As Pontes converteuse no epicentro provincial do tenis coa disputa do V Torneo por Equipos, organizado polo club pontés, e a primeira proba do Circuíto entre Escolas de Touchtennis, tamén promovida polo equipo local.
O primeiro deles disputouse nas pistas do Canal IV, en categoría absoluta. As normas da competición beben das da Copa Davis, con equipos, de dous xogadores, que participan en partidos individuais e suman puntos.

Os campións foron Dani García, do Ureca de Vigo, e Noel Villarabide, do club de tenis da Coruña. Na segunda posición quedaron Ramón Santos e Ánxel Aragundi, ambos do Punta Salera.
Pola súa parte, o circuíto escolar de touchtennis reuniu 38 participantes no pavillón do Castro da Uz, no que xogaron a esta modalidade tenística que se practica nunha pista reducida, de 12x5 metros nos partidos individuais, con materiais adaptados, como a raqueta, de dimensións especiais, e a pelota, de oito centímetros de diámetro e fabricada cunha espuma específica para esta práctica, e con normas lixeiramente distintas.

Os trofeos de campión e subcampión foron para Bieito Losada e Xoán Losada, en prebenxamín; Martín Pita e Alejandro Sedes, en benxamín; Diego Criado e Xoel Graio, en alevín; Carlos Bouza e Sergio Fernández, en infantil, e Hugo Bermúdez e Joel Luces, en cadete. O resto de participantes obtiveron cadansúa medalla en recoñecemento ao seu esforzo no circuíto, que continuará en Miño o día 28 de xaneiro.
Ademais este chegará tamén a Vilalba, nunha data aínda por confirmar, e tamén está pendente de certificar se unha das xornadas se disputará en Cospeito.