A feira da maquinaria de Cospeito despídese con grande éxito de visitantes

A animación da xornada estivo marcada pola I Festa da Música
Unha asistente á exposición de antigüidades de Cospeito. SILVIA IGLESIA
photo_camera Unha asistente á exposición de antigüidades de Cospeito. SILVIA IGLESIA

A XXXI Feira da Maquinaria Usada e Artesanía e a XV Feira de Antigüidades de Cospeito despediuse este domingo cunha grande afluencia de visitantes en ámbalas dúas xornadas, animados polas boas condicións meteorolóxicas e a ampla oferta de artiluxios que se ofrecían nos arredor de 50 expositores instalados entre o polideportivo municipal e as naves do recinto feiral, aos que se sumaban decenas de postos de alimentación, roupa, xoguetes, decoración ou complementos.

Ademais, a Feira do Monte acolleu a segunda edición da mostra de coches clásicos, que congregou unha trintena de vehículos que ían desde o Seat 800 ao Citröen 2CV, pasando por un antigo Bentley ou un Renault 5. "A intención que temos é a de potenciar esta exposición para o ano que vén, concentrando un maior número de coches", especificaba o alcalde cospeités, Armando Castosa, quen facía unha valoración "moi positiva" da feira.

"Esta cita reafirmou o potencial que tivo sempre, conseguimos unha gran resposta por parte dos expositores, pero tamén do público", asegurou ao falar do "goteo constante" de xente que se achegou ata a capitalidade municipal entre o sábado e o domingo. "En cada recuncho había algo, ou artigos ou xente", engadiu Castosa.

A animación da xornada estivo marcada pola I Festa da Música, organizada por Asubíos da Chaira que, xunto aos Asubiíños, exerceu de anfitrión ao grupo Dambara, de Burela, nunha iniciativa que promete repetirse o vindeiro ano.

Comentarios