase en falta
Comentarios